A CIG-Ensino pide a dimisión da conselleira de Educación pola conivencia nun enchufe confirmado polo Tribunal Supremo

O sindicato maioritario denunciou desde o primeiro momento un escandaloso caso de enchufe á actual directora do MUPEGA

A directora do MUPEGA é cuñada de Susana López Abella, ex secretaria xeral de Igualdade e alto cargo do PP.
Á esquerda, Susana López Abella

Catro anos tiveron que transcorrer para que finalmente se bote abaixo un caso absolutamente impresentábel de nepotismo na administración autonómica: a creación dunha praza inexistente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para “colocar” a unha funcionaria docente con destino en Asturias e cuñada de Susana López Abella, naquel momento Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta e agora cesada para concorrer polo PP nas eleccións do 5 de abril pola provincia de Lugo.

Desde abril de 2016, a CIG-Ensino promoveu todos os recursos e accións necesarias para anular un enchufe que a Consellaría mantivo para favorecer a unha docente que doutro xeito non podería obter destino en Galiza ao non existir prazas da súa especialidade en ningún centro educativo. O favoritismo con esta funcionaria docente viña de atrás, cando no 2014 pretenderon colocala irregularmente nunha listaxe de persoal interino.

A sentenza ditada polo TSXG en outubro de 2018 foi demoledora e reproduciu e deu por boas todas as denuncias do modus operandi presentadas pola CIG-Ensino. Así, o alto tribunal galego cualificou toda a operación como unha desviación de poder, como se pode ler nestes extractos dela:

Estes indicios ou presuncións revisten no seu discorrer tal concatenación que, inevitabelmente, conducen a concluír que estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico….Non só non se actuou con transparencia senón que se fixo con manifesto ocultismo; impediuse o acceso á parte actora [CIG-Ensino] á información….Nin sequera a requirimentos do Valedor do Pobo”.

“Non se aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza…cando tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos.”

“Tales circunstancias vense agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta; así, cobra especial relevo a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora (sic) Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia….. Evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”.

Carmen Pomar asumiu persoalmente a defensa do enchufe

Malia todas as denuncias, o informe da Valedora e, sobre todo, a dureza da sentenza, a conselleira de Educación fixo bandeira do caso e defendeu a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo, aproveitando unha intervención no Parlamento Galego para atacar á CIG-Ensino, como denunciante do enchufe.

A conselleira non tiña necesidade de manchar as mans neste tema, xa que ela non estaba á fronte da Consellaría cando se promoveu este caso de nepotismo. A responsabilidade quedou claramente fixada na sentenza e afectaba tanto á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, como última responsábel de que a praza se crease ilegalmente, como á Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, que informou favorabelmente no expediente xudicial.

Porén, Carme Pomar asumiu en primeira persoa a responsabilidade dos feitos e ordenou a presentación do recurso de casación, dilatando a execución da sentenza ano e medio. Por tanto, a CIG-Ensino solicítalle á conselleira que presente a dimisión como responsábel educativa do goberno galego, asumindo así tamén as consecuencias dos seus propios actos e esixe que se depuren responsabilidades para que un feito destas características non se repita máis.

O MUPEGA, manchado polo caso de nepotismo.

O sindicato insta á administración educativa a executar a sentenza en canto tome coñecemento formal dela. Ao tempo, consideramos que o MUPEGA queda claramente tocado por todo este caso de nepotismo, máxime se temos en conta que a presidenta da comisión reitora do MUPEGA é a propia conselleira de Educación, Carme Pomar, e o secretario xeral técnico é o número dous da Consellaría, Jesús Oitavén Barcala e que a directora ocupa un cargo de libre designación.

Por tanto, consideramos que a actual directora e beneficiara do enchufe da Consellaría nunha praza creada para ela no concurso de traslados de 2016, debe presentar a dimisión no seu cargo e, de non facelo, debe ser cesada.

Breve repaso aos feitos denunciados pola CIG-Ensino.

  • A persoa beneficiada, con destino definitivo na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Avilés, tiña manifestado o seu desexo de integrarse como profesora no centro de Pontevedra.
  • Esta profesora sendo funcionaria de carreira en Asturias permanecía nas listaxes de interinos e interinas na especialidade de Conservación e Restauración de Obras Pictóricas de Galiza e o seu nome aparecía e desaparecía desta listaxe en varias ocasións, até que decaeu dela despois dunha denuncia. 
  • Esta profesora con destino definitivo en Asturias estivo, segundo a nosa información, a piques de ser nomeada directora da Escola Superior de Bens Culturais de Galiza no momento da dimisión do anterior equipo directivo.
  • Foi, tendo o destino definitivo como profesora en Asturias, designada asesora técnica do MUPEGA e, pouco tempo despois, o 24 de abril de 2015, nomeada directora polo sistema de libre designación (posto de confianza). 
  • A realidade é que a persoa beneficiada está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta de Galiza. Hoxe, é directora do MUPEGA por libre designación e, aínda tendo destino definitivo en Asturias, a Consellaría adxudícalle, mediante o CXT, unha praza dunha especialidade inexistente na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, mais non oferta ningunha vacante das especialidades que se están a impartir.
CIG
Para saber máis de todo o proceso:
  • A CIG-Ensino denuncia un enchufe na adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra (abril 2016). Ligazón
  • Confírmase o enchufe da actual directora do MUPEGA na resolución definitiva do CXT. Ligazón
  • A CIG-Ensino promove unha protesta do profesorado e o alumnado do centro polo enchufe no concurso de traslados. Ligazón
  • Admitida a trámite a queixa da CIG-Ensino perante a Valedora do Pobo. Ligazón
  • A Valedora do Pobo considera insuficientes as explicacións da Consellaría no caso do enchufe na Escola de Restauración. Ligazón
  • A CIG-Ensino consegue anular un clamoroso caso de enchufismo no concurso de traslados. Ligazón
  • A CIG-Ensino responsabiliza á conselleira da presentación dun recurso no Supremo para gañar tempo e protexer á docente enchufada. Ligazón
CIG Informa sobre a confirmación do Supremo da sentenza por enchufismo na Escola de Restauración de Pontevedra

Documento


Volver