A CIG-Ensino reclama da Consellaría de Educación que esixa a aceptación da documentación presentada no noso idioma para a tramitación das bolsas de estudos

Esta actuación do Goberno central pon de manifesto que a nosa lingua é tratada como “estranxeira na súa patria

A CIG-Ensino reclama da Consellaría de Educación que exerza a súa responsabilidade como goberno galego que é e proceda a esixir do goberno Español a aceptación da documentación presentada en galego polo alumnado demandante de bolsas.

Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que se teña producido este feito e denuncia que este tipo de actuacións poñen de manifesto que a nosa lingua é tratada como “estranxeira na súa patria” e segue sen gozar dos dereitos que lle corresponden como lingua de todos os galegos e galegas e menos  cos que se lle están outorgando  ao inglés. Máis estes dereitos do que  Así este conflito pon de manifesto que se está a vulnerar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos asinada pola Unesco en 1996 e ratificada tanto polo Goberno Español como polo Parlamento de Galiza e que no seu artigo 16 di: “Todo membro dunha comunidade lingüística ten dereito a relacionarse e a ser atendido na súa lingua polos servizos dos poderes públicos ou das divisións administrativas centrais, territoriais, locais e supraterritoriais aos cales pertence o territorio de onde é propia a lingua.”

Para a CIG-Ensino a solución a este conflito non é que a Consellaría se ofreza a realizar a tradución dos certificados, senón que debe exercer o papel que lle corresponde, o de ser parte dun goberno que debería defender a lingua propia que é, en última instancia, a súa razón de ser. Un goberno galego que o sexa realmente non pode aceptar do goberno español que sinale a presentación de documentación en galego como “defecto” ou que diga que só aceptará documentación en castelán ou inglés, argumentando incluso que non ten persoal para realizar as traducións. A Consellaría de Educación non pode limitarse a ofrecer a tradución dos certificados e debe esixir garantías para o exercicio  pleno  dos dereitos lingüísticos

Para a CIG-Ensino é lamentábel que a Consellaría se teña ofrecido como oficina de tradución no canto de exercer a defensa do dereito a empregarmos o noso idioma propio.

Esta situación pon de relevo a necesidade de que se revise e modifique a Constitución, nomeadamente o artigo 3, que so dota de plenos dereitos aoespañol e non llos garante ao galego e as  demais linguas propias

A CIG-Ensino empraza á Consellaría de Educación a que realice as xestións necesarias para que se acepte a documentación deste alumnado na nosa lingua e se proceda a considerar a súa solicitude.

Volver