
A CIG-ENSINO presenta un recurso contencioso administrativo impugnando a orde da Consellaría de Educación pola que se regula a relación laboral do profesorado de relixión.
Contencioso Administrativo da CIG-Ensino
RECURSO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO DA CIG-ENSINO CONTRA DA ORDE DA CONSELLARÍA QUE REGULA A RELACIÓN LABORAL DO PROFESORADO DE RELIXIÓN
A CIG-ENSINO ven de presentar recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza co obxecto de impugnar a orde que ven de ser publicada o 24 de xullo pola Consellaría de Educación pola que se regula a relación laboral do profesorado de relixión.
Para a CIG-ENSINO, ademais de reiterar a nosa desconformidade con que a relixión forme parte do currículo escolar, é totalmente inaceptábel o procedemento de selección deste profesorado, que ten que ser proposto pola autoridade da confesión relixiosa e obter a declaración de idoneidade con carácter previo á contratación por parte da Consellaría de Educación. Este sistema anómalo de contratación é inasumíbel, ao non garantir, nin sequera, os mínimos dereitos laborais de calquera sociedade democrática e estar suxeitos os traballadores e traballadoras a cuestión valorativas, baseadas en criterios morais reaccionarias.
A CIG entende que este profesorado, contratado polo bispado e polo tanto por un sistema diferente ao resto do profesorado interino, é só para impartir clase de relixión. Por iso recorremos esta orde , xa que a Consellaría de Educación garántelle ao profesorado de relixión o desempeño doutras funcións para as que non foi contratado e que corresponden unicamente ao profesorado que accedeu polo sistema ordinario de acceso a función pública docente. Dentro das novas función recollidas na orde, que superan o actual marco legal e invalidan o ensino laico, están a de realizar gardas con alumnado , titorías de pais e nais, dinamizar a convivencia escolar, etc. Con esta regulamentación pódese dar o caso que haxa alumnado que opte por non recibir clase de relixión e que sen embargo teña como titor ou titora un ou unha profesora de relixión.
Todo isto amosa unha despropósito por parte da Consellaría . Por iso vémonos abocados a recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza , xa que a Consellaría non aceptou na Mesa Sectorial as nosa propostas.
Santiago, 30 de xullo de 2007
Secretaría de prensa da CIG-ENSINO
Novas relacionadas
