A CIG-Ensino presentou propostas para mudar e mellorar o borrador ministerial de asignación de materias da ESO e o Bacharelato ás diferentes especialidades

Na Mesa Docente Estatal celebrada hoxe martes, 20 de decembro de 2022

No texto tamén se inclúe un cambio transcendental ao asignar docencia dunha materia por vez primeira ao profesorado da especialidade de Orientación

Na Mesa Docente estatal convocada polo MEFP debateuse un borrador de Real Decreto no que se introducían as seguintes novidades:
  • Asignación das materias da ESO e Bacharelato ás diferentes especialidades docentes, incluída a materia de Formación e Orientación Persoal e Profesional á especialidade de Orientación educativa
  • Asignación dos ámbitos non profesionais da FP Básica
  • Asignación de materias do Bacharelato da modalidade de Artes a docentes de artes plásticas e deseño e de música e artes escénicas
  • Disposición para que que as administracións educativas poidan determinar as condicións nas que as mestras e mestres de PT e AL exerzan as súas funcións na ESO.
  • Disposición para que as administracións educativas poidan regular que a materia de Tecnoloxía e Dixitalización poida ser impartida por profesorado, para extinguir, do corpo de PTFP así como funcións de atención á diversidade
  • Incorporación de titulacións LOE de Técnico Superior nas equivalencias de determinadas titulacións, a efectos de docencia, para o ingreso nos corpos de Profesorado e Mestres de Taller de Artes Plásticas e Deseño

A CIG-Ensino denuncia o cambio proposto polo Ministerio no actual sistema de orientación educativa e profesional coa asignación de docencia ao profesorado desta especialidade

O sindicato solicitou a retirada da asignación da materia optativa de 4º da ESO Formación e Orientación Persoal e Profesional ao profesorado de Orientación, mantendo a situación actual, pola cal o tempo de traballo destes profesionais non contempla a docencia directa senón toda unha lista de funcións propias da orientación profesional, a atención á diversidade, a intervención educativa, o asesoramento ao profesorado, a atención ás familias, a posta en marcha de protocolos... entre outras moitas.

Esta materia asígnase con carácter preferente a profesorado de Orientación, FOL e Economía. Tendo en conta que só existe FOL en centros con ciclos de FP, a medida implicaría que en moitos casos tivese que ser a persoa ao cargo de Orientación quen se tivese que facer cargo da materia.

Fixémoslle ver ao Ministerio que introducir esta asignación só pode derivar nun recorte das funcións de orientación nos centros educativos, cando no día de hoxe xa en moitos casos son insuficientes os recursos existentes. En Galiza, despois de ter reclamado un aumento de recursos na orientación no centros con maior diversidade e máis alumnado só se dotou a menos dunha vintena de centros dunha segunda praza de Orientación. A proposta ministerial camiña no sentido contrario: restarlle tres horas ao profesorado de Orientación para impartir docencia dunha materia optativa só reduce o tempo que teñen para exercer as súas funcións. Estamos ante un indicativo máis da importancia que ten para o Ministerio a función orientadora nos centros, trazando un camiño de desprezo, ou cando menos desidia, cara un dos piares fundamentais do noso sistema educativo ao que esperamos que algún día se lle preste a atención que merece. O feito de que a  formación do profesorado de Orientación puidese situalo como unha das especialidades axeitadas para impartir esa materia non pode obviar que nas condición actuais nas que desenvolven o traballo fan completamente imposíbel a compatibilidade coa redución de horario para impartir docencia.

A CIG-Ensino esixe a retirada desta asignación docente aos PES de Orientación Educativa e considera que a única proposta válida pasa por reforzar a dotación de profesorado especialista na atención á diversidade: orientación, PT e AL, así como incorporar outras figuras non docentes.

O Ministerio limitouse, na súa resposta, a restarlle importancia á incidencia que unha medida como a proposta poida ter na redución do tempo para as funcións propias da Orientación, o que foi oportunamente contestado pola CIG-Ensino que solicitou que se recapacite sobre esta medida e que, cando menos, non se impoña con carácter obrigatorio. O sindicato traslada publicamente á Consellaría de Educación a urxencia de que fixe unha posición sobre este tema e lla traslade ao Ministerio.

A CIG-Ensino reclama que as mestras e mestres de PT e AL na ESO cobren o complemento compensador como o resto de especialistas do corpo de mestres en secundaria

O borrador do RD incorpora un apartado no que indica que serán as administracións educativas (as Consellarías) as que determinen as condicións nas que o persoal de PT e AL desempeñarán na ESO as funcións de atención á diversidade.

A CIG-Ensino considera que non cabe a menor dúbida de que debe ser as comunidades autónomas quen exerzan esa determinación xa que o contrario sería unha inxerencia centralista nas competencias en xestión do persoal. Con todo, o sindicato entende que nunha norma destas características sería oportuno que figurase que as condicións deberán ser, en todo caso e como mínimo, como no resto das especialidades do corpo de mestres na ESO, isto é, en horario (en Galiza xa é así, coa mesma carga lectiva que o profesorado de secundaria) e en retribucións (as mestras e mestres de PT e AL non cobran o mesmo complementos que quen imparte materias como Ciencias Sociais, Naturais, Matemáticas ou Galego entre outras.

O Ministerio non entrou a contestar a nosa proposta.

A CIG-Ensino aposta por limitar a impartición de materias afíns pola vía de regulación de ámbitos

Unha norma como a que se nos presenta, pola cal se determina que especialidades teñen que impartir as diferentes materias debería conter, con carácter de mínimos, cunha indicación básica de ámbitos para a impartición de materias afíns; fixada por criterios de formación académica e limitando que se poidan impartir, por exemplo, materias do ámbito científico tecnolóxico por parte de profesorado do ámbito da comunicación e as ciencias sociais ou viceversa.

Así, do mesmo xeito no que se indican que especialidades poden impartir estes ámbitos nos ciclos da FP Básica, tamén se deberían regular as materias que se poden chegar a impartir como afíns. A CIG-Ensino defende, como é sabido, que non exista obriga de impartir afíns con carácter xeral e que, en casos extraordinarios, se poida chegar a impartir só unha materia máis e que esta sexa correspondente co ámbito de coñecemento de cada especialidade.

O Ministerio, máis alá dunhas consideracións xenéricas sobre a impartición de materias por parte de docentes de diferentes especialidades, non entrou a valorar a nosa proposta.

A CIG-Ensino propuxo cambios relacionados coa modificación nos corpos docentes que imparte na FP.

Asignación docente para o profesorado que se integra no corpo de PES procedente do corpo de PTFP

O sindicato propuxo que se incorpore unha disposición adicional na que se indique que serán as Consellarías, no seu respectivo ámbito, as que determinen que especialidades das 19 que se integran no corpo de PES terán asignación docente nas diferentes materias da ESO e o Bacharelato, sen prexuízo da preferencia que teñan as especialidades do Anexo II. Debe actuarse por analoxía coas especialidades propias da FP que xa figuran actualmente na atribución docente nestas etapas. Así, por exemplo, poderíase determinar xa no ámbito galego que o profesorado de Sistema e Aplicacións Informáticas puidese ter asignada Dixitalización, o de Técnicas e Procedemento de Imaxe e Son, Cultura Audiovisual ou o de Procesos de Xestión Administrativa ou Comerciais, Economía entre outras.

Funcións docentes do profesorado, para extinguir, do corpo de PTFP

Na disposición adicional primeira indícase que serán as administracións educativas as que determinen que o profesorado do corpo, para extinguir, de PTFP poderán impartir Tecnoloxía e Dixitalización así como “asumir funcións de atención á diversidade”. A posición da CIG-Ensino foi a seguinte:

  • Debe indicarse expresamente que este persoal docente manterá a mesma atribución docente coa que conta na actualidade.
  • O profesorado de PTFP non ten ningunha diferenza ao respecto do resto dos corpos docentes ao respecto da necesidade de atender á diversidade; isto é, todo o profesorado debemos, co noso traballo, atender á diversidade dentro das aulas como tarefa fundamental para un ensino inclusivo e equitativo mais ningún corpo ten atribución directas neste campo e menos aínda se pode incorporar nun Real Decreto que estas funcións son propias dun colectivo profesional ao que o Ministerio se negou a integrar no corpo de PES.
  • Estamos de acordo en que sexa as Consellarías correspondentes as que regulen que especialidades poderán impartir Tecnoloxía e Dixitalización, sempre e cando se respecte a atribución docente actual.

O Ministerio, sen aclarar na réplica se finalmente vai mudar ou non o texto, non amosou en principio a intención de cambiar nada.

O sindicato fixo achegas para incorporar especialidades na asignación de materias

Os anexos do borrador recollen a asignación de todas as materias, agás as optativas que quedan nas mans das Consellarías. Como punto de partida a CIG-Ensino considera que esta asignación debería ser un marco de referencia para as administracións educativas, permitindo que sexa en cada ámbito (e no caso galego na Mesa Sectorial) onde se decida finalmente todo.

Tendo en conta o marco estatal no que nos movemos consideramos que hai aspectos que son mellorábeis. Así:

No Anexo I (especialidades que imparten as materias da ESO con carácter preferente):

  • Hai unha clara incoherencia no cadro ao respecto das diferentes especialidades que imparten Formación e Orientación Persoal e Profesional que requiren unha serie de cambios que desde a CIG-Ensino propomos que sexan:
    • Incorporar Organización e Xestión Comercial
    • Retirar Orientación educativa (de feito non aparece no cadro de Economía á hora de fixar preferencias)

No Anexo II (especialidades que imparten as materias de Bacharelato con carácter preferente):

  • Recoller expresamente xunto con Lingua Castelá que as diferentes especialidades de linguas oficiais nas comunidades con lingua propia (galego, catalán, valenciano, éuscaro) terán a mesma asignación de materias. Isto é así porque non se modifica o artigo 2.3 do RD 1834/2008 mais consideramos conveniente que figure no Anexo II.
  • Música: asignarlle Cultura Audiovisual e Movementos Culturais e Artísticos xunto coa especialidade de Debuxo.

No Anexo III (especialidades que imparten materias da ESO e o Bacharelato sen carácter preferente) incorporar outras especialidades que poderían impartir docencia sen prexuízo da preferencia das especialidades preferentes dos anexos I e II:

  • Incorporar Procesos e Medios de Comunicación para Cultura Audiovisual.
  • Análise Musical I e II e Coro, Técnica Vocal I e II, Linguaxe e Práctica Musical, Artes Escénicas e Historia da Música e da Danza. Todas estas materias poden ser impartidas, ademais de polo profesorado de Música, por docentes que teñan a titulación de Grao correspondente en EE.AA. Superiores (isto xa é así na actualidade). Propoñemos que isto pase do Anexo II (onde aparece no borrador) ao III para fixar que a preferencia será do profesorado do Música.
  • Literatura Universal. Incorporar todas as especialidades de linguas.
CIG

A CIG-Ensino foi a única organización sindical que presentou propostas concretas á asignación de materias ás diferentes especialidades. O Ministerio solicitou que llas remitísemos por escrito para valoralas con detalle.

Volver