A CIG-Ensino recorre a decisión das universidades galegas de non convocar a avaliación dos méritos de investigación para o cobro de sexenios do PDI temporal

Malia que hai unha sentenza do Tribunal Supremo que confirma que é discriminatorio non avaliar ao persoal temporal ningunha das tres universidades galegas ten previsto asinar o acordo coa ANECA para este proceso

Despois de ter coñecemento da posición que manteñen as tres universidades de non modificar as convocatorias publicadas no mes de decembro para que o persoal docente e investigador con contrato temporal acredite os méritos e poida acceder así aos sexenios que lle correspondan, o sindicato anuncia que ten presentado tres recursos contra cadansúa universidade.

Tras a sentenza do Tribunal Supremo ditaminada o pasado mes de decembro na que se desestima o recurso presentado por varias universidades madrileñas e se confirma o auto do TSXM no que se recoñecía o dereito do persoal docente e investigador (PDI) laboral non permanente a poder someter a avaliación a súa actividade investigadora, a CIG-Ensino fixo xestións coas tres universidades galegas para saber cal ía ser o proceder das mesmas neste asunto.

Logo de coñecer que ningunha das tres universidades ten intención de incluír na convocatoria de acreditación de méritos ao PDI temporal, alegando que iso requiriría a sinatura dunha addenda ao acordo coa ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación) e o seu correspondente financiamento para que esta dedique medios e recursos a avaliar os méritos do persoal temporal, o sindicato presentou tres recursos xudiciais, un contra cada unha das convocatorias, para que as institucións académicas galegas desistan da discriminación con todas as figuras de contratación temporal que neste momento manteñen (profesorado axudante doutor, colaborador ou interino de substitución).

Desde a CIG-Ensino estamos convencidos de que a estratexia de gañar tempo por parte das universidades, ademais de errada é inxusta, porque segue discriminando o persoal máis vulnerábel e porque finalmente terán que aterse a facelo cando o ditamine así a xustiza. As universidades nestes momentos, e máis aínda na situación de pandemia, deben ser conscientes de que o seu capital máis importante é o humano, que os estándares de calidade os está mantendo o seu persoal e que os traballadores e traballadoras temporais teñen os mesmos dereitos retributivos e de carreira profesional que o funcionariado e o profesorado contratado fixo como xa teñen ditaminado numerosas sentenzas no ámbito galego, estatal e europeo.

Novo recurso contra a ACSUG por exclusión do PDI temporal na avaliación do labor investigador e de xestión

Por outro lado, a CIG-Ensino tamén anuncia a presentación de novos recursos contra as Resolución do 4 de febreiro (DOG do 16) da ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza) por manter na exclusión dos mesmo colectivos con relación temporal coas universidades. O sindicato conseguiu inicialmente a incorporación do PDI contratado doutor interino mais a ACSUG mantén a súa negativa a acoller ás demais figuras contractuais temporais. O sindicato maioritario nas universidades galegas xa recorreu as convocatorias do ano 2020 mais aínda non tivo lugar o xuízo polo que se ve na obriga de recorrer de novo a convocatoria deste ano.

As universidades e a Xunta pechan a vía da negociación, provocando a xudialización das relacións laborais

A CIG-Ensino amósase totalmente contraria á negativa das tres universidades e da propia Xunta de Galiza (ben directamente no que ten a ver coa negativa a convocar unha Mesa de Negociación de Universidades ou indirectamente a través da ACSUG) a usar como vía de resolución de conflitos a negociación. Que nestes momentos as catro institucións públicas manteñan a discriminación salarial do PDI con contrato temporal e que nin sequera se abran a artellar unha saída negociada ao problema é unha mostra da nula vontade de buscar consensos e acordos coa representación do PDI, provocando que teñamos que recorrer á vía xudicial para que se recoñezan os dereitos de todo o PDI galego, sexa fixo ou temporal.

O sindicato fai un chamamento aos tres reitores e ao conselleiro de Educación a mudar a súa posición e a buscar vías de entendemento, tanto entre e a Xunta e as tres universidades para mellorar o financiamento destas e evitar os problemas que se dan neste momento, como entre as diferentes administracións e as organizacións sindicais para evitar que sexa nos xulgados onde teñamos que resolver estes conflitos.

 

Volver