A CIG-Ensino reclama que se computen os días de goce dos permisos retribuídos en días hábiles

O sindicato vén de remitirlle un escrito ao director xeral de Función Pública para solicitarlle que se adapte o tempo de desfrute dos permisos retribuídos a unha recente sentenza do Tribunal Supremo.

No auto estabelécese que, no marco dun determinado convenio colectivo, o día inicial para o goce dos permisos, cando o feito causante se produza en día feriado, debe ser o primeiro día laborábel seguinte.

Co ánimo de evitar unha nova xudicialización do recoñecemento dun dereito por parte das e dos empregados públicos, desde a CIG vimos de demandarlle á Dirección Xeral de Función Pública que se modifique a Lei 2/2015 de emprego público de Galiza, no sentido de que os días de goce dos diferentes permisos sexan computados en días hábiles. Isto supón adaptarse á sentenza na que o Tribunal Supremo ditaminou que o primeiro día de desfrute dos permisos, se o feito causante coincide nun festivo, será o seguinte día laborábel. Aínda que neste caso o auto cinguíase ao marco dun convenio colectivo, desde o sindicato nacionalista esiximos que se aplique canto antes en todos os ámbitos, tanto na empresa privada como na administración pública. 

Neste sentido, e para non demorar a súa aplicación ata que se modifique a lei, a CIG-Ensino propón que se abra canto antes unha negociación na Mesa Xeral de Función Pública que estenda esta modificación no goce dos seguintes permisos: 

  • Permiso de lactación
  • Permiso por matrimonio ou unión de feito
  • Permiso por accidente ou enfermidades moi graves
  • Permiso por parto
  • Permiso por adopción ou acollemento
  • Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo/a 

Así mesmo, desde o sindicato solicitamos que se aproveite a convocatoria desta mesa xeral para tratar a ampliación dos permisos por parto, adopción e acollemento, así como os da outra persoa proxenitora. Na última convocatoria deste órgano de negociación xa defendemos que nos parecía insuficiente a última ampliación anunciada para os empregados e empregadas da Xunta de Galiza (20 semanas de permiso de parto e 35 días para a outra persoa proxenitora), sendo a nosa proposta o incremento do permiso de parto a 1 ano e a súa equiparación progresiva para a outra persoa proxenitora. A nosa central considera que este é o momento de dar este paso cando recentemente vimos de escoitar os anuncios propagandísticos do presidente Feijoó arredor do futuro Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade do que polo momento non se sabe nada concreto. 

Por último, tamén volvemos solicitar que se modifiquen os aspectos da actual normativa de permisos e licenzas que, ou ben son claramente discriminatorios ou ben non están suficientemente desenvolvidos. No primeiro dos casos está, por  exemplo, a negativa a flexibilizar o permiso para a outra persoa proxenitora nos casos de hospitalización da crianza neonata, impedindo que se interrompa o inicio do permiso como si acontece no caso do permiso de parto. No segundo situaríase a falta de concreción en permisos como o de deber inescusábel no que ten a ver co exercicio de actividades vinculadas ao ámbito familiar, concretamente na necesidade de coidados domiciliarios de fillas ou fillos menores. Na CIG-Ensino detectamos que, en moitas ocasións, este tipo de permisos están sendo denegados cando a protección dos e das menores é unha obriga legal para os pais e nais.

Volver