A CIG-Ensino recorre contra a consulta ás familias sobre a utilización do galego no ensino

Ofensiva contra o galego

A CIG-Ensino, presentou esta mañá recurso contra a consulta que a Consellaría vai realizar ás familias sobre o emprego do noso idioma no ensino. O obxecto deste recurso é reclamar a suspensión desta consulta con carácter inmediato e declarar a súa nulidade porque desde o punto de vista da CIG incumpre os requisitos mínimos que esixe o artigo 78.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, polo que a execución desta consulta podería ser declarada nula.
A CIG-Ensino recorre contra a consulta ás familias sobre a utilización do galego no ensino
 

A CIG-Ensino, presentou esta mañá recurso contra a consulta que a Consellaría vai realizar ás familias sobre o emprego do noso idioma no ensino. O obxecto deste recurso é reclamar a suspensión desta consulta con carácter inmediato e declarar a súa nulidade porque desde o punto de vista da CIG incumpre os requisitos mínimos que esixe o artigo 78.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, polo que a execución desta consulta podería ser declarada nula.
 
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen compareceu en rolda de prensa acompañado pola responsábel de normalización da Federación, Marta Dacosta, e o avogado da central, Héctor López de Castro, cualificou de “fraudulenta” a consulta cuxo único obxectivo “é lexitimar unha proposta enganosa para modificar o Decreto de normalización do galego no ensino”. Dende a CIG lémbrase que o inquérito non cumpre sequera os requisitos mínimos segredo e transparencia exixidos pola lexislación nos procesos de consulta feitos pola administración. 
 
Louzao contextualizou a decisión da Xunta na actitude do PP e o Conselleiro de Educación “de escarnio” cara ao galego. Neste senso subliñou a “tendenciosidade e engano” que supón un cuestionario que imposibilita aos pais e nais a opción de responder que desexan “todo o ensino en galego”, pois tan só se pregunta a opinión sobre as materias troncais, as mesmas que actualmente se imparten en galego. “Ninguén pode dicir que quere todo o ensino en galego”, lamentou o secretario de CIG-Ensino.
 
“Todo este proceso está viciado e non temos dúbida de que non terán problemas para manipular o inquérito se o resultado non é o satisfactorio”, afirmou Louzao, quen criticou que o procedemento se estea a realizar pola vía de urxencia, sen que se produza un debate. A proposta, ademais, asegurou, desautoriza a función docente do profesorado e das equipas de normalización, ás que non se dirixiu a Consellaría en ningún momento.
 
 “A normalización lingüística non é competencia exclusiva dos pais e nais, senón que lle compete a toda a sociedade galega”, reclamando que se respecte o debate que xa no seu día se deu naqueles órganos de representación lexitimados polo conxunto da sociedade galega, no debate do Plano de Normalización Lingüística (do que emana o Decreto), aprobado no Parlamento galego sen oposición e que contou cun proceso de consenso en todos os ámbitos.
 
O secretario da CIG-Ensino rematou a súa intervención insistindo na falacia da que parte o inquérito, lembrando que as dúas linguas (galego e español) “non teñen o mesmo estatus social nin legal; o noso idioma continúa marxinado, polo que non é certo que se poida realizar unha consulta que parte da que ambas linguas teñen o mesmo estatus”.
 
Requirimentos legais
 
Pola súa banda, Héctor López de Castro, avogado da asesoría xurídica da CIG, destacou que a consulta incorre en numerosas ilegalidades que a deslexitiman, razón pola que se presentou o recurso ante a administración reclamando a paralización dos inquéritos. No caso de que a Xunta continúe adiante coa consulta a central vai presentar un recurso no contencioso-administrativo.
 
López de Castro subliñou que a decisión da Consellaría ten consecuencias para o modelo de normalizació lingüística e “anuncia o desmantelamento da protección xurídica do modelo educativo”. Nesta liña, lembrou que o obxectivo do sistema educativo é preparar mediante o coñecemento aos cidadáns para o exercicio pleno dos seus dereitos. “Este dereito democrático é sustuído por unha consulta aos pais e nais que nos leva a unha situación descoñecida no noso sistema. Preténdese que sexan os pais os que decidan a aprendizaxe dos alumnos en función dos seus intereses particulares”.
 
Para o avogado da CIG tamén resulta insólito que un procedemento destas características non cumpra cos requisitos establecidos na lexislación, xa que a consulta é o primeiro chanzo dun procedemento de elaboración dunha disposición xeral, que virá substituír o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
 
En consecuencia, e tal e como se recolle na demanda presentada esta mañá, a consulta tense que enmarcar necesariamente no procedemento de elaboración de disposicións xerais, Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; no Decreto 111/1984, do 25 de marzo, que aprobou o Regulamento de réxime interior da Xunta; no disposto no artigo 24 da Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno, que fixa o procedemento de elaboración normativa e, en último termo, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo”.
 
“O procedemento ten que manter unhas garantías legais mínimas”, aseverou Héctor López, ao tempo que indicaba que o proceso non se iniciou de xeito formal. “A ausencia dun procedemento formal para a elaboración do regulamento que está chamado a substituír o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, determina a ilicitude da consulta”, afirmou o avogado.
 
Neste senso apuntou a que a recollida dos datos non responden aos principios de segredo, transparencia, especialidade e proporcionalidade establecidos na lei, pois nin se sabe quen van ser os destinatarios do cuestionario, cal vai ser a dinámica a seguir, descoñécese o método sociolóxico que vai empregar a Consellaría ou cal vai se a intervención dos centros (que nin están informados nin coñecen as bases da consulta).
 

Volver