A CIG-Ensino ofrece todo o seu apoio ao profesorado que decida manter o ensino en galego

Chamamento a participar na folga do 21 de xaneiro

A CIG-Ensino vén de presentar, en rolda de prensa, a súa valoración respecto da proposta de borrador de decreto para o uso do galego no ensino, aprobado polo Consello da Xunta do pasado día 30 de decembro, en pleno período vacacional da comunidade escolar. Un borrador que supón un retroceso respecto de todos os decretos aprobados desde a promulgación, en 1983, da Lei de Normalización Lingüística, que retrotrae o uso do galego á época franquista, que conculca a lexislación existente e o propio Estatuto de Autonomía e que persegue “a eliminación do noso idioma como lingua útil, destarrala do sistema educativo, despoxala de todos os dereitos e evitar afianzala e que gañe novos falantes”.

A CIG-Ensino ofrece todo o seu apoio ao profesorado que decida manter o ensino en galego

A CIG-Ensino ofrece todo o seu apoio ao profesorado que decida manter o ensino en galego from cig-ensino on Vimeo.

A CIG-Ensino vén de presentar, en rolda de prensa, a súa valoración respecto da proposta de borrador de decreto para o uso do galego no ensino, aprobado polo Consello da Xunta do pasado día 30 de decembro, en pleno período vacacional da comunidade escolar. Un borrador que supón un retroceso respecto de todos os decretos aprobados desde a promulgación, en 1983, da Lei de Normalización Lingüística, que retrotrae o uso do galego á época franquista, que conculca a lexislación existente e o propio Estatuto de Autonomía e que persegue “a eliminación do noso idioma como lingua útil, destarrala do sistema educativo, despoxala de todos os dereitos e evitar afianzala e que gañe novos falantes”.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino explicou que con este borrador redúcese o uso do galego nas aulas, no mellor dos casos, dun 50% a un 30%, pero que está disposto para que nin sequera se cumpra nesta porcentaxe e pase a ser a lingua de materias menos recoñecidas e valoradas socialmente; que recolle que o galego deixe de ser o idioma da administración educativa, o que supón un retroceso mesmo respecto do primeiro decreto, aprobado no ano 1983, hai xa 27 anos; que fomenta a publicación de materiais en castelán; que elimina que o alumnado, con carácter xeral, deba utilizar o galego nas materias que se impartan en galego (recollido no decreto de 1995) e que até muda a denominación dos equipos de normalización lingüística, que pasan a chamarse de “dinamización”, cando o seu cometido fundamental debería ser planificar a normalización.

En Infantil, elimínase a obriga do 50% de presenza do galego nos contornos castelán falantes, polo que “na práctica o galego desaparecerá destas aulas”, dixo. En Primaria o galego pasa a ser unha “lingua residual”, ao deixar de ser o idioma de docencia de materias como Coñecemento do Medio, xa desde 1995, ou Matemáticas. Na ESO expúlsase o galego de materias como Ciencias Sociais, tamén desde 1995, ou Matemáticas e no Bacharelato e na FP a proposta remite a tempos anteriores ao 1983.

A administración elude as súas responsabilidades e traslada o conflito á comunidade escolar

O secretario nacional de CIG-Ensino, tamén denunciou que co novo modelo que pretende implantar o PP desde o goberno da Xunta de Galiza, trasládaselle a responsabilidade de decidir sobre o uso do noso idioma aos centros educativos, “o que suporá grandes conflitos entre profesores, pais e nais e incumprimentos constantes alén de ser anaplicábel e inalcanzábel, máis tendo en conta que moito profesorado, aproximadamente un 10% non coñece o seu destino até o propio mes de setembro”.


Unha desregulación do sistema educativo que obedece, segundo Louzao, á aplicación da “doutrina neoliberal á planificación e ordenación do sistema educativo. O ensino en galego non lle corresponde decidilo ás nais e pais nos centros e mesmo hai sentenzas que así o confirman”, afirmou engadindo que “a consellaría desenténdese da súa responsabilidade respecto da normalización e trasládalla aos centros que verán multiplicado o seu traballo con maior burocracia e cunha clara instrumentalización dos pais”.

Incumprimento do marco xurídico

Tras lembrar que todas as normas e decretos promulgados até o de agora en relación coa lingua galega significaron avances en relación co anterior, Anxo Louzao afirmou que o actual borrador, en diferentes aspectos, non chega nin a alcanzar o decreto de 1983 polo que denunciou que “estamos ante unha proposta preautonómica, que incumpre a lexislación vixente, desde a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 3.2 afirma expresamente que ‘as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino’”. Neste sentido sinalou que se se fala de “uso progresivo terá que ir máis alá do que di o decreto do 83, o do 95 e mesmo o que recollía o do 2007”.

Pero tamén se está a incumprir o propio Estatuto de Autonomía, que nos seus artigos 5.1 e 5.3 estabelece que “os poderes públicos potenciarán o emprego do galego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, cuestión que obviamente este borrador non recolle.

Ao tempo, conculca o artigo 27 do Estatuto de Autonomía que di que lle compete á Comunidade Autónoma Galega “exclusivamente a promoción do ensino da lingua galega”, que se incumpre cando se di que se quere trasladar esa potestade aos país e nais.

Obxectivo: converter o galego nunha lingua de museo


Para a CIG-Ensino, “este novo decreto persegue a eliminación do noso idioma como lingua útil, destarrala do sistema educativo, despoxada de todos os dereitos e evitar afianzala e gañar novos falantes” dixo Louzao, para quen “o odio e fobia do PP e do goberno galego cara ao noso idioma preténdese disfrazar de trilingüismo, inventándose unha realidade sociolingüística inexistente na que a lingua propia pasa de ser marxinada, aldraxada, expulsada de moitos usos e mesmamente agredida, ao cinismo de dicir que é supostamente a lingua agresora e que está invadindo o seu propio territorio”.

Louzao considerou que esta proposta é máis grave aínda cando o uso do idioma perde galego falantes de forma alarmante. Así lembrou que neste intre son unha minoría os mozos e mozas que teñen o galego como lingua inicial e de uso habitual. Un 40% menos respecto dos seus avós. “No canto de potenciala e promovela, o PP desprestixia a lingua”, afirmou.

Para a CIG-Ensino, esta medida é o colofón dunha folla de ruta marcada cuxo obxectivo é eliminarlle ao galego todos os resortes legais que foi conquistando. “Só desde a pretensión de exterminar o noso idioma se pode partir dunha suposta situación de normalidade e non dun contexto sociolingüístico de diglosia” dixo preguntándose ao tempo “como se pode lexislar sen ter en consideración a historia de 500 anos do noso idioma, de persecución, prohibición que continúa sendo proscrito, marxinado de moitos hábitos, espazos e usos públicos”.

Este “cinismo”, dixo Louzao, “só se entende cando a finalidade que se persegue é que o galego deixe de ser unha lingua de uso normal e pase a ser unha peza de museo” coa pretensión de acadar “a total substitución lingüística en lugar da normalización. De aí que se invente unha realidade na que supostamente o galego goza dos mesmos dereitos, usos e estatus que o español”.

A falacia do trilingüismo

A proposta de que se impartan as materias nun 30% en español, noutro 30% en galego e noutro 30% en inglés é, para a CIG-Ensino, unha medida “segregadora, elitista e discriminatoria” que non suporá un mellor aprendizaxe do inglés senón un incremento do fracaso escolar, unha diferenciación entre centros e a división do profesorado.

Louzao alcumouna como “aberrante” do punto de vista pedagóxico e “inaceptábel socialmente” nos niveis educativos obrigatorios, porque provocará importantes desigualdades. “Como se pode xustificar que cun fracaso escolar do 25% e cun baixo dominio do inglés se pretenda vehiculizar o ensino neste idioma en materias en que o alumnado ten dificultades para comprender conceptos e asimilar contidos?”, preguntouse.

 

Por iso, concluíu que “a falacia do trilingüismo o único que persegue é reducir a presenza do galego como lingua vehicular no ensino, dando ao inglés un estatus superior ao do galego”.

Por todo isto e pola absoluta falta de consenso na elaboración deste borrador de decreto, Louzao anunciou que a CIG-Ensino “non participará en contubernios nin en manobras confusionistas” e que “non aceptará nin o máis mínimo retroceso”.

Por iso, fixo un chamamento ao profesorado para que continúe a impartir aulas en galego, para o que ofreceu todo o apoio da CIG. Ademais, fixo un chamamento a participar na folga convocada no marco da plataforma Queremos Galego, para o próximo día 21 de xaneiro

Volver