A CIG-Ensino presenta un libro que pretende fornecer de material o ensino para favorecer unha educación non sexista

Presentación dun libro da CIG-Ensino polo 8 de marzo

Compostela, 4 de marzo de 2010.- A CIG-Ensino presentou en rolda de prensa “...e libre o meu pensamento. ferramentas para a docencia”. Unha publicación que pretende servir como apoio para traballar nas aulas sobre a discriminación da muller e favorecer unha educación en igualdade. As autoras, Carme Fouces, Celia Mª Armas García, María Pilar García Negro, Marta Dacosta e Xulia Rodríguez Bravo son todas profesoras de distintos niveis de ensino agás Laura Estévez, quen, como presidenta do Comité de Empresa do Consorcio, aporta unha visión sobre a necesidade dos servizos sociais para favorecer a conciliación.

“...e libre o meu pensamento. ferramentas para a docencia”

A CIG-Ensino presenta un libro que pretende fornecer de material o ensino para favorecer unha educación non sexista

Descarga aquí o  libro: ... é libre o meu pensamento

A CIG-Ensino presentou en rolda de prensa “...e libre o meu pensamento. ferramentas para a docencia”. Unha publicación que pretende servir como apoio para traballar nas aulas sobre a discriminación da muller e favorecer unha educación en igualdade. As autoras, Carme Fouces, Celia Mª Armas García, María Pilar García Negro, Marta Dacosta e Xulia Rodríguez Bravo son todas profesoras de distintos niveis de ensino agás Laura Estévez, quen, como presidenta do Comité de Empresa do Consorcio, aporta unha visión sobre a necesidade dos servizos sociais para favorecer a conciliación.

8 de marzo día internacional da muller (para unha educación non sexista) from cig-ensino on Vimeo.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, lamentou as deficiencias da coeducación no ensino e a ausencia de control sobre os contidos dos libros de texto e salientou a necesidade de que, desde o ensino se propicie unha formación en todas as áreas avaliando a situación de discriminación da muller.

Para Louzao, é imprescindíbel trasladar contidos, actitudes e visións do mundo nas que se plasme que todos somos seres humanos e que “non podemos admitir que haxa discriminación por razón de xénero”.

O secretario nacional de CIG-Ensino sinalou que “nos últimos anos houbo avances, pero terán que pasar moitos anos aínda para que se poida celebrar esta efeméride só para lembrar como foi a historia da discriminación”.

Respecto do libro a presentar, alén de recoñecer o traballo das autoras, afirmou que “vén completar un traballo permanente para pór na realidade a situación da muller en todos os ámbitos da vida”.

Marta Dacosta, que tamén participou na rolda de prensa, como coautora, membro da Executiva da CIG-Ensino e profesora de secundaria, salientou que co material que aporta “...e libre o meu pensamento. ferramentas para a docencia” preténdese abordar a cuestión da educación en igualdade, dun xeito transversal, en calquera momento e en calquera materia”.

O libro divídese en dúas partes, unha primeira máis reflexiva, na que se analiza a Lei de Igualdade e algunhas das súas eivas, sobre todo no referido á negociación colectiva, e os servizos sociais públicos e as políticas que se están a dar, nestes tempos, contra eles. A segunda parte pretende ofrecer textos para levar ás aulas e reflexionar sobre eles.

Dacosta lamentou que a estas alturas, a coeducación dependa da voluntariedade do profesorado. Ademais, denunciou que “desde a consellaría non se está facendo cumprir a lexislación cando subvenciona centros que segregan o alumnado por sexos” e puxo de manifesto que a discriminación se mantén tamén entre o profesorado. “Somos maioría nos centros, pero non nos cargos de responsabilidade”.

Pola súa banda, Carme Fouces, coautora profesora de secundaria e membro da Executiva comarcal da CIG-Ensino de Pontevedra, salientou dous aspectos, un referido á necesidade destas ferramentas, “moi necesarias para desmontar roles do alumnado, que reproduce e mesmo os amplía”.

Outro dos aspectos aos que fixo referencia foi á maternidade, que segue a ser a grande eiva, porque dificulta o acceso da muller en idade reprodutiva ao mercado laboral. Por iso exixiu que non se poidan facer trocos nos permisos retribuídos por maternidade/paternidade para que os empresarios non consideren que contratar a unha muller é unha carga.

Nas vindeiras semanas abriremos na web un espazo para compartir recursos no que os relacionados co feminismo e a educación non sexista contará cunha atención prioritaria.

Descarga aquí o libro: ... é libre o meu pensamento

Volver