A CIG-ENSINO propoñerá na Mesa Sectorial un calendario escolar que non supere os 175 días lectivos de acordo cos calendarios aprobados nos últimos anos en Galiza

O próximo martes está convocada a Mesa Sectorial Docente para tratar entre outros temas o calendario escolar para o curso 2011-2012.

A CIG-Ensino vai esixir que o calendario escolar non supere os 175 días lectivos, establecidos na LOE. De acordo con isto proporá que o descanso de Nadal comece o día 22 de decembro, inclusive, e que o período de descanso da Semana Santa sexa do día 5 ao 13 de abril, ambos os dous inclusive, é dicir comezando o xoves santo e prolongándose na semana seguinte, proposta que unificaría o calendario de vacacións en Galiza. Do contrario a CIG-Ensino proporá que o curso comece o día 12 para Infantil e Primaria e o 19 para Secundaria, rematando o 21 e o 22 de xuño respectivamente.

A proposta da Administración segue mantendo un cambio regresivo: a eliminación da xornada matinal reducida en xuño e setembro. A CIG-Ensino vai reclamar unha vez máis que se recupere a xornada reducida en xuño e setembro, unha demanda que no seu día foi avalada polo 78% do profesorado que participou moi amplamente nas mobilizacións e na folga entón convocadas pola CIG-Ensino, malia a campaña desmobilizadora e o acordo coa Consellaría das outras organizacións sindicais. A xornada matinal reducida en xuño e setembro segue sendo unha cuestión fundamental desde un punto de vista pedagóxico e laboral, pois hai que considerar o cansazo do alumnado en xuño e a adaptación ao ritmo de aprendizaxe en setembro.

Por outro lado, e recollendo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores, AELG, a CIG-Ensino proporá que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, se inclúa no calendario escolar como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua literaria e a nosa literatura, a nosa autora máis universal, figura que cómpre seguir coñecendo e recoñecendo, por iso, como xa solicitamos no seu día, demandamos que se recolla no calendario escolar esta data, o mellor xeito de afondar no seu coñecemento. Neste sentido a CIG-Ensino xa presentara un escrito dirixido ao Conselleiro de Educación, e volverá realizar a proposta este martes.

Por outro lado a CIG-Ensino proporá que se elimine a referencia ao transporte, pois non aceptamos que sigan sendo as empresas do transporte as que marquen os horarios dos centros e reclamaremos que, se é necesario, o período de adaptación en Educación Infantil se poida prolongar até o 30 de setembro.

A CIG-Ensino esixirá que nas Escolas Oficiais de Idiomas o calendario se adapte á súa realidade, facendo unha proposta de datas que permita a realización das probas no mes de setembro. O mes de setembro non deben iniciarse as aulas polo alto número de probas, hai que ter en conta que normalmente non rematan antes do día 20 e teñen que ser avaliadas conxuntamente por dous profesores. Os grupos non se poden configurar até que están rematadas as probas e despois se comproba que matrículas se poden aceptar, etc., por iso respecto das EEOOII a CIG-Ensino propoñerá que se recolla que poderán adaptar o seu calendario por mor da realización das distintas probas.

En Formación Profesional a CIG-Ensino esixirá que as modificacións de horario do profesorado con alumnado en Formación en Centros de Traballo se faga de acordo co profesorado afectado e que nunca se usen esas modificacións para cubrir baixas doutros docentes, sen prexuízo de que nese período poidan realizar actividades de formación dentro do seu horario lectivo.

Para máis información da mesa sectorial e consultar a orde que se vai debater sobre o calendario escolar preme nesta ligazón

Volver