A CIG-Ensino reclama á Consellaría de Educación melloras en Edixgal
Suso Bermello presenta un escrito á Consellaría de Educación no que se recollen as reclamacións que o sindicato veu recibindo reiteradamente por parte de docentes
A CIG-Ensino presenta mediante o presente escrito o resultado dun inquérito realizado neste curso escolar entre o profesorado do ensino público galego no que se recolleron as opinións de quen está a traballar nas aulas con EDIXGAL. Desde o sindicato recollemos todas as achegas e remitímolas a esta Consellaría co obxectivo de que sexan tidas en consideración e poidan ser propostas que a administración analice e, de ser o caso, asuma para mellorar as condicións de acceso á plataforma e o seu funcionamento, que como se pode observar polas cuestións formuladas polo profesorado, son numerosas e relevantes.
I. En canto ao acceso a Edixgal:
- A implantación de Edixgal nun centro (lembremos que se implanta con seis materias) non debe implicar que o alumnado non perciba axuda para os libros de texto do resto de materias.
- A plataforma debe combinar e achegar materiais para que o alumnado non dependa das pantallas completamente, por exemplo cando debe prepara o exame. Esta dependencia crea rexeitamento e mesmo adicción, e existen investigacións que demostran que ler en soporte dixital en lugar de en papel é menos efectivo en termos de asimilación de contidos.
- Unha vez implantado Edixgal no centro, debe garantirse que o profesorado poida acceder á formación necesaria. En todo caso, debería regularse o acceso do profesorado aos niveis en que está implantado EDIXGAL de maneira que se garanta que o profesorado ten formación no uso desa plataforma.
II. Contidos ofertados desde a plataforma e que deberían requirir a todas as editoriais:
- Ampliar e mellorar os recursos da plataforma e que estes sexan máis variados.
- Que se inclúan contidos para traballar a atención á diversidade e materiais para as ACS. E que se poidan asignar tarefas e exercicios dos propios libros de maneira personalizada.
- Que se amplíe a diversidade de editoriais que fornecen contidos (incluíndo editoriais galegas).
- Que se incorporen a Edixgal como recursos e materiais os elaborados con licenzas por estudos, previa autorización dos seus autores e autoras.
- Que se convoquen licenzas específicas para elaborar materiais Edixgal que dean lugar a materiais dixitais con licenzas libres e utilizábeis por toda a comunidade educativa.
- Comprobación e revisión permanente de erros nos contidos (mapas que se repiten, datas incorrectas...) e nos exercicios dixitais de corrección automática. Hai exercicios mal resoltos, o que crea problemas ao alumnado cando os realiza e, ao seren de corrección automática, o profesorado non o pode modificar.
- No caso dos cursos de 2º ciclo que se incorporaron neste curso 2021/22 á plataforma, non todas as materias teñen acceso á totalidade dos contidos do curso (por exemplo no libro Netex en diversas materias) o cal, non só é contraditorio coa esixencia de ter entregada a programación, senón que impide que se poida organizar a distribución dos contidos.
- Que se incorpore un documento resumo mais curto e descargábel dos contidos sen as actividades, destinado ao repaso e ao estudo. Ou que se editen cadernos que sirvan de material complementario.
- Que todas as editoriais aporten materiais complementarios como exames e rúbricas ao profesorado por se os queren usar como referencia ou, cando menos, a posibilidade de confeccionalos a partir das unidades impartidas.
- Anexo I: propostas concretas por editoriais e materias.
III. Uso da lingua galega
- Corrección no uso da lingua galega en todos os contidos (tense detectado en Ciencias da Natureza e Historia que o galego, entre outros nos contidos de Aula Planeta, son mellorábeis).
- Que os textos das materias que se imparten en galego estean completamente en galego, isto é, tamén nas mensaxes de corrección que se xeran cos exercicios, por exemplo. Dáse a circunstancia de que na propia materia de Lingua galega figuran textos en español, a pesar de ter sido comunicado reiteradamente por docentes da materia.
- Que se creen contidos en lingua galega para todas as materias de xeito que poidan ser utilizados puntualmente ou, no caso de así se decidir no PLC, mesmo que se poidan impartir totalmente en galego.
IV. Funcionamento dos equipos informáticos.
- As restricións de acceso a contidos da rede resultan arbitrarias, cando o alumnado pode acceder a contidos como Instagram ou Facebook, mais non a contidos científicos como o vídeo dun parto, publicado polo Ministerio de Sanidade, unha curtametraxe en contra da violencia machista, etc. Semella que a restrición de contidos non estea realizada en base a criterios de idoneidade pola idade dos destinatarios. Por outro lado, moitas veces os vídeos abren a ventá de Youtube en que se ofrecen vídeos de todo tipo (como sucede na materia de filosofía). Non é lóxico que se poida acceder a vídeos non recomendábeis pola Consellería de Educación ou a propia editorial, mais que outros que teñen contidos educativos non se poidan mostrar.
- Que os ordenadores non traian xogos instalados nin o alumnado poida acceder aos xogos en liña.
- Renovación dos equipamentos, especialmente nas aulas, e cos que se poidan superar as limitacións da maqueta libre.
- Que o profesorado poida, como o alumnado, manter o equipo que lle foi entregado, mentres imparta en Edixgal.
V. Funcionamento técnico da plataforma:
- Detección, recepción e resolución dos erros técnicos de maneira inmediata. Por exemplo, en datas recentes estaba fallando a publicación na web, dentro do apartado do curso correspondente, dos "proxectos (contidos ou exercicios)" que se crean.
- Incrementar a presenza e frecuencia de visita do persoal informático aos centros educativos para solucionar os problemas do día a día.
- Que unha persoa do centro teña permisos como administradora.
- Que o tamaño máximo dos arquivos de subida en Edixgal sexa superior a 300 Mb, para que, por exemplo, cando hai que cargar un curso en setembro, non haxa que facelo por partes. Por outro lado, tamén son insuficientes para traballar nalgunhas materias en que poidan necesitar utilizar moitos vídeos (EF ou Plástica por exemplo).
- Que o alumnado teña unha conta de correo corporativo, gratuíta e de uso preferente a outros servidores, como ten o profesorado. Isto melloraría tamén a comunicación dos avisos, que agora mesmo non reciben por correo como o profesorado e poden pasarlles desapercibidos se non entran en Edixgal, co cal o procedemento de mensaxería non cumpre as expectativas de comunicación do persoal docente co alumando.
- A mensaxería de alumnado tería que ter modo de bloqueo entre eles se así o decide o equipo educativo. Agora mesmo a solución é bloquear a todo o centro... non parece o máis adecuado, pois haberá unhas aulas que o empregan correctamente e pode que noutras non se faga así... Ademais non o pode solicitar o propio docente, ten que ser por medio da dirección do centro...
- O sistema de cualificacións de Edixgal é bastante complexo. Se se quere utilizar como caderno de notas, é moi difícil de configurar, e debería ser moito máis simple, ou dar opcións simplificadas, pois ofrece a posibilidade de comunicar directamente ao alumnado a súa nota.
- Aumentar a duración da caducidade das sesións, cando menos dunha hora para permitir o traballo durante unha sesión completa (este curso temos que identificarnos continuamente).
- Mellorar a recarga dos exercicios do alumnado, que poidan recuperalos sempre (cando teñen que deter o ordenador e levan un exercicio polo medio, non teñen opción de gardalo e pérdense os contidos, e ao mellor é unha resposta longa).
- Que determinados contidos xerais, como normas de clase, poidan ser elaborados e compartidos en todos os cursos (como en Classroom que cada vez que se elabora material existe a opción de envialo a diferentes cursos).
- Que o profesorado poida borrar as súas materias. Cómpre ter en conta que, mentres o XADE non se pon ao día, precísase crear materias que logo haberá que borrar para traballar co alumnado nos primeiros días.
- A procura de profesorado para incluír como coautor/a nun proxecto debe mellorarse para poder facer buscas por centro ou provincia (agora mesmo estamos todos e todas nunha única listaxe e hai que buscar por orde alfabética)
- Que os equipos danados non se tiren e sexan reciclados.
Anexo I: propostas concretas por editoriais e materias
Nétex:
- Mellorar a calidade e o nivel dos contidos da Editorial NETEX.
- Lingua:
- Estruturar mellor os contidos de Lingua nas unidades: ás veces aparecen cuestións de Gramática en Léxico, por exemplo.
- Hai unha ausencia case total de textos literarios que acompañen a teoría sobre a literatura galega.
- Matemáticas,
- Ofrece moi poucos exercicios para traballar os contidos de cada tema.
- Que os contidos e actividades modificados polos docentes na Editorial Netex nos libros SmartClassroom se garden dun curso para outro ao facer as copias de seguridade.
Edebé
- Que presente unidades temáticas interactivas e que non sexan simplemente PDF.
- Xeografía e Hª 1º ESO:
- A maior parte dos vídeos non se escoitan ou non se poden visualizar.
AulaPlaneta
- Que as unidades temáticas de AulaPlaneta teñan coherencia estrutural para que poidan usarse como “libro de referencia” nas aulas.
Valores Éticos
- Os vídeos están descontextualizados e poden levar a equívocos.
- Case todos os exercicios e actividades remiten a páxinas web en moitos casos de escasa calidade ou tendenciosas.
- Nalgúns casos son moi cuestionábeis os valores éticos que estes libros ofrecen sen ningún contrapeso nin crítica.
- Non fomentan o debate e contraste de ideas e valores e case todos son moi dogmáticos.
Non cumpren varios dos estándares e obxectivos xerais de materia e etapa.