A CIG-ENSINO reclamará que como mínimo unha parte da proba das oposicións ao ensino se realice en lingua galega

Esiximos a convocatoria da Mesa Sectorial para tratar a Oferta de Emprego Público

En Galiza, e como resultado das demandas da CIG-ENSINO no seu día, os orzamentos recollen que se poderán ofertar todas as vacantes que se produzan por xubilación anticipada, o que a CIG-ENSINO esixirá, reclamando que se convoque o maior número de especialidades e de prazas. E para isto insta á Consellaría a que realice a convocatoria urxente desa Mesa Sectorial.

A CIG-ENSINO denuncia que a día de hoxe a Consellaría de Educación segue sen convocar a Mesa Sectorial docente para tratar a oferta de emprego público, varios días despois de que o Conselleiro utilizase este tema propagandisticamente.

A CIG-ENSINO reclama que esta Mesa se celebre con carácter urxente e nela vai reclamar que se convoquen todas as prazas que se van producir por xubilación anticipada, que todo apunta a que poden ser un número importante, coa única limitación da demostración do coñecemento do noso idioma.

De acordo con iso, a CIG-ENSINO esixirá nesa Mesa que , como mínimo, unha parte da proba de acceso se realice en lingua galega como mellor forma de garantir que o profesorado que acceda á función pública en Galiza reúna a formación necesaria para cumprir o establecido en materia lingüística, nomeadamente a Lei de Normalización Lingüística. Tamén porque o coñecemento do noso idioma debe ser un requisito básico para todas as traballadoras e os traballadores da Adminsitración pública galega.

A CIG-ENSINO considera inadmisíbel o debate que se está a dar ao redor da futura convocatoria de oposicións en Galiza, con organizacións sindicais que reclaman a limitación das competencias que nos corresponden en materia educativa. É competencia de cada territorio establecer a oferta de emprego público e, por tanto, é competencia de Galiza establecer cantas prazas e de que especialidades se convocan. Xa é excesiva a limitación establecida polo Estado que non só marca o modelo de convocatoria. É inaceptábel e involucionista  que a estas alturas haxa quen poña en tea de xuízo as poucas competencias que temos, pretendendo volver á situación do Estado preautonómico ou que desapareza, na práctica, a propia administración educativa en Galiza.

En Galiza, e como resultado das demandas da CIG-ENSINO no seu día, os orzamentos recollen que se poderán ofertar todas as vacantes que se produzan por xubilación anticipada, o que a CIG-ENSINO esixirá, reclamando que se convoque o maior número de especialidades e de prazas. E para isto insta á Consellaría a que realice a convocatoria urxente desa Mesa Sectorial.

Volver