A CIG-Ensino reclama maior obxectividade na cobertura dos postos de asesores

Na mesa sectorial tratáronse as ordes polas que se seleccionan as direccións dos centros de formación e recursos (CFR) e de asesores do Servizo de Formación do Profesorado, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e

Na Mesa Sectorial celebrada o 31 de maio, a CIG-Ensino mostrou o seu máis enérxico rexeitamento a que na orde de asesores da consellaría se abra a porta a entrada de profesorado de fóra da nosa comunidade e nin sequera se lle esixa o coñecemento da nosa lingua. A CIG-Ensino reclamou que os baremos empregados para a selección destas direccións e asesorías sexa único, pois non se entende cal pode ser a explicación para que as prazas de asesores da Consellaría, precisamente, teñan un baremo diferente das dos asesores de formación, senón é porque todo indica que a norma estea pensada para favorecer persoas en concreto.
A CIG-Ensino reclamou a revisión dos perfís de varias prazas, prazas como unha asesoría de deportes para a que non se pide a titulación específica (mestre especialista en EF ou Licenciado en INEF), senón soamente coñecementos, algo que fai pensar que prazas así descritas teñen, na realidade, os nomes e os apelidos dunha persoa. Ou no caso da asesoría de avaliación e calidade o perfil di que se podería presentar profesorado de matemáticas, informática, lingua española ou inglés. Para alén do desaguisado de que tanto valla un perfil de lingua como de matemáticas, o que non se entende de ningunha maneira, é que non se nomee o profesorado de lingua galega, será que este é o único que non ten coñecementos para asesorar sobre calidade? É incompresíbel que se presenten perfís coma este. Por outro lado tamén consideramos que hai perfís innecesarios e que non se sabe moi ben cal é o obxectivo que teñen, por exemplo a nova asesoría de emprendemento no sistema educativo.
 
A CIG-Ensino fixo fincapé en que se elimine a entrevista persoal. Entendemos que non engade información necesaria para coñecer se unha persoa é a máis axeitada e permite introducir aínda máis subxectividade na selección deste persoal. De feito, xa a propia valoración do proxecto fai este labor de selección, moitas veces en exceso, segundo a valoración da CIG-Ensino, pois vimos observando nestes anos atrás con este goberno como moitas persoas non superan a proba do proxecto, valorada por unha comisión constituída por persoal da Consellaría de perfil político-administrativo e non técnico, como reclama a CIG-Ensino. Isto conleva despois que moitas prazas queden sen cubrir e que acaben sendo cubertas a dedo pola Administración, o que acaba por vulnerar os procesos convocados.
 
Na mesa de hoxe tamén se tratou a orde para a colocación do profesorado provisional en setembro. Esta orde regula a orde en que se asignará posto de traballo ao profesorado que non ten destino definitivo ou que non é funcionario (substitutas, substitutos, interinas, interinos...). A CIG-Ensino reclamou que non se coloque de oficio a este profesorado en materias das que non é especialista, nin en corpos aos que non pertence, cuestións que si sucederon estes dous últimos cursos, e que a CIG-Ensino denunciou.

 

Volver