A CIG-Ensino participa na concentración convocada polos centros afectados pola transformación de centros de ESO en CIFP
Denuncia a intención da consellaría de favorecer o ensino privado concertado fronte o ensino público
Para a CIG-Ensino, este decreto vai provocar un deterioro do ensino público, favorecendo ao ensino privado concertado, porque nas cidades serán estes os centros receptores do alumnado. “É unha proposta de reconversión, un ERE encuberto no ensino público, que se pretende aplicar xa para o vindeiro curso”, explicaba Anxo Louzao, en declaracións aos medios, durante a concentración.
Para a CIG-Ensino a consellaría tería que retirar este proxecto e abrir un debate amplo, contando con toda a información necesaria para avaliar o seu impacto e tratando de chegar ao máximo consenso entre toda a comunidade afectada.
O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou tamén que os 198 profesores e profesoras afectados que tiñan eses centros como destino definitivo, non puideron participar no recente concurso de traslados porque non sabían que se ía suprimir o seu posto de traballo e que agora quedan sen el. Do mesmo xeito criticou a destrución das 73 unidades previstas que o ensino público estaba ofertando nas cidades e que van pasar para o ensino privado-concertado e a desaparición de máis de 1.531 postos escolares públicos.