A CIG-Ensino reclamou na Mesa Sectorial que os Decretos de Ensinanzas artísticas regulen o uso do noso idioma

Mesa sectorial 24-03-11

Na Mesa Sectorial de hoxe tratáronse os Decretos polos que se regulan as titulacións de Grao das ensinanzas de Arte Dramática, Música e Danza, Deseño e de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Estes Decretos teñen por finalidade regular o acceso e a realización dos estudos que conducirán ás titulacións de grao correspondente, fixando as especialidades de cada titulación, as materias de cada especialidade e a súa carga horaria. Os Decretos chegan despois de que a Consellaría publicase as ordes que regulaban estas ensinanzas, cando o procedemento debería ser o contrario, debater primeiro o Decreto e despois as ordes que o desenvolven, primeira reclamación que realizou a CIG-Ensino e que pon en evidencia a ineficacia e a falta de planificación desta Administración.

Na Mesa, a CIG-Ensino esixiu que en todos os decretos se recollese que habería que impartir, como mínimo, un 50% das materias na nosa lingua, procurando que o alumnado adquira a competencia necesaria para poder desenvolver a súa vida profesional en galego. Iso implicaría unha especial atención á adquisición do vocabulario específico da especialidade, mais tamén o dominio do idioma, moi especialmente no caso de Arte Dramática, unha especialidade en que o alumnado traballa fundamentalmente coa lingua. A CIG-Ensino denunciou unha vez máis a teimosía antigalega da Consellaría de Educación que recolle nos borradores dos Decretos que haberá que impartir unha ou máis materias en lingua estranxeira, mais se nega a que se recolla calquera especificación sobre o noso idioma. O Director Xeral soamente admitiu a necesidade de realizar materiais en que se recolla o vocabulario específico e manifestou que estudarían as propostas para que as materias destas especialidades atendesen á realidade de Galiza. A CIG-Ensino insistiu na proposta e lamentou que non se recolla a necesidade de impartir aulas no noso idioma, nin que o profesorado reciba formación na nosa lingua.

En relación con isto, a CIG-Ensino reclamou tamén que unha parte da proba de acceso comprobase a capacitación en lingua galega do alumnado.

Respecto do Decreto de Música, a CIG-Ensino reclamou, entre outras cuestións, a implantación da especialidade de Dirección de Orquestra nos Conservatorios Superiores de Galiza, en consideración á demanda existente e á tradición musical do noso país, no que as bandas de música, máis de cen, os coros, ect., seguen sendo un dos motores culturais das vilas galegas. A CIG-Ensino esixiu que se explicase por que non se recollía esta especialidade, máxime cando soamente significaría a contratación dun profesor máis en cada Conservatorio e considerando que hoxe en día o alumnado galego que quere realizar esta especialidade debe facelo fóra do noso país. O Director Xeral acabou por dicir que se trataba dun criterio económico.

A CIG-Ensino denunciou a falta de clarificación do estado actual destas ensinanzas xa que conducen a unha titulación de grao, é dicir, universitaria, mais o profesorado non está homologado co profesorado da Universidade e, así, non ten o mesmo recoñecemento nin a nivel retributivo, nin a nivel laboral, e así non ten asignado un tempo para investigación ou deben solicitar permiso á Universidade para realizar os estudos de doutoramento e mestrado. Neste sentido, a CIG-Ensino reclamou que estes estudos se homologasen, a todos os efectos, aos universitarios.

A CIG-Ensino reclamou que se atendan as propostas do profesorado, despois de comprobar que, nalgúns casos, as realizadas no seu día non foran recollidas e que, sen que se saiba a razón, os plans de estudos recollidos nestes borradores non se corresponden coas propostas realizadas desde algúns departamentos. Ante a nosa insistencia, a Consellaría aceptou que o profesorado poida realizar novamente estas propostas para que a Consellaría poida analizalas novamente.

Volver