
A CIG-Ensino participou en Lisboa na Conferencia Nacional da FENPROF para dar a coñecer a situación do ensino galego
A CIG-Ensino interviu, como única organización internacional convidada, cunha exposición de como funciona a educación primaria no noso país
Na súa 4.ª Conferência Nacional do 1.º Ciclo do Ensino Básico, A FENPROF -que reuniu a 250 delegados no Instituto Franco-Português, baixo o lema “(Re)pensar a Escola, Dignificar o Professor, Respeitar a Criança”- quixo coñecer da man da CIG-Ensino a realidade pedagóxica galega neste nivel educativo.
“Foi unha conferencia moi interesante, con moito debate aberto sobre como repensar a educación primaria, nun país como Portugal onde o que alí se denomina o 1º Ciclo de Ensino Básico (de 1º a 4º de EP en Galiza) está en cuestión, coa convivencia dun modelo que teñen claro que está xa superado (a monodocencia, cun só docente por aula, sen especialistas) e un modelo que non dá resultado porque non chega o que un ensino de calidade demanda (o profesorado de apoio na aula)”, explica Xesus Bermello, secretario de organización da CIG-Ensino e ponente na Conferencia Nacional organizada pola FENPROF en representación do noso sindicato.
A CIG-Ensino participou, como única organización internacional convidada, cunha exposición de como funciona a educación primaria no noso país. “Mais, sen dúbida, foi de moita maior valía o longo debate posterior e o interese que os nosos colegas portugueses tiñan pola situación do ensino público galego. E por contrastar diferenzas, mais sobre todo, similitudes, á hora de sufrir o acoso dos respectivos gobernos, recortando e agredindo o ensino público, nunha clara deriva privatizadora”, sinala Xesus Bermello.Bermello destaca o ben recibida que foia CIG-Ensino, que "reafirmou os lazos de unión co profesorado portugués da FENPROF que se fundamentan nunha loita incesante polo ensino público e polo seu profesorado".
Ligazón á nova sobre a intervención de Xesus Bermello, en representación da CIG-Ensino:
“Quando o trabalho de equipa funciona melhor, o centro educativo funciona também melhor”
Máis info na web da FENPROF. Ligazón