A CIG-Ensino oponse á reincorporación de profesorado e alumnado ás aulas este curso se non é con “claras garantías sanitarias”
Así llo traslada o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, á conselleira, Carmen Pomar, nunha carta na que pide a convocatoria dunha Mesa Sectorial para negociar a “desescalada educativa” e o inicio do vindeiro curso
Despois de que a Consellaría siga dando pasos para diante coa mesmas actitude errática que a caracteriza desde o comezo desta crise, esta vez coa reapertura dos centros ao público para o proceso de admisión de alumnado o próximo luns, e de que siga sen establecer protocolos claros de prevención dos contaxios e de protección dos colectivos máis vulnerábeis, a central sindical amósase contraria á volta do alumnado de infantil, 4º da ESO e de Educación Especial ás aulas a partir do 25 de maio, como se prevé no plan de desescalada do Ministerio de Sanidade.
“Tal e como se viñeron facendo as cousas, con falta de planificación e improvisación absoluta, como se puxo de manifesto coas ordes contraditorias ao respecto da presenza do persoal docente e directivo nos centros ou co tema das oposicións, moito nos tememos que este final de curso vai ser de todo menos tranquilo”, apunta o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. Á xa de por si difícil situación de sobrecarga de traballo que nestes momentos ten o profesorado galego coa teleformación e as tarefas burocráticas engádese agora a incerteza sobre se determinado alumnado vai volver aos centros o 25 de maio, como se prevé a partir da fase II da desescalada proposta polo Ministerio de Sanidade. Bermello vén de remitirlle unha carta á conselleira Carme Pomar na que lle pide que deixe de agocharse tras as decisións do goberno de Madrid e negocie tanto esta cuestión como o inicio do vindeiro curso coas organizacións representativas do profesorado.
Ademais considera que esta negociación xa chega tarde. Toda vez que o vindeiro xoves 14 vai ter lugar a Conferencia Sectorial co Ministerio á que Galiza debería levar unha posición conxunta negociada coa comunidade educativa e coa representación docente.
A desescalada educativa ou é con garantías ou non é
“Entendemos que se está a vulnerar a Lei de Prevención de Riscos por non facer unha avaliación previa dos riscos biolóxicos que poden existir nos centros. Mentres permaneceron pechados ou cunha persoa de garda pode que non fora necesaria pero agora que vai haber circulación de persoas constante é absolutamente imprescindíbel”, explica Bermello. Así pois, “como xa avanzamos onte a CIG-Ensino presentará denuncia na Inspección de traballo pola non realización desta avaliación e porque a administración non negociara no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral as condición de reincorporación ao traballo dos equipos directivos, do persoal administrativo e de limpeza que a partir do vindeiro luns ten que volver aos centros”, indica o máximo responsable do sindicato.
A CIG-Ensino ten claro que se este vai ser o procedemento da Consellaría non se pode producir o regreso ás aulas de ningún grupo de alumnado e por iso insta á conselleira a convocar e asistir á Mesa Sectorial para dar explicacións de como se pretende afrontar este desconfinamento educativo “para o que está claro que Galiza non está preparada a falta só de 17 días da data na que poderiamos entrar na fase II da desescalada”. Neste sentido, hai comunidades que xa anunciaron que non vai haber ningún tipo de regreso ás aulas até setembro e outras que teñen un plan definido e por quendas de reincorporación no que non se inclúe, por exemplo, o alumnado de Infantil, que é o que tería maiores dificultades para seguir as normas de protección e de mantemento de distancias de seguridade. Así mesmo, a CIG-Ensino rexeita que o persoal docente e non docente categorizado polo Ministerio de Sanidade como de risco teña que volver ás aulas este curso, tal e como se recolle na Guía de actuación da Xunta que, sen ser de aplicación ao persoal docente, aparece citada expresamente nas “recomendacións” sanitarias publicadas pola Consellaría no día de onte, 7 de maio.
Ademais a central sindical lembra a contradición de que se solicitara a modificación das programacións didácticas antes do día 12 de maio cando está por concretarse se vai haber este retorno presencial ou non.
Bacharelato e ABAU
Ao respecto do 2º de Bacharelato, un curso no que o retorno ás aulas con todas as garantías de protección podería ter máis sentido tendo en conta a realización das probas da ABAU, a CIG-Ensino exixe que se negocie canto antes esa posíbel reincorporación, recollendo todas as medidas de proteccións que alumnado e profesorado deben gardar e garantindo que o profesorado que forme parte dun grupo de risco poida seguir con teledocencia sen obriga de se incorporar.
Canto á ABAU, o sindicato bota en falta que a estas alturas nons e coñeza cal vai ser o plan da Xunta para poder garantir a maior dispersión dos locais nos que se van realizar as probas, reducindo ao mínimo os desprazamentos e sabendo con moita antelación con que medidas de seguridade van contar alumnado e profesorado, tendo en conta ademais a posibilidade de que aumente o número de docentes que terán que participar no desenvolvemento das probas.
Ciclos Superiores
No caso de 2º de ciclos superiores, dado que o perfil de estudantado tamén é maioritariamente adulto e pode cumprir coas medidas de seguridade que se propoñan, as instrucións de volta ás aulas deberían ir encamiñadas a favorecer a realización de probas finais ou actividades prácticas que sexan relevantes para a adquisición das competencias profesionais incluídas no currículo dos distintos módulos. Pero debe garantirse, en todo caso, a non aglomeración de persoas nos centros, o mantemento da distancia de seguridade e a limpeza e desinfección dos talleres e equipos empregados para a realización desas actividades finais. Na CIG-Ensino preocúpanos especialmente a situación do alumnado que vaia realizar a FCT ou estea en programas de FP dual nestes momentos e esixímoslle á Consellaría que vele polo cumprimento da normativa específica de PRL nas empresas que asinen e manteñan os convenios de formación práctica durante a situación de pandemia actual.
Planificación do vindeiro curso.
Polo demais, a CIG-Ensino quere que se avalíen todos os escenarios posíbeis para o comezo do vindeiro curso, sobre todo o que ten que ver coa necesidade de reforzo de profesorado e de diminución de ratios, para dar resposta á difícil situación de desigualdades entre o alumnado que se produciu desde o inicio do estado de alarma. “Non valen os globos sonda do Ministerio, a Consellaría terá que deixar de lado os cálculos electorais de cara ao verán e definir cal vai ser a planificación para o inicio do primeiro trimestre do curso 2020/2021 desde xa, e facelo no marco da Mesa Sectorial á que tanta alerxia lle ten Carmen Pomar pero que é o único órgano de negociación das cuestións laborais do persoal docente que tanto mudaron coa pandemia da Covid-19”, conclúe Bermello.