A CIG-Ensino recorrerá a discriminación salarial de máis de 1.000 investigadores/as predoutorais, posdoutorais e dos programas Margarita Salas e María Zambrano
O sindicato remitiu dous escritos á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, requisito previo antes da interposición dos conflitos colectivos
Dous meses despois de que ningún dos tres equipos reitorais das universidades públicas galegas deran resposta a un escrito remitido pola CIG-Ensino demandando o pago das subas salariais de 2022 e 2023 ao persoal investigador predoutoral e posdoutoral, o sindicato dá un paso adiante e promove que a Comisión Paritaria emita ditames sobre dous temas que afectan ao persoal contratado con cargo a programas de recursos humanos nas tres entidades.
Un paso previo necesario: a CIG apela a unha avinza na Comisión Paritaria que evite unha nova xudicialización nas relacións laborais do PDI
O II Convenio Colectivo do PDI Laboral indica no seu artigo 9 que é preceptivo que a Comisión Paritaria coñeza, con carácter previo, calquera conflito colectivo que se suscite no ámbito do convenio.
A CIG-Ensino quere evitar a xudicialización de dous temas que o sindicato considera que deberían ter solución pola vía do pacto. Con todo, o sindicato avanza que acudirá á vía xudicial se non existe acordo.
As universidades deben aplicarlle a exigua suba salarial a todo o persoal vinculado ao Convenio Colectivo de PDI Laboral
A suba salarial que percibiron todos e todas as empregadas públicas correspondente ao ano 2022 (3,5% contando a suba do 1,5% de finais de ano) mais o 2,5% deste 2023 ten que aplicárselle a todas as categorías laborais do PDI.
Se xa é unha vergoña que se aplique unha suba que provoca que sigamos a perder poder adquisitivo, está totalmente fóra de lugar e da legalidade que unhas administracións públicas como son as universidades non lla apliquen a figuras como o persoal investigador predoutoral e posdoutoral. O argumento ofrecido polas universidades de que reciben fondos específicos para pagar eses salarios e que non os van ampliar con fondos propios foi desmontado xudicialmente polo Tribunal Supremo que indica especificamente que, con independencia da procedencia do financiamento, todo o persoal do sector público está afectado polas subas salariais que se aproben nos orzamentos do Estado.
O desfase entre a escalada de prezos e as nosas retribucións afectan a todo o persoal mais como é obvio ten unha especial incidencia naquelas figuras contractuais máis precarias ou que están ao comezo da súa carreira profesional.
As tres universidades galegas vulneran a lei ao detraer a cota patronal das retribucións do persoal Margarita Salas e María Zambrano
O segundo conflito colectivo que promoverá o sindicato maioritario no conxunto das universidades galegas está relacionado coa decisión destas de reducir os salarios das persoas que foron seleccionadas como persoal investigador dos programas Margarita Salas e María Zambrano.
Esta decisión implica para o persoal investigador unha redución importante das contías brutas que figuran no Real Decreto 289/2021 do Ministerio de Universidades polo que se crearon estas axudas, ao se veren na obriga de pagar unha cota que lle corresponde a cada universidade como entidade empregadora que é.
A maioría das universidades do Estado tomaron a mesma decisión que as galegas e só catro asumen neste momento o gasto da cota patronal. A CIG-Ensino solicita unha rectificación que evite un novo xuízo e que sitúe ás institucións galegas entre as primeiras en dar marcha atrás e pagar como corresponde a estas compañeiras e compañeiros.