A CIG-Ensino reclama 256 vacantes de PT e AL a maiores das xa ofertadas no actual Concurso de Traslados de Mestres

Un estudo do sindicato destaca a existencia de centos de prazas destas especialidades que se veñen dotando desde hai anos con profesorado provisional e que poden ser cubertas por profesorado definitivo

O pasado 30 de novembro de 2017 a CIG-Ensino remitiulle un escrito á Subdirección Xeral de Centros e Recursos Humanos cunha listaxe que inclúe un total de 256 prazas, das que 110 son de Pedagoxía Terapéutica en centros de Infantil e de Primaria, 127 son de Audición e Linguaxe neste mesmo tipo de centros e 19 son de Pedagoxía Terapéutica en IES.

Na Mesa Sectorial na que se negociou a orde de Concurso de Traslados (CXT), a CIG-Ensino fixo especial fincapé en que deberían saír a concurso, en todos os corpos e especialidades, todas e cada unha das prazas que a día de hoxe son necesarias para o funcionamento dun centro educativo. 

Ao respecto do corpo de mestres, desde a CIG-Ensino trasladamos naquela Mesa a demanda de que se ofertasen un número importante de prazas de PT e AL que están funcionando desde hai anos nos centros de infantil, primaria, educación especial e secundaria, maioritariamente por riba do actual catálogo. A incorporación desas prazas implicaría cumprir coa literalidade do acordo de catálogos de 8 de xuño de 2007 asinado pola CIG-Ensino e as demais OO.SS. coa Consellaría de Educación e que dicía o seguinte: 

"Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e o tipo de necesidades, especialmente de PT e AL.

Asemade, nos centros educativos que non conten con PT e AL, a Administración Educativa adoptará as medidas oportunas para atender as necesidades que se presenten”.

 

É obvio que este incremento de vacantes implicaría un cambio na política de oferta de prazas destas especialidades por parte da Consellaría e como CIG-Ensino lembramos o compromiso expresado polos seus representantes de abrir a posibilidade de incrementar as prazas de PT e AL con máis profesorado definitivo.

Así, o pasado 30 de novembro de 2017 a CIG-Ensino remitiulle á Subdirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha listaxe coa reclamación dun total de 256 prazas, das que 110 son de PT en centros de Infantil e de Primaria, 127 son de AL neste mesmo tipo de centros e 19 son de PT en IES. Entendemos que todas e cada unha delas cumpren os requisitos para seren incorporadas na oferta de prazas a adxudicar no presente CXT. A súa incorporación redundaría nunha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), ao tempo que suporía que todo o profesorado de PT (109) e AL (148) en expectativa de destino ou en prácticas poida obter destinos definitivos.  

Á parte de que a oferta destas vacantes permitiría que todo o profesorado de PT e AL (257) en expectativa e en prácticas acadaría destino definitivo, tamén se melloraría a atención á diversidade e ás necesidades específicas de apoio educativo.

Deste xeito acadaríase unha demanda que desde a CIG-Ensino entendemos como moi positiva tanto desde a perspectiva laboral como educativa: a consolidación de cadros de persoal fixos, reducindo ao máximo a provisionalidade e rematando coas diferenzas no tempo de provisionalidade entre as diferentes especialidades do corpo de mestres.

Neste sentido, cómpre ter en conta que na adxudicación de destinos provisionais (CADP) do actual curso houbo 710 prazas de PT e AL en centros de EI, EP e EE así como 90 de PT e AL en IES. As vacantes que a CIG-Ensino reclama que sexan incorporadas neste CXT supoñen, por tanto, só o 32% do total das vacantes cubertas con destino provisional e responden a diferentes criterios e realidades contrastadas cos propios centros educativos e co profesorado afectado. Hai que ter en conta que non incluímos nesta demanda aquelas prazas que terían carácter itinerante xa que non puideron ser pedidas con ese perfil no prazo de solicitudes do CXT, así como tampouco as vacantes de AL e IES que se manteñen desde hai anos por idéntico motivo. 

Moitas destas prazas, como dicimos, implicarían un incremento do Catálogo de Postos de Traballo mais non suporían un incremento do número total de profesorado, un tema de momento considerado tabú polo goberno do PP e que contou co aval de determinadas organizacións sindicais de ámbito estatal no mal chamado Acordo de estabilidade do pasado ano.

A CIG-Ensino reclama 256 vacantes de PT e AL a maiores das xa ofertadas no Concurso de Traslados de Mestres

Documento


Volver