A CIG-Ensino presenta unha queixa ao Valedor do Pobo para que cese a persecución ao profesorado que impartía cursos CELGA
Para a CIG-Ensino a solución a este conflito só pasa porque os cursos volvan ser impartidos polo profesorado colaborador
MODELO DE RESOLUCIÓN PARA OS CLAUSTROS
A CIG-Ensino lembra que até este ano a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) elaboraba unha listaxe de “profesorado colaborador” para impartir estes cursos mediante un baremo público. Pero “este profesorado impartía os cursos sen ningún contrato de traballo e sen ser dado de alta na Seguridade Social en ningún dos seus réximes, cando está constatado que realizaba unha actividade que reúne todas as características dunha auténtica relación laboral por conta allea”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
A CIG denunciou esta situación nas catro inspeccións de traballo que xa resolveron (a da Coruña, Ourense e Lugo) a existencia de relación laboral por conta allea e a alta de oficio na Seguridade Social polos períodos traballados, impóndolle unha sanción económica á SXPL pola súa actuación irregular.
A CIG-Ensino denuncia diante do Valedor que a Consellaría, no canto de contratar este profesorado para impartir os cursos, tomou a represalia de desfacerse deste colectivo e de ofrecerlle a impartición destes cursos ao profesorado en activo como horas extras, co obxecto de evitar a aplicación da resolución das inspeccións de traballo, aínda que isto implique privar dunha única retribución anual (2.500 euros) a un colectivo de 120 docentes.
“É inxustificábel e inaceptábel o uso destas prácticas fraudulentas e represivas por parte da administración, que non ten reparo en deixar no paro a máis de 120 profesores e profesoras dunha listaxe de 476, que viñan impartindo unha media dun curso por ano, evidenciando tamén, unha vez máis, o desleixo pola potenciación do uso e do coñecemento do noso idioma e pola normalización lingüística”, subliña Louzao.
Ao tempo a CIG-Ensino denuncia que a Secretaría realizou no seu día un curso de formación para teletitores de linguaxes específicas do galego para o que foron seleccionados 15 profesores/as, sen que se coñecese nin se fixesen públicos previamente os criterios para elaborar a listaxe. Para a CIG-Ensino todo indica que estamos ante unha actitude fraudulenta, pois, primeiro, selecciónase o profesorado para asistir ao curso e, con posterioridade, modifícase o baremo. Só así se pode explicar que na mesma resolución en que se publican as listaxes do profesorado apto se publique o novo baremo utilizado para seleccionalo. Todo indica, ademais, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten pensado que sexa profesorado en activo tamén o que imparta os cursos de linguaxes específicas que até agora tamén eran impartidos polo “profesorado colaborador” da SXPL.
A CIG-Ensino relaciona na súa queixa todos os escritos presentados diante da Consellaría de Educación que hoxe por hoxe, seguen sen ser contestados e sen que exista ningunha intención de negociación para resolver este conflito.
“Todo este cúmulo de actuacións son inaceptábeis e impropias dunha administración pública. Estamos ante un proceder clientelar e escurantista e, o que é máis grave, conculcador dos dereitos laborais fundamentais –subliña Louzao. Non só despide o profesorado colaborador, única e exclusivamente por reclamar os seus dereitos, senón que nega todo tipo de información, evita a negociación e actúa á marxe da lei”.
Para a CIG-Ensino a solución a este conflito só pasa porque os cursos preparatorios para as certificacións Celga, os cursos de linguaxes específicas en todas as súas modalidades, coas correspondentes avaliacións, sexan impartidos polo “profesorado colaborador”, mediante contrato laboral e alta na Seguridade Social.