A CIG-Ensino reclama que o Decreto que regulará a FP en Galiza recolla a regulación do noso idioma nos ciclos formativos

MESA SECTORIAL 23-02-10

Na mesa sectorial de hoxe, día 23, debateuse o borrador do Decreto de Ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza. A CIG-Ensino criticou un dos aspectos máis preocupantes e regresivos desta proposta que é a nula referencia ao Decreto que regula o uso do noso idioma. Así, dentro da política de ataque sistemático ao noso idioma por parte desta Administración, o borrador de Decreto non recolle ningunha alusión ao uso do galego, mais si se recollen as linguas estranxeiras, até o extremo de que o borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira, esixindo un determinado nivel ao profesorado. Para a CIG, é inadmisíbel que se queira promover a impartición de módulos en lingua estranxeira con carácter xeneralizado e, por outro lado, non haxa a máis mínima referencia ao recollido no Decreto 124, que regula o uso do noso idioma nos ciclos formativos.
A CIG-Ensino reclama que o Decreto que regulará a FP en Galiza recolla a regulación do noso idioma nos ciclos formativos
 
Na mesa sectorial de hoxe, día 23, debateuse o borrador do Decreto de ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza. A CIG-Ensino criticou un dos aspectos máis preocupantes e regresivos desta proposta que é a nula referencia ao Decreto que regula o uso do noso idioma. Así, dentro da política de ataque sistemático ao noso idioma por parte desta Administración, o borrador de Decreto non recolle ningunha alusión ao uso do galego, mais si se recollen as linguas estranxeiras, até o extremo de que o borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira, esixindo un determinado nivel ao profesorado. Para a CIG, é inadmisíbel que se queira promover a impartición de módulos en lingua estranxeira con carácter xeneralizado e, por outro lado, non haxa a máis mínima referencia ao recollido no Decreto 124, que regula o uso do noso idioma nos ciclos formativos.
 
Por outro lado, a CIG manifestou ao inicio da súa intervención que, sendo lóxico que Galiza regule a ordenación da FP, o momento escollido non é o máis atinado, xa que neste momento se está a debater o anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel e, aínda que de momento é unha proposta e está en proceso de debate, están a considerarse cuestións que poden afectar a este Decreto e obrigar a unha revisión do mesmo nun período breve de tempo. En relación con isto, a CIG manifestou que se podía comprobar como no borrador que se nos presentou non se recollen algúns aspectos positivos dese Anteproxecto de Lei, mais si se recollen outros dos que a CIG considera máis negativos, como é a posibilidade de que as empresas poidan impartir formación nos centros docentes ou que os centros públicos teñan que avaliar a formación impartida nas empresas privadas para que despois estas poidan conceder os títulos que consideren, cuestións ambas que inciden na privatización destas ensinanzas.
            A CIG reclamou que este borrador sirva para recoller a diminución das rateos de alumnos por aula, por certo unha proposta electoral do PP que non se está a efectivizar. O seu borrador tampouco recolle a posibilidade de realizar desdobres cando se superen os/as 20 alumnos/as por aula. Neste sentido, a CIG propuxo reducir a rateo a 20 alumnos/as por aula e recoller a posibilidade de realizar desdobres.
            Entre outras moitas cuestións, a CIG propuxo que este Decreto sirva para facer uso das competencias propias na fixación do 45% do currículo, engadindo un novo apartado ao artigo 9 que diga “introducir outros módulos profesionais que completen o 45% de contido curricular que lle corresponde a Galiza e que atinxan a áreas económicas prioritarias para a economía galega.”, o que resolvería o conflito dado con módulos como Cociña galega de vangarda.
 
O Director Xeral de Educación e FP volveu demostrar, unha vez máis, a súa prepotencia cuestionando as propostas realizadas. A súa actuación na Mesa Sectorial limitouse a realizar un discurso político para criticar o goberno anterior e a non responder ás múltiples achegas realizadas, limitándose a dicir que serán analizadas.


Borrador do Decreto de ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza:
 
CIG:
Na medida do posíbel debemos tentar ser puntuais porque logo nos alongamos.
O primeiro que temos que dicir é que é lóxico que se regule a FP en Galiza, mais non vén no mellor momento, pois está a debaterse a Lei de Economía Sostíbel que regula aspectos que se recollen aquí e, por tanto, ao mellor haberá que revisalo proximamente.
En termos xerais, hai tres cuestións que son moi preocupantes: a primeira fai referencia á cruzada contra o noso idioma. Neste borrador aparece un artigo que fai referencia a que a Administración procurará que certos módulos se impartan nunha lingua estranxeira, porén non hai referencias ao noso idioma, cando está en vigor o Decreto 124. Para nós é impropio dunha administración que o obvie e non o reproduza. Cando cheguemos ao artigo 16, propoñeremos que se recolla o artigo 11 do Decreto 124.
Segundo: As rateos. Se facemos un decreto, o normal sería avanzar, e así está recollido no programa do partido no goberno. Nós propomos unha rateo máxima de 20 alumnos/as por aula. Tampouco se recollen os desdobres cando se superan os 20 alumnos/as.
Terceiro: O noso rexeitamento á posibilidade de que as empresas poidan utilizar as instalacións dos centros públicos.
 
Respecto do articulado:
Art. 4: Suprimir o obxectivo “favorecer a competitividade”; en todo caso será “ser competente”.
Art. 9: Botamos en falta que non se faga uso das competencias propias. Por certo, hai que mencionar aquí a situación en que está Cociña galega de vangarda. Por iso propoñemos engadir un punto 4: “introducir outros módulos profesionais que completen o 45% de contido curricular que lle corresponde a Galiza e que atinxan a áreas económicas prioritarias para a economía galega”.
Art. 10: Regulamentar como se divide un módulo e a súa carga lectiva que, como mínimo, debe ser de 90 horas. Propoñemos que as unidades formativas non sexan inferiores a 30 horas e non debe dividirse ningún módulo formativo en máis de tres unidades formativas.
Art. 11: Falta incluír as condicións mínimas dos espazos de equipamentos dos módulos e hai que fixalo. Están recollidos no RD. Nós propoñeriamos que sexan aínda máis amplos.
Art. 14.2: Omódulo de proxecto: debe recollerse que, polo menos, unha parte se realice antes da FCT e que teña unha asignación horaria semanal.
Art. 16: Propoñemos que desapareza o apartado 3 que recolle que se impartirán módulos en lingua estranxeira. Outra cousa é que se recolla a ampliación dunha lingua estranxeira a determinados ciclos, mais non vén a nada incorporar a lingua estranxeira con carácter xeral, sacando determinados ciclos.
  • Apartado 4:  Que se substitúa polo que di o artigo 11 do decreto 124: “Formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas: Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, oídos os departamentos correspondentes que deberán supoñer o cumprimento do estabelecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto, para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas. En todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.”
  • Suprimir o apartado 3
Art. 23.1. Autorización para impartir FP semipresencial e a distancia. Débese autorizar soamente a centros públicos, polo que debe dicir “centros públicos”.
Art. 24.2. As probas específicas deben ser abertas porque estamos falando da consecución dun título. En todo caso, que se nos explique por que está así recollido.
Art. 28: Os espazos que se propoñen son completamente insuficientes. Para todos os cargos proponse 30 m. Nós propomos, como mínimo, 50, secretaría 20-30, sempre en metros cadrados; biblioteca 40 m. (se cinco unidades), 60m, 70m.; sala de profesores 50 (por cinco unidades e ampliando en vinte metros cada…)
Art. 28.5: Rateos: esta é unha cuestión fundamental. É excesivo 30 alumnos/as e sen contemplar desdobres. A nosa proposta de rateo máxima é de 20 alumnos/as por aula e que recollan os desdobres.
Art. 31.4: sabemos que é normativa básica mais o do profesorado especialista, ás veces sen titulación, non nos convence.
Art. 32: Ao establecer as funcións de titoría di “e as que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”: Hai que engadir “previa negociación coas organizacións sindicais”. En todo caso, o lugar acaído será o futuro ROC.
Art. 37.2: Que sexan probas abertas.
Art. 41.1: Por unha vez, debe recollerse de xeito afirmativo, pois a Consellaría de Educación debe ofertar eses cursos. Por tanto, debe aparecer obrigada a ofertala e debe recollerse que se farán nos centros públicos. Ademais, un dos poucos aspectos positivos da Lei de Economía Sostíbel son as dúas modalidades de acceso aos títulos, pensamos que deberían recollerse neste decreto.
Art. 44: Hai unha gralla, substituír aliña por parágrafo ou alínea.
Art. 45: O expediente académico no pode ser o único elemento para estabelecer quen accede, ten que ser mixto coa renda familiar. Propoñemos que se teñan os dous aspectos en conta. En todo caso, que se recolla como criterio de desempate. Debería recollerse que as prazas de discapacitados que non se cubran se acumulan ao resto dos colectivos.
Art. 46: Convocatorias de graza. O normal é que, polo menos, haxa unha, que é a que vén habendo noutros tramos educativos, cando ademais se supón que queremos facilitar que o máximo da poboación teña unha titulación.
Art. 58.2: Na medida en que estamos a sobrecargar os centros con traballo administrativo, reforzar as secretarías dos centros públicos.
Art. 60.1: Canto aos servizos de orientación, debe dicir nos centros públicos.
  • Disposición adicional 2º: Contrasta que non se recollan cuestión positivas da Lei de Economía Sostíbel, mais si recolle as que nós vemos como máis perigosas.
  • Respecto do apartado b), debería pór excepcionalmente, porque pode haber casos en que se trate de equipamentos moi específicos. Estamos en desacordo con que as empresas poidan impartir nos centros públicos, por tanto suprimir o apartado c).
  • Apartado e): Vémolo desacertado, pois pode ser unha vía de privatización das titulacións.
 
Na súa resposta, a Administración criticou que nestas reunións saquemos “toda a batería de reivindicacións, cando o importante é facer achegas”, que debemos deixar fóra o debate centros públicos e privados porque xa é coñecido. O Director Xeral di que non entende que non fagamos unha defensa acendida dos idiomas estranxeiros e que este non é o decreto da lingua galega que virá á mesa proximamente. Mais, das moitas propostas realizadas non deu resposta a ningunha delas, limitándose a dicir que o Decreto vai seguir a súa tramitación nos vindeiros días, que recollen as propostas e que as analizarán.
 
Varios:
 
1.      Calendario de negociacións: é inaceptábel que a estas alturas non teñamos o calendario de negociacións, se non se trae un calendario, tomaremos medidas. Ese calendario debería recoller prioritariamente tres asuntos, que, ademais, forman parte do programa electoral do PP, mais para os que non se implica como noutras cousas, así: a regulación da redución horaria a maiores de 55 anos, redución das rateos e dotación de administrativos. Tamén nese calendario deberían figurar os Regulamentos Orgánicos dos centros (ROCs). En relación con este tema díxosenos que os ROCs virán á Mesa Sectorial posiblemente na semana que vén.
2.      Xubilación anticipada. Xa presentamos dous escritos, un dirixido ao Ministerio reclamando a apertura de negociacións sobre o mantemento do dereito á xubilación anticipada, que para nós debe ser con carácter indefinido, e tamén enviamos un escrito a esta Consellaría reclamando a negociación das gratificacións para esta xubilación. Queremos coñecer cal é a postura da Consellaría sobre estas dúas cuestións.
3.      Lista procesos comerciais e economía, xa se comentou que hai unha sentenza que obriga a separalas. É urxente coñecer como vai resolver este tema a Consellaría pois hai moita incerteza entre o profesorado. Explicaron que están estudando como solucionar o tema e que se tratará na Mesa antes de que remate o prazo de entrega de solicitudes para que o profesorado coñeza cal vai ser a súa situación. Inicialmente entenden que ten que haber dúas listas porque iso é o que marca a sentenza.
4.      Reclamamos que a convocatoria das oposicións se faga de maneira que o profesorado poida cumprir o requisito dos seis meses. Indican que farán a convocatoria de maneira que se poida cumprir o requisito.
5.      Bases do Decretazo: reiteramos unha vez máis que se retiren as bases para o decreto de Plurilinguismo e que se volva ao consenso existente, froito do cal foi o actual decreto 124 en vigor.
6.      EOI: reclamar en primeiro lugar a retirada da circular 5/2009 e a apertura de negociacións. A aplicación desa circular supuxo a redución de postos de profesorado e agora suceden cousas como o que está a acontecer en Ferrol onde a Consellaría obrigou a pechar varios grupos de alumnos por baixa matrícula e para rendibilizar os horarios do profesorado, medida que afectou a 23 alumnos e alumnas, e porén agora permite un curso impartido a comerciantes en que só hai 6 alumnos con tres profesores ao seu dispor.
7.      Intercambio estranxeiro. Xa dimos conta na pasada mesa da preocupación dos centros ante a eliminación das axudas aos intercambios. Desde a CIG xa reclamamos que se manteñan esta axudas, pois estes programas non teñen nada que ver cos programas de verán. Os intercambios escolares están directamente xestionados polos centros e non por empresas privadas e os alumnos teñen máis posibilidades de acceso. Ademais os centros estaban traballando xa nos intercambios deste ano. O Director Xeral non responde nada.
8.      Preguntamos pola creación dun novo centro de Secundaria en Culleredo, sinalando que o profesorado está preocupado polo tema, está informado o claustro do que se vai facer?. Tampouco responde.
9.      Conservatorio de Vigo: denunciamos a actitude da Consellaría na resposta remitida ao Conservatorio cando a Dirección do centro se interesou polo motivo de que se lle concedese a unha alumna unha segunda convocatoria de graza, algo que non está previsto. O centro escribiu á Consellaría pedindo aclaración, pois ao centro lle corresponde solicitar e propor estas convocatorias e a Consellaría respondeu dicíndolle que o centro non era parte interesada.
10. Planificación de novos ciclos para o curso que vén. Cales se van impartir para os seguinte curso? Porque haberá que planificar eses novos ciclos, a formación para o profesorado, e por outro lado dotar os centros do equipamento axeitado para a súa impartición.
11. Criterios de oferta de prazas para discapacitados. Queremos saber se tamén se ten en conta a existencia de persoas discapacitadas aspirantes.
12. Reclamamos que se convoquen as prazas de asesores, que non se convocaron o ano pasado. Hai persoas que non están nunha situación irregular. Responden que este curso virán á Mesa.
 

Volver