A CIG-Ensino reclama a recuperación do horario lectivo e a redución de ratios como principais demandas ante o continuísmo da política da Consellaría

Esta mañá delegados e delegadas do sindicato maioritario concentráronse diante da Consellaría para insistir en que atender as principais demandas do profesorado é máis urxente ca nunca

Tras comprobar o pasado 19 de xuño na reunión mantida co conselleiro de Educación que non vai haber ningún cambio ao respecto das reclamacións laborais e para a mellora do ensino público que levaron a que a pasada lexislatura se convocaran dúas xornadas de folga e unha gran manifestación nacional, a CIG-Ensino continuará nos próximos catro anos de goberno do PP mantendo unha oposición firme á súa política educativa. En concreto, seguirá reivindicando a rcuperación do horario lectivo que tiña o profesorado de infantil e primaria (21 horas lectivas) e Secundaria e outras ensinanzas (18) coa chegada de Feijóo á Xunta. Así mesmo, estará vixilante a respecto do chamado falsamente “Acordo de melloras” sobre todo no que ten a ver coa redución de ratios, que todo apunta a que non se cumprirá sequera nas escasas melloras incorporadas a respecto de computar dentro do cupo máximo da aula o alumnado repetidor ou como dobre ou triple aquel con trastorno de conduta, discapacidade ou dependencia xustificada. Así mesmo, a eliminación efectiva de burocracia, a atención real da diversidade, un plan de fomento da nosa lingua, o freo á privatización da FP e a negociación de aplicar da forma menos lesiva a reforma destas ensinanzas, a igualdade retributiva entre o profesorado e a estabilidade laboral tanto do profesorado fixo como do temporal serán outros eixos da acción sindical nesta lexislatura.

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da Consellaría de Educación ante o continuísmo da política de Educación e o seu inmobilismo que lle foron trasladados recentemente nunha reunión mantida co conselleiro e con responsábeis do seu equipo tras confirmarse que todos os cargos relevantes se manterán nesta lexislatura. 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou duramente a falta de respecto cara ao colectivo docente que asinou maioritariamente en contra do mal chamado Acordo de melloras, recollendo máis de 16.000 sinaturas en apenas cinco semanas. Un acordo que nin sequera se vai cumprir nas escasas melloras que recolle, tal e como están a comunicar os centros nos últimos días. 

A recuperación do horario lectivo, principal elemento de acción sindical

Un dos eixos que van centrar a acción do sindicato nos próximos 4 anos será recuperar o horario que lle foi arrebatado ao profesorado desde a chegada de Feijóo á Xunta: as 21 horas en infantil e primaria e as 18 en Secundaria e noutras ensinanzas. A baixada a 23 horas, sen saber aínda como se van levar a cabo porque a Consellaría xa anunciou que non regulará nada por escrito, en Infantil e Primaria para a CIG-Ensino é insuficiente e o mantemento das 20 horas lectivas no resto de ensinanzas, que nestes momentos só manteñen Galiza e Madrid, aínda que nesta última xa teñen un preacordo asinado, son dúas realidades que sitúan o persoal docente galego nunha precariedade maior que noutros territorios do Estado e moito peor que hai 15 anos.

Redución das ratios en todas as etapas

Outro dos elementos sobre os que pivotará a iniciativa sindical nesta lexislatura e que supón a mellora máis importante na calidade do ensino é a baixada efectiva e real das ratios en todas as etapas educativas e non o que finalmente se vai aplicar o vindeiro curso, só en 4º de infantil, unha medida que se axusta á caída da natalidade e que non ten ningún custe para a administración. Neste sentido, a CIG-Ensino estará moi vixilante en todo o que ten que ver co incumprimento do acordo porque tal e como semella todo o que ten que ver co cómputo dentro das ratios máximas da aula do alumnado repetidor ou que conte como dobre ou tripa quen teña trastornos de conduta, dependencia ou discapacidade debidamente acreditados. 

Dique de contención ante o nepotismo da Consellaría

Suso Bermello destacou que a CIG-Ensino seguirá, como sindicato maioritario no ensino público, xogando o papel de dique de contención contra a política autoritaria e refractaria a calquera avance laboral e que signifique melloras na calidade educativa nos próximos catros anos e fixou como outros temas prioritarios frear a privatización e as cuestións máis lesivas da reforma de FP que se vai implantar a partir do vindeiro curso, loitar polo corpo único docente e pola suba de nivel para todo o profesorado, eliminar a burocracia que lastra a función docente, atender as necesidades do alumnado con necesidades específicas de atención educativa, anular o Decreto do Plurilingüismo e aprobar un plan real que impulse o galego no ensino e mellorar a estabilidade laboral tanto do profesorado fixo como do temporal.

Volver