A CIG-Ensino propón a retirada do Proxecto de Decreto polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional

Información Mesa Sectorial do día 10 de xuño

Antes de se iniciar a Mesa Sectorial. a CIG-Ensino dirixiuse a todas as organizacións sindicais para propoñerlles o seguinte: a) Esixir a retirada do proxecto e reclamar a apertura dun período de información e negociación. b) Se a Consellaría se negase á petición sindical, abandonar a Mesa en sinal de protesta, esixindo ser convocados a unha nova mesa na que se tratase o resto da orde do día proposta. Despois de debater esta proposta, houbo unanimidade en demandar da Consellaría a retirada do punto, mais non todas as organizacións estaban dispostas a abandonar a Mesa en sinal de protesta.

Finalmente CIG-Ensino, UGT e STEG abandonamos a Mesa, mentres CCOO e ANPE quedaban sentados con Mira Lema que se negou a retirar este punto da orde do día.

A CIG-Ensino lamenta profundamente que nun contexto como este, en que a Consellaría teima en impor a súa redución de postos de traballo e de eliminación de postos escolares no ensino público, haxa organizacións sindicais que non entendan que hai que dar unha resposta contundente e que sigan sentadas negociando outros temas como se unha redución de 198 postos de traballo e 1580 postos escolares puidese ser despachada cunha petición de retirada do punto na orde do día, cando a Consellaría se nega a aceptar unha posición sindical unánime.

Inicio da Mesa Sectorial e petición de retirada do proxecto:

A CIG-Ensino trasladoulle ao Director Xeral de FP, responsábel deste proxecto, que agardaba que nesta Mesa Sectorial se nos pedisen desculpas, somos os representantes de 32000 docentes, polo trato recibido e pola falta de respecto manifestada pola Consellaría en todo o relacionado con este tema. Neste sentido, a CIG-Ensino lembroulle a Mira Lema que “democracia” tamén é o respecto aos dereitos das traballadoras e dos traballadores.

A CIG-Ensino lembroulle que hai máis de dous meses que na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino e despois outras organizacións, pedimos información sobre unha posíbel creación de centros integrados, ao que sempre se nos respondeu que se estaba estudando o tema máis que non había nada concreto. A CIG-Ensino, ante a contradición entre a información que se nos daba na Mesa e a existencia de documentos oficiosos e entrevistas nalgúns centros, chegou a formular a pregunta por escrito, o 18 de maio, para esixir unha resposta oficial na Mesa Sectorial.

Fronte a isto, a Consellaría convocou Mesa Sectorial para tratar varios temas, entre eles dous temas importantes de FP, e o Director Xeral responsábel, no canto de estar presidindo a Mesa, está nunha rolda de prensa na que informa por primeira vez da creación destes CIFP.

É inaudito e incomprensíbel que, a estas alturas do curso, se leven a cabo medidas con tantas consecuencias laborais e educativas, sen que se informe ou debata previamente. É un desprezo ao profesorado, ás organizacións sindicais que os representan, ás direccións que foron informadas o mesmo día, reuníndoas sen indicarlles para que eran convocadas, ás direccións ás que non informaron ou o desprezo ao propio Parlamento, no que o Conselleiro, comparecendo a petición propia, non respondeu a cal era a ordenación prevista de FP.

A CIG-Ensino dixo que non estaba disposta nin en condicións de negociar este tema tal e como se fixo. Esiximos que se abra un período de información, negociación e contraste e se se conclúe que fan falta os CIFP concluirase, aínda que tampouco é imprescindíbel, a día de hoxe, recorrer a esta figura para dar cobertura a estas ensinanzas.

Evidentemente, a proposta presentada pola Consellaría está nas antípodas do que nós poderiamos contemplar, porque na realidade significa unha reconversión, un ERE a estas alturas do curso.

O Director Xeral, Mira Lema, xustificou a súa actitude dicindo que se convocara ás direccións o mesmo día en que se fixo pública a nova e que tiñan que facer esta ordenación porque había moita demanda de ciclos de FP, e que para atender esta demanda non van crear novos centros, habendo centros que se poden transformar.

Á nosa denuncia de que ocultou a información responde:Que se fixo con ocultismo? Fíxose como se fai sempre” e engadiu “os prazos son suficientes”. Tamén insistía en dicir que non se lle dera ningún argumento para retirar este proxecto, malia os datos que lle puxemos unha vez máis enriba da mesa ou a unanimidade sindical.

A Consellaría argumenta que estamos a falar dun prexuízo inexistente porque as persoas afectadas teñen reservadas as prazas do concurso de traslados e van concursar con dereito preferente, respecto dos que estean en idade de se xubilar, malia ter pasado o prazo, estudarían algunha petición individualizada.

A CIG-Ensino rexeitou que a Consellaría persista na súa actitude de facer un cambio destas dimensións o 10 de xuño. Sen entrar nas provocacións realizadas polo Director Xeral sobre as motivacións que nos levan a pedir a retirada do punto e abandonar a mesa como protesta, volvemos esixir a retirada do proxecto para iniciar un proceso de negociación e contraste, co obxecto de fixar unha oferta de Formación Profesional, Bacharelato e ESO co consenso necesario. Ante a negativa da Administración, levantámonos da Mesa, reclamando unha nova convocatoria para os restantes puntos da orde do día.

Cómputo da antigüidade:

A Consellaría informou que para o profesorado suprimido e desprazado non vai aplicar o recollido no Decreto 140/2006 en vixencia, e que estabelece que a antigüidade no centro de orixe, para os desprazados e suprimidos por integración ou cambio de ensinanzas, só se computará para efectos do concurso de traslados (artigo 7.1). Mais, a Consellaría anunciou que, con base en diferentes sentenzas, se debe considerar a antigüidade do centro para todos os efectos. Neste sentido, a Consellaría vai trasladar á orde que desenvolve a creación de centros integrados o criterio que aparece nas sentenzas.

Rexeitamento desta imposición:

A CIG-Ensino fai un chamamento a todos os centros escolares afectados para que a través dos seus Claustros e Consellos Escolares rexeiten esta imposición que só vai servir para destruír postos de traballo e postos escolares en detrimento do ensino público.

Información relacionada:

http://www.cig-ensino.com/novas/10-6-2011/a-cig-ensino-exixiu-a-retirada-do-decreto-de-creaci-n-de-centros-integrados

http://www.cig-ensino.com/novas/9-6-2011/non-a-reconversi-n-de-centros-que-supo-an-recortes-de-unidades-e-profesorado

http://www.cig-ensino.com/novas/7-6-2011/a-cig-ensino-denuncia-que-a-consellar-a-mente-cando-di-que-crea-1100-prazas-de-fp

Volver