A CIG-Ensino oponse á privatización por parte da Xunta das novas escolas infantís do Consorcio.

Comeza a campaña de desmantelamento das escolas infantís “A Galiña Azul” como servizo público acudindo fraudulentamente á vía de urxencia.

O Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais comezou no día de onte, 17 de xaneiro, a carreira para privatizar as novas escolas infantís que abrirán as portas proximamente. Fíxoo anunciando no DOG a privatización da escola infantil de Monteporreiro (Pontevedra). Hoxe, 18 de xaneiro, anúnciase a licitación da xestión privada das escolas de Betanzos e Carballo. Estes novos centros educativos formarán parte da rede de Galescolas creada polo anterior goberno da Xunta mais serán as primeiras en ter unha xestión privada.

Resulta escandaloso que o Consorcio anuncie a licitación destes servizos no DOG pola vía de urxencia apurando os prazos ao límite (o inicio da concesión márcase para o 1 de marzo). Tal e como a CIG-Ensino denunciara no pasado mes de outubro, a intención do Consorcio estaba xa naquela altura tomada para as 17 novas galescolas de construción programada, seguindo ao pé da letra as directrices neoliberais que abandeira o Partido Popular. A CIG-Ensino denunciou daquela que o PP apostaba por privatizar servizos básicos, converténdoos nun lucro para as empresas privadas á quen se lle conceda a xestión privada destes centros públicos. Agora, empregando o mecanismo fraudulento da vía de urxencia, cando a decisión xa estaba tomada, como mínimo desde o mes de outubro, todo semella indicar que a Xunta beneficiará a empresas afíns ideoloxicamente ao PP, como pode ser o caso de FESAN, empresa supostamente vinculada ao Opus Dei e que xa xestiona a día de hoxe varias escolas infantís municipais.

Marchas atrás nos servizos públicos

A decisión tomada pola Xunta de Galiza a través do Consorcio Galego supón unha involución clara ao respecto das políticas de creación de centros públicos iniciada polo anterior goberno da Xunta. Coa privatización das novas escolas infantís dáse marcha atrás na consolidación dunha rede pública para a etapa educativa de 0 a 3 anos, optando como na etapa dos gobernos de Fraga pola privatización das escolas infantís. O modelo naquel momento consistía na privatización a través dos Concellos de escolas construídas con fondos públicos, convertendo un servizo público nun negocio para as empresas. Agora é directamente o Consorcio Galego quen, despois de investir diñeiro público na construción destas escolas as oferta ás empresas privadas, apostando polo clientelismo e o empeoramento da oferta educativa e das relacións laborais.

O público é servizo, o privado beneficio

Na actualidade existen 102 escolas infantís dependentes do Consorcio, todas elas de titularidade e xestión públicas e con persoal propio. As escolas de Betanzos e Carballo, xunto coa pontevedresa de Monteporreiro, serán as primeiras en seren privatizadas. Nos próximos meses está prevista a apertura doutras escolas infantís nos concellos de Coristanco e do Pino.

A CIG-Ensino oponse rotundamente a esta política privatizadora e denuncia publicamente o desmantelamento dos servizos públicos, abrindo unha vía de negocio que para nada debería ser o obxectivo destes centros educativos. 

Volver