A CIG-Ensino pon a disposición do profesorado galego un repositorio de material para traballar o 25N nas aulas

Ademais do libro Coeduación. Alicerce do ensino, editado con motivo desta commemoración, o sindicato recompilou unidades didácticas e outros recursos para tratar nas aulas a problemática da violencia contra as mulleres.

Ante as carencias de recursos e de formación específica neste tema por parte da administración, que se limita a gastar cartos en campañas publicitarias para sufragar os medios de comunicación afíns, a CIG-Ensino elaborou e recolleu distintos materiais entre os que destacan unidades didácticas pensadas para diferentes niveis, desde Primaria a Bacharelato, así como o folleto Tecendo redes, no que se reflexiona sobre aspectos como a situación das mulleres no mundo do traballo, outros xeitos de ser home e muller, o sexismo no deporte, as mulleres no espazo urbano, o sexismo e os medios de comunicación ou o mito do “amor romántico” e a súa relación coa violencia de xénero.

Conscientes da necesidade de concienciármonos como sociedade da lacra que supón a violencia contra as mulleres no mundo e da importancia que como educadores/as temos na formación do pensamento, e non só académica, do alumnado a CIG-Ensino editou diverso material para poñelo a disposición do profesorado interesado en traballar nas aulas a prol da erradicación deste tipo de violencia. 

Coeducación. Alicerce do ensino

Como principal recurso concibido para o día 25 de novembro, a CIG-Ensino editou o libro Coeducación. Alicerce do ensino que se está a distribuír nos centros, nomeadamente entre os departamentos de Orientación, e no que se recollen experiencias prácticas levadas a cabo recentemente no ensino público galego sobre este tema. En concreto, no IES Politécnico de Vigo, no IES Castro Alobre de Vilagarcía e no CEIP Isidora Riestra de Poio. Ademais de poder inspirarse nestas experiencias prácticas, coordinadas polas profesoras Carme Adán, Carme Moure e María Xesús Enguídanos respectivamente, o libro que está dispoñibel para a súa consulta e descarga na nosa web, conta con outros catro capítulos de carácter máis teórico. Neles, as autoras, todas elas especialistas na materia, Mariam Moreno, Kika Fumero, Carmen Ruíz e María Rúa, pretenden guiar o profesorado na elaboración do Plan de Coeducación, así como no coñecemento de recursos bibliográficos coeducativos que se poidan incorporar ás bibliotecas escolares adaptados a todas as idades e niveis educativos, na reorganización dos espazos dos centros seguindo criterios de igualdade e non discriminación, na inclusión da realidade lgtbiq+ tanto no currículo como nas actividades extra-académicas, nos protocolos de prevención, detección e actuación ante todas a situacións de violencia sexual que se poidan dar no contexto educativo, con especial fincapé na ciberviolencia: sexting, sextorxión, grooming ou revenge porn, entre outras, e en propostas didácticas concretas para tratar situacións de discriminación nas aulas.

Ademais, a CIG-Ensino pretende realizar unha radiografía dos centros de ensino, para o que habilitou un inquérito online co obxecto de coñecer se existen Plans de coeducación, se hai unha figura que coordine as actividades en materia de igualdade en cada centro ou se depende exclusivamente do voluntarismo dunha ou varias persoas e cales son as prioridades máis urxentes para mellorar neste ámbito: dispoñer de tempo en horario lectivo para poder desenvolver este traballo, aumentar a formación do profesorado ou contar con orzamento propio. Así mesmo, tamén se pregunta pola oferta das tres materias de libre configuración que supostamente se poden ofertar tanto en 1º e 2º da ESO (Igualdade de Xénero e Sociedade Inclusiva) como en 1º de Bacharelato (Coeducación para o século XXI). Á marxe do anuncio propagandístico realizado pola Consellaría o curso pasado sobre a aprobación do currículo das dúas últimas, todo parece indicar que desde a administración non se está fomentando como debería a impartición destas materiais nos institutos galegos e que nos niveis de Infantil e Primaria esta segue a ser unha materia pendente.

Unidades didácticas para erradicar as violencias machistas

A CIG-Ensino recupera os materiais editados os últimos dous anos, e que lamentabelmente seguen plenamente vixentes, con motivo do 25N.

Na seguinte ligazón, podedes atopar diversas actividades incluídas nunha unidade didáctica elaborada para a súa aplicación en Primaria coa que pretendemos paliar as eivas que precisamente existen nesta etapa educativa, a gran esquecida da administración á hora de fornecer ao persoal docente de recursos e materiais para o tratamento desta temática.

Cun formato semellante, no que se afonda en como combater os estereotipos de xénero, a linguaxe sexista, a violencia machista, a homolesbobitransfobia, as relacións de poder, a discriminación e a invisibilización das mulleres e doutros colectivo minorizados, poñemos a disposición do colectivo docente de Secundaria unha unidade didáctica pensada para este nivel educativo e á que se pode acceder na seguinte ligazón:

A CIG-Ensino tamén ten a disposición do profesorado unha recopilación de recursos literarios (poemas, ensaios, contos infantís...) que se poden empregar de forma transversal durante esta semana e que están resumidos nesta ligazón

Precisamente para traballar desde as aulas de literatura galega de cara ao 25 de novembro, a profesora do IES Terra de Turonio en Gondomar, Marta Dacosta, pon a disposición publicamente en Calameo o material que emprega no seu centro para 1º e 2º da ESO, e que podedes ver aquí, e para 4º da ESO que podedes consultar nesta ligazón

Publicación sobre linguaxe non sexista

Co obxectivo de incorporar a linguaxe inclusiva cando menos en todos os textos didácticos, na documentación oficial dos centros de ensino, así como noutros recursos escritos como poden ser a súa sinalización interna, a súa páxina web, blogs ou perfís nas redes sociais ou a súa aula virtual..., desde o sindicato lembramos a nosa publicación Linguaxe non sexista. Unha ferramenta a disposición de todo o profesorado e da comunidade educativa en xeral que pretende lembrar a importancia de construírmos o mundo a través da linguaxe, desde que acompañamos as crianzas na súa entrada no sistema educativo obrigatorio até que o abandonan para incorporarse ao mercado laboral ou a continuar estudos superiores. Igualmente, neste documento destácanse as distintas opcións que temos para empregar linguaxe non sexista, como o desdobramento ou uso de todas as marcas posíbeis de xénero, o uso de substantivos abstractos e xenéricos, o uso de barras para visibilizar os dous xéneros ou a substitución de palabras por expresións inclusivas. Por último faise especial fincapé nas pautas para a denominación das profesións, un elemento a ter moi presente tanto na fase de orientación como nos estudos de Formación Profesional onde moitas profesións seguen vencelladas con estereotipos de xénero.

Tecendo redes

Co fin de tirar proveito do contido do programa Tecendo redes de igualdade no que participou o ano pasado a CIG-Ensino, tamén se editou un libro de artigos baixo o mesmo título no que se debulla polo miúdo o mito do amor romántico, se fai unha análise do sexismo no deporte, nos mass media e na publicidade, se abre o debate arredor de cal é actualmente o papel das mulleres no espazo urbano, se poñen en evidencia moitos micromachismos existentes na nosa sociedade ou se afonda na realidade do mercado laboral feminino.

A publicación, que tamén pode ser de utilidade nos centros de ensino está dispoñíbel para a súa consulta ou descarga nesta ligazón.

Nada que celebrar
Entre as múltiples actividades que estes días se están a desenvolver nos centros galegos de cara ao 25N compartimos este vídeo elaborado polo alumnado da materia de Igualdade de xénero de 2º da ESO do IES Politécnico de Vigo, coordinado pola profesora Carme Adán.

Volver