Poñemos en aberto contidos dos cursos a distancia realizados sobre as TIC para colaborar coa actividade de teleformación que estes días afronta o profesorado galego

A maior parte dos contidos céntranse no uso de ferramentas que permiten levar a cabo materiais educativos telemáticos, audiovisuais, dixitais e interactivos

No apartado Recursos de Formación da nosa páxina web pódense consultar estes materiais, así como outras secuencias didácticas en materia de coeducación, igualdade e lingua.

En vista da necesidade de dominio das TIC que se fai palpábel neste contexto e tamén da escaseza de materiais didácticos en lingua galega na rede, a CIG-Ensino e a AS-PG poñemos á disposición do profesorado contidos sobre esta materia no noso idioma. A maior parte dos cursos on line seleccionados tiñan como obxectivo facilitar o manexo por parte do persoal docente das ferramentas necesarias para a creación de contidos dixitais, interactivos, audiovisuais e/ou específicos para a educación a distancia. Así, intentamos facer unha escolma daqueles que poden ser máis útiles estes días, tendo en conta que o alumnado e as súas familias poden non dispoñer de todas as ferramentas axeitadas para seguir unha actividade académica a distancia, e que se dirixan a distintas etapas educativas. Neste sentido, abórdanse conceptos como o de aula ou aprendizaxe invertida (flipped classroom), a creación de animacións visuais ou de vídeos educativos, o uso de software libre, o deseño de actividades para Moodle, a elaboración de aplicacións móbiles ou o uso de redes sociais educativas, entre outros. 

Hai que ter en conta que os materiais liberados teñen o formato de cursos a distancia sen incluír as probas e aos que lles engadimos uns obxectivos xenéricos para que quen teña interese poida ter unha idea previa do que inclúe cada un deles. Nalgúns casos, e dado que foron pensados como cursos na modalidade on line, foron elaborados en paquetes Scorm e o que podemos mostrar deles é fragmentario e por iso non permiten a apertura de ligazóns ou outros materiais como vídeos. Outro problema que poden presentar é que ao seren elaborados algúns deles hai anos, poden presentar aspectos obsoletos. Con todo, incluímolos porque pensamos que hai aspectos que poden ser aproveitábeis nestes momentos tendo en conta a necesidade de adaptar a nosa actividade docente ás redes de teleformación mentres dure a situación de emerxencia sanitaria por mor do Coronavirus. 

A seguir expoñemos a listaxe de cursos que inclúen os contidos en pdf e un texto inicial de obxectivos e contidos desenvoltos en cada un deles e que se poden consultar no apartado de Recursos de Formación da nosa web, xunto con outras secuencias didácticas sobre coeducación, igualdade e lingua: 

  1. Aula invertida. Novos documentos para as TIC
  2. Achega á competencia dixital en primaria
  3. Animacións audiovisuais para o ensino
  4. Coñecemento aberto e colaborativo no ensino: Tecnoloxía e software libre
  5. Creación de aplicacións móbiles para o alumnado.
  6. Deseño para moodle e exelearning
  7. Menores en rede riscos e oportunidades educativas
  8. Deseño de materiais e actividadades para Moodle. Exelearning
  9. Deseño e creación de páxinas web html.5. Modelos para a presentación de traballos
  10. Elaboración de materias didácticas interactivos
  11. Emprego das redes sociais no ensino-aprendizaxe
  12. Ferramentas TIC para traballar a igualdade. Feminis-TIC
  13. Ferramentas para educar na nube.
  14. Proxectos globalizadores baseados na aprendizaxe electrónica móbil
  15. Recursos dixitais básicos para un relatorio eficaz 
  16. Redactar para a web no ámbito do ensino
  17. Redes sociais educativas: schoology
  18. Uso de licenzas Creative Commons
  19. Video dixital en SwL. OpenShot

Volver