A CIG-ENSINO reclamará ante o Parlamento Galego o cese do Valedor do Pobo polos seus manifestos prexuízos contra a nosa lingua, o que lle impede realizar as súas funcións con obxectividade

A CIG-ENSINO participará na concentración convocada por Queremos Galego este xoves día 15 ante o Parlamento de Galiza para esixir a dimisión do Valedor do Pobo

A CIG-ENSINO convida a participar na concentración que o xoves día 15, ás 11:30, diante do Parlamento, convoca a plataforma Queremos Galego para exixir a dimisión do Valedor do Pobo.

A CIG-ENSINO levará aos grupos parlamentarios unha proposta para que procedan ao cese inmediato do Valedor do Pobo polos seus prexuízos e odio declarado contra a lingua propia de Galiza, o galego.

Segundo se recolle nos medios de comunicación, o Valedor do Pobo dirixiuse á Consellaría de Educación para que non se utilice un libro de texto de coñecemento do medio por recoller o mesmo que di o Estatuto de Autonomía de Galiza: “A lingua propia de Galicia é o galego”. A CIG-ENSINO considera absolutamente inadmisíbel este feito, un ataque máis á nosa lingua, unha lingua que debe ser obxecto de protección e promoción tal e como regula a lexislación vixente e como esixen os datos sobre o seu uso, algo que non fai o actual Valedor do Pobo, Benigno López, empeñado en agredila.

É completamente reprobábel que cun salario pagado cos nosos impostos, quen debe velar polos dereitos lingüísticos das e dos galegofalantes, empregue a súa posición para atacar o noso idioma. Benigno López non é digno do posto que ocupa porque odia a nosa lingua e, por tanto, non defende, senón que agrede, os dereitos lingüísticos das e dos que reclamamos o noso dereito a vivir en galego.

En 2007, ante as declaracións do acabado de nomear Valedor do Pobo, a CIG-ENSINO manifestara xa que non reunía as condicións necesarias para ostentar o cargo e debía abandonar, xa que as súas declaracións deixaban ver que estaba en entredito o labor que puidese realizar como valedor dos dereitos de todos os galegos e galegas ao por en tea de xuízo o marco xurídico sobre o noso idioma. As súas actuacións ao longo destes catro anos son unha confirmación da súa inadecuación para o cargo que ostenta. Benigno López atendeu as reclamacións de quen perseguiu o noso idioma, admitindo as denuncias de quen se significou por perseguir e acosar os coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización ou o Correlingua, e agora instando a que se retire un libro de texto que recolle o que di a propia lexislación. Porén non tivo a mesma actitude coas entidades ou persoas que solicitaron amparo ao ver negados os seus dereitos lingüísticos a ser atendidos en galego ou expresarse en galego ante as institucións, nalgúns casos na propia oficina do Valedor do Pobo. 

A CIG-ENSINO considera inadmisíbel e reprobábel esta última actuación do Valedor, unha mostra máis do seu odio ao galego. A CIG-ENSINO agarda que a Consellaría de Educación siga sen ter en conta unha recomendación alegal e claramente atentatoria contra a nosa lingua.

A CIG-ENSINO solicitará dos grupos parlamentarios o cese deste valedor e o nomeamento dunha nova persoa que non teña os prexuízos lingüísticos dos que alardea Benigno López.

A CIG-ENSINO reclamará ante o Parlamento Galego o cese do Valedor do Pobo polos seus manifestos prexuízos contra a nosa lingua, o que lle impede realizar as súas funcións con obxectividade

Volver