A CIG-Ensino presenta 1375 sinaturas nunha campaña pola equiparación salarial de todo o profesorado de Formación Profesional
O sindicato insta á Consellaría a actuar de forma inmediata para non perpetuar a desigualdade do profesorado que imparte en FP
Tras a finalización do procedemento de integración do profesorado técnico de FP que cumpría os requisitos para pasar ao corpo de profesorado de Secundaria o sindicato mantén o seu obxectivo inicial de que non quede ninguén atrás e esixe cando menos as mesmas retribucións para todo o colectivo: funcionariado de carreira, persoal interino e profesorado especialista sexa cal sexa a súa titulación académica, baixo a premisa de que “a igual traballo debe corresponder o mesmo salario”.
No presente curso escolar 2022/23 hai, segundo un estudo realizado pola CIG-Ensino, 2.289 docentes pertencentes ao corpo de PTFP entre funcionariado de carreira e persoal cun contrato de interinidade anual. Malia que as intencións iniciais da modificación introducida polo goberno do Estado na LOMLOE non se confirmaron, conseguíndose na negociación en Madrid dous importantes avances (que todas as titulacións universitarias, incluídas diplomaturas, enxeñarías e arquitecturas técnicas, e non só ás equivalentes a grao a efectos de acceso á función pública, serviran para a integración no corpo de Secundaria e que cando menos en 10 especialidades docentes -Cociña e Pastelaría, Servizos de Restauración, Peiteado, Estética, Patronaxe e Confección, Produción de Artes Gráficas, Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble, Mecanizado e Mantemento de Máquinas, Mantemento de Vehículos e Soldadura- se poida seguir accedendo á profesión docente con titulación superior de FP) a situación actual segue a perpetuar unha desigualdade entre o profesorado que imparte neste tipo de ensinanzas.
Precisamente acadar a unidade de todo o colectivo docente de FP, evitando non só a discriminación salarial senón tamén a desunión, pola vía de conseguir a equiparación salarial de todo o profesorado sen distincións, foi o eixo da campaña de recollida de sinaturas que puxo en marcha a CIG-Ensino e que até o momento recadou o apoio de 1375 docentes.
Con este respaldo a unha campaña, realizada exclusivamente durante o mes de decembro e que a CIG-Ensino non dá por pechada, queda claro o sentir maioritario do profesorado de FP. A CIG-Ensino, co reforzo deste apoio, insta novamente á administración a que atenda o clamor do persoal docente recollido na campaña de sinaturas:
- O pagamento dun complemento de equiparación salarial para todo o profesorado que queda no corpo a extinguir de Profesorado Técnico de FP ou que pasa a formar parte do novo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da FP pero que desempeña o mesmo tipo de traballo, impartindo clase ao mesmo alumnado, nos mesmos ciclos e nos mesmos centros e realizando as mesmas tarefas (titorías, coordinación da FCT, acreditación de competencias...) que os seus compañeiros e compañeiras que están a piques de integrarse no corpo de Secundaria. A CIG-Ensino xa amosou nas negociacións en Madrid que esta equiparación era perfectamente factíbel e legal.
- O pagamento con efectos retroactivos da integración a todo o profesorado interino que imparte na FP nas mesmas condicións que o funcionariado de carreira que estaba en activo en xaneiro de 2021 cando entrou en vigor a LOMLOE evitando a xudicialización dun conflito que vai en contra das directrices europeas de non discriminar o persoal temporal das administracións.
- O recoñecemento do pagamento con efectos retroactivos ás persoas que aprobaron as oposicións en 2021 desde o momento en que comezaron a traballar e non desde que foron nomeadas funcionarias de carreira. Neste sentido, a Consellaría tamén está a tempo de evitar que esta reclamación sexa dirimida nos tribunais.
- A garantía de continuidade nas listaxes de interinidades daquel persoal interino que teña titulación superior de FP e que non poida integrarse nas novas especialidades que se crean no corpo de Secundaria.
- O compromiso de estabilidade e do mantemento da situación administrativa actual do profesorado especialista en especialidades que son propias do sistema educativo galego e que, por ese motivo, non van poder optar a unha praza polo sistema de oposicións, coas mesmas retribucións que o persoal docente que se integra en Secundaria.
Polo de agora, a resposta da Consellaría a cada unha destas demandas nas distintas Mesas Sectoriais nas que se abordou este asunto foi a calada por resposta. Así mesmo tamén se negou a pagar a diferenza salarial polos meses traballados ás persoas que xa se xubilaron pero que cumprían os requisitos de titulación e administrativos en xaneiro de 2021 e estiveron prestando servizos con posterioridade, algo que o sindicato considera unha falta de respecto para estas persoas.
Apelación ao conselleiro de Educación e ao presidente da Xunta para evitar unha flagrante discriminación
O sindicato fai unha chamada ao conselleiro de Educación e ao propio presidente da Xunta, no caso de que Román Rodríguez demostre non ter capacidade de decisión, para que se negocie a extensión destes dereitos a todo o persoal docente. De non facelo, o goberno do PP sería cómplice dunha situación de desigualdade e discriminación dunha parte do profesorado de FP malia que ambos os dous están a gabarse continuamente “de que a Formación Profesional é a aposta estratéxica do goberno galego día tras día nos medios de comunicación”.
A única forma de demostrar que se respecta o principio de igualdade entre os e as empregadas públicas e que se ten en consideración o traballo que realiza o profesorado destas ensinanzas é aceptando estas demandas e levándoas a cabo de forma inmediata, en paralelo ao momento en que se resolva a integración dos compañeiros e compañeiras que van pertencer ao grupo A1 tras a súa integración formal no corpo de PES. Do contrario serán responsábeis dun enorme malestar e dun clima de tensión nos centros, así como da xudicialización deste procedemento. Un conflito aberto polo Ministerio e pechado en falso polo goberno da Xunta que ten agora a pelota no seu tellado e que podería resolver por unha contía económica que simplemente reducindo os concertos educativos, tamén cada vez máis numerosos na FP, sería facilmente asumíbel.
Os datos:
Segundo un estudo realizado pola CIG-Ensino hai no presente curso escolar 2.289 docentes no corpo de PTFP. Esta é a súa distribución:
Funcionariado de carreira |
Profesorado interino |
total |
|
Profesorado de especialidades que se integran en PES |
1003 |
374 |
1377 |
Profesorado de especialidades de PESSFP |
666 |
173 |
839 |
Profesorado noutras especialidades |
13 |
60 |
73 |
Total |
1682 |
607 |
2289 |
No proceso aberto pola convocatoria de integración están chamados a participar os 1.682 docentes funcionarios de carreira. A Consellaría de Educación vén de informar á CIG-Ensino de que aínda non teñen datos oficiais de canto profesorado, de entre este, quedaría para extinguir ao carecer da titulación requirida.
A diferenza salarial entre o subgrupo A1 (corpo de PES) e o A2 (corpo para extinguir de PTFP e novo corpo de PESSFP) é algo inferior a 170€ mensuais no salario e duns 9€ ao mes por trienio. Son, á vista do total de profesorado afectado, unhas contías facilmente asumíbeis pola Consellaría de Educación, sobre todo tendo en conta que xa coñecía desde hai dous anos (xaneiro de 2021) que ía ter que afrontar este gasto e que as partidas de Educación son das que menos medran nas contas xerais da Xunta.