A CIG-Ensino oponse e rexeita a realización dunha consulta dirixida aos pais e nais sobre a lingua vehicular do ensino porque o único que pretende é xustificar o retroceso na normalización lingüística

Outro ataque contra o galego

É absolutamente improcedente, desde todos os puntos de vista, someter á consulta dos pais e das nais de que maneira se vai impartir docencia nos centros educativos. Consultar mediante unha enquisa en que lingua se debe vehiculizar o ensino é tan inapropiado como preguntar se se debe explicar baixo a teoría da evolución ou a do creacionismo a orixe humana ou se Carl Marx debe formar parte do programa de filosofía. A opinión pública ten que saber que o que se agocha detrás desta consulta fraudulenta é buscar xustificacións para afastar máis ainda o idioma do sistema educativo.

A CIG-Ensino oponse e rexeita a realización dunha consulta dirixida aos pais e nais sobre a lingua vehicular do ensino porque o único que pretende é xustificar o retroceso na normalización lingüística que o PP ten como obxetivo

 

É absolutamente improcedente, desde todos os puntos de vista, someter á consulta dos pais e das nais de que maneira se vai impartir docencia nos centros educativos. Consultar mediante unha enquisa en que lingua se debe vehiculizar o ensino é tan inapropiado como preguntar se se debe explicar baixo a teoría da evolución ou  a  do creacionismo  a orixe humana  ou se  Carl Marx  debe formar parte do programa de filosofía. A opinión pública ten que saber que o que se agocha detrás desta consulta fraudulenta é buscar xustificacións para afastar máis ainda o idioma do sistema educativo.

 

O sistema educativo como servizo público, o dereito á escolarización e os obxectivos que debe procurar a educación e a vehiculización do ensino en galego son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade e non exclusivamente aos pais e ás nais, igual que  opinar sobre sistema sanitario non  é exclusivo dos enfermos ou enfermas.

O sistema educativo galego non se merece un conselleiro que a súa maior preocupación e lexislar en contra do galego Continúa transmitindo, a través dos medios de comunicación, mensaxes demagóxicas que en nada favorecen ao ensino, que crean confusión e son profundamente irresponsábeis. Por un lado porque xa están regulamentados debidamente os canles para coñecer a opinión dos pais e nais, a través das ANPAS, das suas confederacións e  do  propio Consello Escolar de Galicia -por certo, órgano que informou positivamente o actual decreto 124/07- por outro, porque como ben sabe a Administración, non cabe a realización deste tipo de consultas, como se establece na sentenza 1084/2007 do T.S.X. de Galicia, igual que non cabe consultar que materias se impartirán nos distintos niveis ou cales serán os seus contidos curriculares.

 

Unha consulta destas características é unha desconsideración do profesorado que é  o verdadeiro  cualificado e responsábel na práctica de aplicar o currículo escolar. Débese considerar ademais que estamos ante o dereito a coñecer o noso idioma propio.Os dereitos non poden ser sometidos a consulta, especialmente cando se trata de procurar que as nenas e os nenos poidan exercer o dereito de coñecer o seu idioma propio para, posteriormente, ser cidadáns galegos que poidan exercer o dereito a empregar a súa lingua.

 

Consideramos que a pretensión da Consellaría non é outra que buscar xustificacións para aplicar as medidas regresivas que xa teñen programadas de antemán contra o noso idioma. Buscan agora referendos perversos para   chegar a unha conclusión absolutamente tendenciosa, que non é outra  máis que non respectar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, incumprir a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía. Non doutra maneira se pode entender a teimosía en pór en marcha mecanismos que lle permitan levar á practica a involución planificada no uso do noso idioma, unha teimosía que contrasta coa lentitude ou o desinterese en tratar outras cuestións, de absoluta importancia.

 

A CIG-Ensino  quere manifestar que se opoñerá a esta consulta, que nin procede, nin achega nada positivo para o futuro do noso idioma, nin respecta os canles democráticos de participación dos que nos temos dotado, pretendendo, soamente  ser unha perigosa ferramenta nas mans de quen ten decidido dar pasos en contra de que o galego teña os mesmos dereitos que o español e  de que  nin sequera o 50% das materias se impartan no noso idioma..

Volver