A CIG-Ensino presenta o seu programa e as candidaturas ás eleccións sindicais no ensino público non universitario
Compromiso coa defensa do ensino público galego
Presentáronse, por tanto, as candidaturas das catro provincias, encabezadas por Anxo Louzao, profesor do CPI Camiño de Santiago (O Pino), Secretario Nacional, na provincia de A Coruña; Marta Dacosta, profesora do IES de Tomiño, membro da executiva da CIG-Ensino, en Pontevedra; Consuelo Campos, profesora do IES As Lagoas (Ourense), membro do Consello Escolar de Galiza, por Ourense, e Antón Castro Rodríguez, profesor do CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei), presidente da Xunta de Persoal de Lugo, por Lugo.
As eleccións celebraranse o vindeiro día 2 de decembro e nelas participarán aproximadamente un total de 31.442 profesores que van elixir 146 delegados/as dos/das que 47 corresponden á Coruña, 29 a Lugo, 27 a Ourense e 43 a Pontevedra.
A CIG-Ensino é hoxe a organización sindical maioritaria cunha representación do 40% en Galiza, entre seis organizacións sindicais. Nas últimas eleccións a CIG duplicou os votos da seguinte organización, obtendo 53 delegados e delegadas, dun total de 136 (19 na Coruña e Pontevedra, 8 en Lugo e 7 en Ourense) e preside as Xuntas de Persoal das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Nesta presentación, o Secretario Nacional, Anxo Louzao, incidiu na necesidade de que as eleccións sindicais se celebrasen por centros de traballo e non por circunscricións provincias, de xeito que fosen máis democráticas, participativas e representativas. Porque cómpre ter en conta que, de aplicarse o mesmo criterio que se aplica no ensino privado, que se considera unidade electoral cada centro educativo, elixiriamos máis de 1586 delegados de persoal, aproximadamente, fronte aos 136 delegados /as elixidos hai catro anos, por ser a nosa unidade electoral a provincia.
As candidaturas presentadas pola CIG-Ensino compóñense de profesorado de todos os niveis e etapas educativas, modalidades de ensino, situacións administrativas e de tantos centros educativos como nos permite o tamaño da papeleta, en total preséntanse 671 candidatos e candidatas. O secretario Nacional incidiu na actividade sindical, prestixio profesional, defensa do ensino público, compromiso coa normalización e coa renovación e innovación educativa dos candidatos/as, resaltando a paridade de xénero nas listas da CIG nas catro provincias.
O balance da actividade sindical desenvolto pola CIG nestes catro anos é francamente positivo, porque fomos o punto de referencia en todos os conflitos que afectan ao ensino, condicionamos, na medida do posíbel, a política educativa, demos resposta e alternativa a todos os proxectos e leis educativas, nomeadamente á LOE, reivindicamos o restabelecemento da xornada reducida de xuño a setembro nos centros de Infantil e Primaria, pese á desconvocatoria e boicot do resto das OOSS; loitamos por un bacharelato máis compensado, laico e de calidade e por un currículo da ESO máis equilibrado, o que comportou maior carga lectiva para algunhas materias; combatemos a política lingüística do PP con numerosas accións e mobilizacións masivas, entre as que destaca a exitosa folga de 21 de xaneiro e diferentes accións e mobilizacións que, desde a CIG e a plataforma Queremos galego, da que fomos promotores, realizamos en resposta ás agresións á lingua galega que a Consellaría lle está infrinxindo. Conseguimos un acordo retributivo que supuxo deixar de ser o profesorado peor pagados do Estado e a maior suba lineal que houbo en Galiza, facilitamos a ampliación e mellora da xubilación anticipada, melloramos as condicións de traballo do profesorado itinerante, acadamos o recoñecemento a efectos económicos e administrativos das coordinacións dos equipos de normalización, acadamos o cobro da antigüidade (trienios) para o profesorado interino e substituto, etc.
A CIG-Ensino presentou as liñas básicas do programa que pasan pola consecución de:
un Estatuto Galego para o Profesorado, que dea resposta ás demandas das e dos docentes e ás necesidades do sistema educativo;
a redución de alumnos por aula;
aplicación dos cadros de persoal;
unha nova planificación do Sistema Educativo no eido rural;
a mellora das condicións laborais do profesorado: recoñecemento das enfermidades profesionais, un máximo de 18 horas lectivas, o dereito indefinido
á xubilación anticipada e a mellora das condicións de acceso e das nosas retribucións, un acordo de estabilidade do profesorado interino;
medidas para mellorar a calidade do ensino como: dotación de administrativos/as nos centros, dotación de comedores escolares en todos os centros, restablecemento da xornada reducida, modificación da lexislación para facilitar a xornada única, etc.
A CIG-Ensino márcase como obxectivo incrementar e mellorar os actuais resultados, agardamos que o profesorado avalíe positivamente a nosa defensa inequívoca do ensino público galego e a reivindicación constante do noso idioma e aposte polo modelo sindical da CIG-Ensino, participativo, sen ningún tipo de dependencias externas e co centro de decisión en Galiza.