A CIG-ENSINO presenta na Consellaría de Educación 281 sinaturas de músicas e músicos a prol da creación da especialidade de Dirección de Orquestra nos conservatorios superiores de Música de Galiza

Dirección de Orquestra

A CIG-ENSINO presenta 281 sinaturas de músicas, músicos, reclamando que o futuro decreto de Ensinanzas Artísticas Superiores de Grao en Música recolla a creación da especialidade de Dirección de Orquestra nos conservatorios superiores de Galiza.

A ausencia desta especialidade en Galiza impide a oferta, malia ter dous conservatorios superiores, dun ensino verdadeiramente especializado nun nivel superior e de grande prestixio e comporta que os galegos e galegas teñan que coller o camiño da emigración para cursalo en Murcia, Málaga, Valencia, Salamanca, País Vasco, Cataluña, Aragón ou Madrid, territorios que si contan coa especialidade.

A nosa incomparábel tradición musical e o feito de que Galiza conte con máis de 100 agrupacións bandísticas e numerosos coros fan incomprensíbel a ausencia desta formación especializada de grao, ao mesmo tempo que se lle nega a formación que hoxe precisa e solicita numeroso alumnado galego. Alumnado que, se pretende estudar a especialidade de Director de Orquestra, se ten que trasladar fóra de Galiza para cursar os estudos noutros conservatorios.

Esta demanda súmase a xa feita polo Consello Escolar de Galiza que, na sesión do 28 de abril, aprobou o ditame do decreto polo que se estabelecen as Ensinanzas Superiores de Grao en Música, no que se recolle a proposta realizada pola CIG-ENSINO, apoiando a creación da especialidade de Dirección de Orquestra nos conservatorios superiores de Galiza.

A CIG-ENSINO agarda que a Consellaría recolla no Decreto de Ensinanzas Artísticas Superiores de Galiza de Grao en Música, que proximamente se vai publicar, a demanda do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación educativa, que agora vén de ser referendada por 281 sinaturas de músicas e músicos de Galiza para contribuír a mellorar a oferta e calidade das ensinanzas superiores musicais e rematar coa discriminación e coa carencia musical desta especialidade en Galiza

Volver