A CIG-ENSINO presenta un recurso de reposición contra a circular de Educación para as Escolas Oficiais de Idiomas, por implicar unha redución da oferta educativa e do profesorado

Recurso de reposición da CIG_Circular EOI

A CIG-Ensino, ante este atropelo, dirixiuse ao Conselleiro para que retirara esta circular por non ser negociada coas organizacións sindicais, porque empeora as condicións de traballo do profesorado e polas repercusións negativas sobre a calidade do ensino de idiomas, sen que até este momento tivera resposta algunha. Por iso, a CIG-Ensino ven de presentar un recurso de reposición exixindo a nulidade da Circular 5/2009.
Nota de prensa

A CIG-ENSINO presenta un recurso de reposición en contra da circular da Consellaría de Educación para as EEOOII, por implicar unha redución da oferta educativa e   do profesorado, empeorando a calidade de ensino
 
A Consellaría de Educación non só continúa sen retirar a circular na que se ditan instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas para o curso 2009/2010, senón que está coaccionando, a través das inspeccións, ás direccións dos centros para que modifiquen os horarios e a organización dos grupos, o que implica reducir considerablemente a orferta de prazas que se viña facendo até de agora.
 
Esta Circular vén a substituír a circular 10/2004, negociada na Mesa Sectorial no ano 2004. Como se sabe, esta nova circular publicouse unha vez rematado o curso e sen ser negociada na Mesa sectorial, con instrucións contrarias ao actual decreto que fixa os regulamentos dos centros docentes, polo tanto ilegal, e unha vez que estaba aberto o prazo de matrícula.  
Desde a creación das escolas oficiais de idiomas,  o horario do profesorado, dentro das 30 horas semanais de atención ao centro, ten estabelecido a impartición de 15 períodos lectivos máis 3 períodos complementarios lectivos. Agora a Consellaría a través desta circular pretende que todo o profesorado imparta 20 período lectivos. As repercusións desta medida implicarían:
Ø       Reestruturación drástica do número de profesorado: reduciríanse os cadros de persoal nun 30 %.
Ø       Desaparición das horas lectivas complementarias (unhas clases complementarias de reforzo de destrezas, hoxe máis necesarias ca nunca, pois o alumnado pode precisar, segundo o perfil do posto de traballo que desempeñe, exercitar unha destreza máis ca outra e agora podemos expedir certificados por destrezas, no caso de que non se supere un curso completo).
Ø       As reducións contempladas sobre a carga lectiva, polo desempeño de diferentes responsabilidades, coordinador/ra dos ENDL, as coordinacións de curso, biblioteca, laboratorio, vídeo, etc. vense reducidas sobre as complementarias e non sobre as lectivas.
Aplicar esta nova circular supón acabar con toda a diversificación curricular xa que aumenta, de maneira desorbitada, a carga de traballo dos profesionais implicados e acabaría coa calidade, a ofrecer como servizo público, das ensinanzas especializadas de idiomas.
A CIG-Ensino, ante este atropelo, dirixiuse ao Conselleiro para que retirara esta circular por non ser negociada coas organizacións sindicais, porque empeora as condicións de traballo do profesorado e polas repercusións negativas sobre a calidade do ensino de idiomas, sen que até este momento tivera resposta algunha. Por iso, a CIG-Ensino ven de presentar un recurso de reposición exixindo a nulidade da Circular 5/2009.
Por outra parte, a CIG-Ensino vai dirixirse ás outras organizacións sindicais para que, conxuntamente, exixamos a  retirada da circular, por non ser negociada con anterioridade.
A CIG-Ensino, de non deixar sen efecto dita circular a consellaría, proporá ao profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas diferentes accións entre as cales non se desbota a folga para o inicio do curso vindeiro.
Santiago 15 de xullo de 2009
Secretaría de Prensa


____________________________________________

-Nota de prensa anterior (13-7-09). Ligazón
-Escrito presentado pola CIG-Ensino dirixido ao Conselleiro o 14-7-09. Ligazón

Volver