A CIG-ENSINO participou hoxe na concentración diante da sede do Valedor do Pobo para esixir a súa dimisión
A CIG-Ensino desexa que o vindeiro ano 2012 sexa un mellor ano para a nosa lingua
A CIG-Ensino participou hoxe na concentración que a Plataforma Queremos Galego, da que forma parte, convocou ás 11:30 da mañá diante da sede do Valedor do Pobo. Na concentración reclamouse , ao final do acto, mediante a presentación dun escrito, a dimisión de Benigno López pola súa parcialidade antigalega. Con esta e outras mobilizacións quérese pór de manifesto a necesidade de que o actual Valedor dimita, ou sexa cesado polo Parlamento, pois a súa fobia contra o galego inhabilítao para o cargo que ocupa.
A CIG-Ensino considera que Benigno López alíase cos sectores antigalegos da sociedade e se pronuncia contra a nosa lingua en todas as oportunidades. Esta actitude súa, sérvelle de cobertura á Consellaría de Educación e ao propio Presidente do Goberno para atacar a nosa lingua, un dos eixes vertebrais da súa política de goberno. Valedor de Pobo e Partido Popular no Goberno galego, utilizando de coartada aos sectores máis reaccionarios da sociedade, camiñan cara un obxectivo: eliminar o noso idioma do ensino, procurar a desaparición do elemento que nos define como galegas e como galegos. Por iso atacan un libro de texto, que reproduce a legalidade vixente, nade menos que copiando literalmente o Estatuto de Autonomía, despois de recoller na páxina anterior que o castelán é a lingua oficial de España, porque se negan a aceptar unha realidade incuestionábel, que Galiza ten un idioma propio e que ese idioma é o galego.
A CIG-Ensino manifesta unha vez máis que apoia o mantemento do libro de texto posto en cuestión polo Valedor do Pobo e rexeita as declaracións do Conselleiro de Educación. Neste sentido, a CIG-Ensino fixo un chamamento ao profesorado e aos centros que usan este libro de texto a que o sigan empregando tal e como está, pois é o seu dereito e están avalados pola lexislación vixente. Ademais a CIG-Ensino propón aos centros escolares que destinen unha xornada a explicar nas aulas que a lingua propia de Galiza é o galego, que ese é o único idioma que lle corresponde a este territorio e que o concepto de lingua oficial fai referencia exclusivamente a que esa lingua pode ser usada nese territorio, mais pode non que lle pertenza.
A CIG-Ensino denuncia publicamente que, neste momento, xa hai inspectores que están actuando como verdadeiros comisarios políticos do Partido Popular, como é o caso do exdelegado de educación da provincia de A Coruña, Sr. Rivas, que anda á caza do centros que teñen este libro como libro de texto.
A CIG-Ensino dirixirase aos Grupos Parlamentarios para pedirlle o cese do Valedor do Pobo e ao Presidente da Xunta de Galicia para que actúe como tal e cese inmediatamente ao conselleiro de Educación porque ten como pauta de actuación permanente a persecución de todo o que nos define como pobo, nomeadamente a nosa lingua. A CIG-Ensino tamén se vai dirixir por escrito ao Conselleiro instándoo ao mantemento do libro de texto tal e como está pois non fai máis que reproducir a lexislación vixente.
Finalmente a CIG-Ensino fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Queremos galego:
-O sábado ás 17 h na praza do Toural (Santiago de Compostela), unha concentración para esixir o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación.
-O envío de correos individuais á presidenta do Parlamento (pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com) para que os grupos políticos cesen o Valedor e ao presidente da Xunta (secretaria.presidente@xunta.es) para que cese o conselleiro de Educación.
A CIG-Ensino desexa que o vindeiro ano 2012 sexa un mellor ano para a nosa lingua.
Enlace á web da CIG-Ensino onde figura o calendario de mobilizacións, o noso posicionamento e a unidade didáctica de Vicens-Vives perseguida por Valedor do Pobo e o Conselleiro: http://www.cig-ensino.com/novas/12-12-2011/temos-lingua-propia