A CIG-ENSINO recorre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a Orde que suprime a Literatura Galega do s. XX e outras materias como optativas no Bacharelato

Bacharelato

A CIG-ENSINO vén de presentar un recurso contencioso administrativo ante o Tibunal Superior de Xustiza de Galiza en contra da Orde do 25 de xuño de 2008 (DOG do 27 de xuño) que estabelece a relación e o currículo das materias optativas do Bacharelato.
A CIG-ENSINO recorre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a Orde que suprime a Literatura Galega do s. XX  e outras materias como optativas no Bacharelato
 
A CIG-ENSINO vén de presentar un recurso contencioso administrativo ante o Tibunal Superior de Xustiza de Galiza en contra da Orde do 25 de xuño de 2008 (DOG do 27 de xuño) que estabelece a relación e o currículo das materias optativas do Bacharelato.
 
Este recurso vén motivado porque a Consellaría, mediante esta Orde, suprime no Bacharelato, a materia de Literatura Galega do s. XX e mais as Literaturas Hispánicas, a Literatura Universal Contemporánea e a Xeoloxía sen que fose negociado na Mesa Sectorial Docente, como é preceptivo, segundo a lexislación vixente, a negociación de todos os asuntos que afecten ás condicións laborais do profesorado. Con esta modificación é obvio que vai haber profesorado que se vexa afectado ao diminuír o número de horas asignadas aos departamentos que viñan impartindo estas materias.
 
Resulta totalmente inxustificábel que a Consellaría non rectificase esta resolución que supón un desprezo coa nosa cultura, desvalorizando a nosa literatura, percibíndoa sen a suficiente entidade para que o alumnado, que o desexe, poida afondar no seu estudo e coñecemento. Trátase dun feito sen precedentes que se expulse do ensino a materia de Literatura Galega do s.XX, conquista histórica do ensino galego.
 
Entre outras accións, que ten previstas realizar para que a Consellaría rectifique, a CIG-Ensino vén de solicitar unha entrevista cos presidentes dos grupos parlamentares do BNG e do PSdG. Tamén vimos de solicitar dos departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades resolucións favorábeis para restabelecer a materia de Literatura Galega do s. XX.
 
Numeroso profesorado xa asinou na páxina web da CIG-Ensino a reclamación para que os centros educativos poidan ofertar como optativas no Bacharelato as materias de Literatura Galega do s. XX, Literaturas Hispánicas, Literatura Universal Contemporánea e Xeoloxía como o viña facendo até agora.
 
A CIG-Ensino non desbota outras medidas se a Consellaría non se avén a corrixir este feito que amosa un complexo de inferioridade e, mesmamente, de autoodio coa nosa cultura, afondando na desgaleguización do ensino. Non podemos admitir que se expulse do sistema educativo a posibilidade de que o alumnado poida estudar máis demoradamente a súa propia literatura.

Volver