A CIG-Ensino presenta un estudo que constata a desigualdade de xénero no exercicio dos cargos directivos nos centros educativos
A CIG-Ensino xa solicitou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galiza que elaborase un Plan de Igualdade para o Ensino
Aínda que a igualdade entre homes e mulleres é hoxe un “principio universal” non cuestionado explicitamente por case ninguén na nosa sociedade, a realidade é que, na práctica, as desigualdades seguen existindo e a posición da muller está en clara desvantaxe coa dos homes. Por este motivo as Administracións deben tomar cartas no asunto elaborando plans que favorezan a integración da muller en todos os ámbitos e o seu acceso aos cargos de dirección. Neste aspecto é onde quere pór o foco a CIG-Ensino con este estudo, poñendo en evidencia que a ausencia dun Plan de Igualdade na Consellaría de Educación é unha neglixencia que só produce consecuencias negativas para a igualdade de oportunidades entre profesoras e profesores.
A CIG-Ensino xa solicitou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galiza que elaborase un Plan de Igualdade para o Ensino deste país. Un plan que, á vista dos resultados, non só é legalmente preceptivo, senón completamente necesario para evitar as diferenzas e que estas sigan aumentando. Un plan en que a propia Administración actúe de xeito responsable neste eido, establecendo os mecanismos necesarios para facilitar ao profesorado a conciliación da vida familiar e laboral e que esta non repercuta no acceso aos cargos de dirección. Neglixencia que, por certo, non é a única que se produce, pois tal e como veu denunciando a CIG-Ensino semanas atrás a Consellaría non cumpre o que establece a Lei de Prevención sobre a determinación de postos de risco para o embarazo e, cando unha profesora ten que solicitalo, non actúa coa axilidade necesaria.
A Consellaría debe artellar mecanismos para que haxa igualdade real entre quen forma o colectivo e quen toma as decisións e, para poñer un exemplo, os mecanismos de elección e formación das direccións non favorecen, hoxe por hoxe, a igualdade de acceso para profesoras e profesores. O ensino ten a responsabilidade de contribuír á eliminación dos condicionamentos sociais que prexudiquen a creación dunha sociedade igualitaria para todos e todas. Para a CIG-Ensino cómpre formar para vivir nunha sociedade entre iguais, e dar exemplo desde o propio centro educativo e, para iso, urxe que a Consellaría asuma o papel que lle corresponde.
OUTRAS NOVAS
Sen emigración e infraemprego a cifra de mulleres desempregadas en Galiza chegaría ás 300.000