A CIG-Ensino presentou hoxe un escrito no Rexistro da Consellaría de Educación

Instando ao Conselleiro a que se absteña de realizar ningún acto que implique o acatamento da recomendación do Valedor do Pobo, por ser contrario a dereito e atentatorio contra o noso idioma

Podedes ler o escrito no que instamos a Consellaría de Educación a que se absteña de realizar ningún acto que implique asunción ou acatamento da recomendación que, con carácter non vinculante, fai o Valedor do Pobo, por ser contrario a dereito e atentatorio conta o noso idioma, particularmente naqueles aspectos que inciden no dereito fundamental de liberdade de cátedra anexo a esta nova

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, presentou hoxe no Rexistro da Consellaría de Educación un escrito instando ao Conselleiro de Educación a que se absteña de acatar a recomendación do Valedor do Pobo contra o libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto: “A lingua propia de Galicia é o galego”.

O secretario Nacional manifestou que a presentación deste escrito non só é para exixirlle ao conselleiro o cese dos ataques ao noso idioma senón tamén para que manifeste publicamente que a recomendación do Valedor do Pobo non vai ser asumida por ser ilegal e prexuizosa para a nosa lingua.

“Varios xornais galegos recolleron a noticia, non desmentida por esa administración, de que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria decidiu aceptar a recomendación do Valedor do Pobo do 3 de novembro de 2011, relativa ao contido dun libro de texto dirixido a escolares de quinto de primaria, e esixirá á editora do libro que remita a todos os centros que o utilizan un apéndice para emendar a transcrición literal que aquel libro fai do artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía: “A lingua propia de Galicia é o galego”.

Desde a CIG-Ensino, organización sindical maioritaria no ámbito educativo, queremos manifestarlle o noso máis profundo rexeitamento por esta suposta decisión e a nosa máis sincera preocupación pola asunción acrítica que a administración educativa faría dos prexuízos contra a lingua galega que, desde o mesmo momento da súa toma de posesión, vén demostrando a persoa que actualmente ocupa o cargo de Valedor do Pobo. A recomendación do 3 de novembro de 2011 é unha boa mostra destes prexuízos, inadmisíbeis en quen ten a misión legal de tutelar os dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía.

Temos, polo tanto, a convicción de que o Valedor do Pobo con esa recomendación pretende perpetrar un novo ataque ao noso idioma. A súa galegofobia impídelle actuar con rigor, obxectividade e legalidade como se amosa con toda rotundidade na súa recomendación. Máis grave, se cabe, é o posicionamento que vostede vén de facer público, continuando coa súa cruzada contra os nosos sinais de identidade. Mal que lle pese, é unha obviedade que o galego é a lingua propia de Galiza e así se recolle no artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía. No seu empeño de erradicar o ensino en galego, non ten inconveniente en terxiversar a realidade e non dubida en usar a mentira para situarse na ilegalidade, co único afán de desprestixiar e exterminar o noso idioma, cando vostede está obrigado, porque así o estabelece a lexislación vixente, a protexer e promover o noso idioma. 

A recomendación do Valedor do Pobo parte dunha ignorancia profunda sobre a función pedagóxica dun libro de texto dirixido a escolares de quinto de primaria. A perspectiva analítica do Valedor é similar á que pode utilizar un xuíz do contencioso-administrativo para determinar a adecuación ao ordenamento xurídico dunha norma regulamentaria. Parece descoñecerse que un libro de texto non é outra cousa que un medio de apoio para a transmisión de coñecementos por parte dos profesionais da educación. Cando se afirma que o libro “carece do rigor científico esixíbel”, está a desprestixiarse non só os autores do manual, senón os mestres e mestras que o escollen para as súas aulas. E todas estas descualificacións parten dunha persoa á cal non se lle coñece a menor competencia técnica para ditaminar cal sexa a mellor forma de transmitir coñecementos a nenos e nenas de dez anos.

É abxecto que se poña en causa un libro de texto que se limita a reproducir o teor literal do artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía, máxime cando na páxina anterior se fai referencia ao español como lingua oficial en todo o territorio do Estado, polo que o propio Valedor cae no vicio de reprodución parcial que pretende denunciar. Asúmese a priori que os profesionais da educación encargados de explicar a materia van transmitir ao alumnado unha información errónea. E o remedio que se busca é, pura e simplemente, a censura dos materiais didácticos. Isto supón un grave atentado ao dereito fundamental de liberdade de cátedra (art. 20.1.c) CE), que a sentenza do Tribunal Constitucional do 23 de febreiro de 1985 recoñece a todos os docentes, sexa cal for o nivel educativo, e que implica a liberdade para poder transmitir, sen previa censura e sen ningún tipo de coacción, os criterios científicos, artísticos e culturais que o profesional da educación considera como válidos desde unha metodoloxía determinada.

 

Por conseguinte, instamos a Consellaría de Educación a que se absteña de realizar ningún acto que implique asunción ou acatamento da recomendación que, con carácter non vinculante, fai o Valedor do Pobo, por ser contrario a dereito e atentatorio conta o noso idioma, particularmente naqueles aspectos que inciden no dereito fundamental de liberdade de cátedra. En caso contrario, estudariamos o exercicio das accións legais que correspondan.

  • A CIG-Ensino presentou hoxe un escrito no Rexistro da Consellaría de Educación
  • A CIG-Ensino presentou hoxe un escrito no Rexistro da Consellaría de Educación

Volver