A CIG-Ensino non subscribe o XXIII convenio colectivo nacional de autoescolas por regresivo e involutivo, e que precariza aínda máis o xa mísero anterior convenio
O marco de negociación estatal refórzase pechando calquera outro ámbito de negociación e volve amosarnos como o sindicalismo estatal de pacto e entrega á patronal consolida a precariedade no sector
O pasado 21/12/2021 asinouse o XXIII convenio colectivo nacional de autoescolas, por parte da organización patronal CNAE e só os sindicatos UXT e USO, non sendo asinado pola outra OO.SS estatal (que si asinou os anteriores), o que dá idea da miseria asinada. O propio proceso de negociación estivo viciado polo calendario imposto pola patronal, que ameazou co remate da ultraactividade aos 24 meses, algo que as OO.SS maioritarias permitiron por non ter presionado. A falta de negociación quedou patente nas só 5 mesas negociadoras que se tiveron en 2 anos dende a constitución da mesa en xaneiro de 2020. Sendo a 1ª mesa negociadora en xullo de 2020 e as 4 restantes de xullo a decembro de 2021, nas que se aceptou o ultimatum da patronal.
A CIG-Ensino non só non o subscribiu, opóndose e reivindicando melloras reais na mesa negociadora en Madrid dende o 1º momento, senón que denuncia enerxicamente esta venta sindical sen precedentes, prorrogando 3 anos máis o mísero XXII convenio en vigor, con algún mínimo avance, na súa maioría por obriga legal, pero engadindo unha regresión e involución histórica na xornada laboral docente pasando esta de 35 a 40h. semanais coa finalidade de poder cobrar un salario “digno”, así como outras perdas de dereitos sociais e salariais que resumimos:
Modificacións finais sobre o XXII convenio estatal impostas pola patronal, inasumibles no conxunto e vergoñentas nalgúns puntos para CIG-Ensino:
Ámbito Temporal:
Do 1 de xaneiro 2020 ao 31.12.2023. Denunciámolo como NEGATIVO, por excesivo e abusivo, máis cando non só non se acadaron melloras significativas, senón que se perderon dereitos.
Ámbito Funcional e Territorial:
Reforzo do ámbito estatal de negociación colectiva, limitando os xa existentes e abarcando o conxunto de actividades docentes no sector da formación viaria. NEGATIVO, pois dende a CIG-Ensino temos claro que este ámbito estatal carece de negociación, entendemos que só debería ser un convenio básico de mínimos, polo que o denunciamos enerxicamente e seguiremos a demandar un Ámbito Galego de Relacións Laborais, co voso apoio na representación sindical, que garanta negociacións reais, nas que decidades os afectados/as e non as cúpulas sindicais como está a suceder en tódolos convenios estatais. Hai convenios galegos que nos dan a razón.
Comisión Técnica:
Crearase un Grupo de Traballo integrado polos asinantes do convenio colectivo que fará un seguimento da súa aplicación e que servirá para preparar a negociación do XXIV convenio colectivo. INTRASCENDENTE, pois esta práctica de vender fume a futuro lévase tempo practicando e nada se acadou. Só consiste en prorrogar e adiar a “negociación”.
Clasificación Profesional:
Reduciron o número de grupos profesionais e cambiaron a redacción das funcións que se poden desenvolver en cada un deles: Grupo 0: Persoal Directivo, Grupo 1: Persoal Docente, Grupo 2: Administrativas/vos, Grupo 3: Persoal Auxiliar e de Servizos Varios. INSUFICIENTE, pois dende a CIG-Ensino entendemos que só deberían ser 3 grupos (a dirección debería ser un cargo funcional). Ademais deberíase ter eliminado a figura de “aspirante/aprendiz”, que se mantén só con fins de facilitar a precariedade.
Denuncia e Prórroga:
Inserción dunha cláusula de ultraactividade que protexa o convenio colectivo, mantendo o convenio sempre en vigor. POSITIVO, foi unha das demandas da CIG-Ensino. Tamén pedíamos a SUBROGACIÓN obrigatoria dos traballadores e traballadoras no caso de cambio de titularidade da empresa, pero esta volveu quedar esquecida.
Xornada Laboral:
Mantemento do actual réxime de xornada e a súa distribución con flexibilidade, agás para o persoal docente que, xa tendo unha xornada lectiva absolutamente abusiva de 35 h, poderá facer “voluntariamente” 5h. máis complementarias semanais, pasando así a súa xornada a 40h. á semana e incluso en sábados e domingos. Estes horarios veñen dar cobertura legal ás practicas irregulares de sobrecarga de traballo e abuso do exceso de xornada. Isto supón unha enorme entrega á patronal sen nada positivo a cambio ou que compense ao persoal traballador. NEGATIVO, INXUSTO E INASUMIBLE, para a CIG-Ensino pola regresión e involución histórica en xornada laboral, que vai na liña da explotación laboral e contraria á creación de emprego que marca a normativa europea e que reivindicamos na mesa coa redución da xornada para o persoal de administración e servizos, e o mantemento para o persoal docente, regulando a posibilidade de pasar clases prácticas a teóricas.
Táboas Salariais:
- Ano 2020: Conxelación salarial.
- Ano 2021: suba do “Salario Base” un 2% a partir do 1 de setembro de 2021, que supón o 0,66%.
- Ano 2022: incremento do “Salario Base” con data 1 de xaneiro de 2022 dun 2%.
- Ano 2023: incremento do “Salario Base” con data 1 de xaneiro de 2023 dun 4%.
Introdúcense 2 cláusulas: Garantía IPC e Garantía SMI, pero só para os anos 2022 e 2023. Ollo! no IPC, estará en función do resultado do previsto na Garantía do SMI.
Tamén se garante que se manterá o diferencial salarial existente entre o devandito SMI (Salario Mínimo Interprofesional, o do Grupo 3) e o Salario Base do Persoal Docente nun 10%, mantendo sempre o seguinte cociente diferencial: Salario Base Grupo 1 / SMI = 1,1.
As Clases especiais de CAP, Permiso por Puntos e Mercadorías Perigosas, a partir do 1 de xaneiro de 2022, terán un complemento de 2 €/hora.
As horas suplementarias: abonaranse ao 115% da hora ordinaria fixada nas Táboas do Convenio.
NEGATIVO no seu conxunto, e incluso un desprezo ao persoal traballador pois non só non se recupera perda de poder adquisitivo acumulado do convenio anterior dende 2013 (con conxelacións salariais e subas por debaixo do IPC), senón que se acumula máis perda adquisitiva no ano 2021 (o IPC vai estar por enriba do 5% ou 6%). Aínda por riba a suba só é para o salario base, polo que os demais conceptos e complementos quedarán conxelados. E todo isto cuns salarios dos máis precarios no sector da ensinanza, sobre todo o dos docentes que non están á altura da responsabilidade, formación, riscos e esixencias lectivas abusivas. A bonificación das 5h. complementarias semanais ao 115% é vergoñenta, pois vai permitir pagar ese incremento de xornada a unha contía inferior ao que recoñece o propio convenio para as horas extras, o 175%. O incremento das clases especiais (2€) é ridículo tal e como manifestamos todas as OO.SS. na mesa.
Por último, as cláusulas de SMI e de diferenciais con respecto ao SMI, indican a precariedade na que se move este convenio e o mínimo interese que hai en dignificalo salarial e laboralmente.
Licencias e permisos retribuídos:
Adecuación legal do texto á Sentenza 811/2020, da Sala IV do Tribunal Supremo, polo que os permisos pasan a ser en días laborables e extensión das licencias ás parellas de feito debidamente oficializadas no Rexistro publico correspondente. Simple ADAPTACIÓN normativa obrigada e sen avances significativos, nuns permisos que pouco máis recollen que o regulado no E.T
Suspensión do contrato de traballo por nacemento, adopción, garda legal, garda con fins de adopción e acollemento: Todos eles sen melloras nin avances, só ADAPTACIÓN do convenio aos novos redactados legais.
Ensino gratuíto familiares:
Adecuación do texto para a non consideración de tempo de traballo efectivo a impartición de clases aos familiares de primeiro grao do profesor/a. NEGATIVO, unha perde de dereitos máis.
Excedencia para mulleres traballadoras en situación de violencia de xénero:
A traballadora vítima de violencia de xénero que o solicite terá dereito a redución ou a reordenación do seu tempo de traballo, a mobilidade xeográfica, o cambio de centro de traballo cando este exista, a suspensión da relación laboral con reserva de posto de traballo (cun máximo de 12 meses de duración) e a extinción do contrato de traballo, nos termos legalmente establecidos. POSITIVO.
Mulleres en estado de xestación:
A partir do 6º mes de xestación, a muller traballadora docente en estado de xestación poderá acordar a substitución das clases prácticas por clases teóricas, ou outras funcións, a condición de que estas existan e sexa posible que a traballadora as imparta ou as execute. POSITIVO, aínda que a reivindicación da CIG-Ensino era dende o 4º mes de xestación.
Seguro de Accidentes:
A privación do dereito para conducir temporal do profesor/a de formación viaria será causa de suspensión do contrato de traballo. NEGATIVO, pois supón a perda dun dereito que se tiña.
Adaptación da linguaxe de xénero no texto do convenio:
Reivindicación sempre feita pola CIG-Ensino, que agora introducen de recheo. ADAPTACIÓN legal.
Táboas salariais do 1 de setembro de 2021 ao 31 de decembro de 2021
GRUPO PROFESIONAL |
SALARIO BASE |
ANTIGÜIDADE / TRIENIO* |
PLUS TRANSPORTE (1) |
GRUPO 0 PERSOAL DIRECTIVO |
1.023,07 € |
38,10 € |
38,49 € |
GRUPO 1 PERSOAL DOCENTE |
1.009,80 € |
34,43 € |
38,49 € |
GRUPO 2 ADMINISTRATIVAS/OS |
|
|
|
Oficial Administrativo |
918 € |
25,29 € |
38,49 € |
Auxiliar Administrativo |
904 € |
25,29 € |
38,49 € |
GRUPO 3 PERSONAL AUXILIAR E DE SERVIZOS. |
|
|
|
Mecánicos, Condutores, Limpeza. |
904 € |
25,49 € |
38,49 € |
Táboas salariais Ano 2022
GRUPO PROFESIONAL |
SALARIO BASE |
ANTIGÜIDADE / TRIENIO* |
PLUS TRANSPORTE (1) |
GRUPO 0 PERSONAL DIRECTIVO |
1.043,53 € |
38,10 € |
38,49 € |
GRUPO 1 PERSONAL DOCENTE |
1.030,00 € |
34,43 € |
38,49 € |
GRUPO 2 ADMINISTRATIVAS/OS |
|
|
|
Oficial Administrativo |
936,36 € |
25,29 € |
38,49 € |
Auxiliar Administrativo |
922,08 € |
25,29 € |
38,49 € |
GRUPO 3 PERSONAL AUXILIAR E DE SERVIZOS |
|
|
|
Mecánicos, Condutores, Limpeza. |
922,08 € |
25,49 € |
38,49 € |
Táboas salariais Ano 2023
GRUPO PROFESIONAL |
SALARIO BASE |
ANTIGÜIDADE / TRIENIO* |
PLUS TRANSPORTE (1) |
GRUPO 0 PERSOAL DIRECTIVO |
1.085,27 € |
38,10 € |
38,49 € |
GRUPO 1 PERSOAL DOCENTE |
1.071,20 € |
34,43 € |
38,49 € |
GRUPO 2 ADMINISTRATIVAS/OS |
|
|
|
Oficial Administrativo |
973,81 € |
25,29 € |
38,49 € |
Auxiliar Administrativo |
958,96 € |
25,29 € |
38,49 € |
GRUPO 3 PERSONAL AUXILIAR E DE SERVIZOS. |
|
|
|
Mecánicos, Condutores, Limpeza. |
958,96 € |
25,49 € |
38,49 € |
(1) Plus de transporte: será abonado soamente polos meses efectivamente traballados, non devengándose en períodos de Incapacidade Transitoria ou vacacións. Aboable a todos os Grupos Profesionais salvo que a persoa traballadora faga uso do coche da empresa para o desprazamento a súa vivenda (in itinere).
- * As persoas traballadoras que desenrolen as funcións de Aspirante, encadradas no Grupo Profesional de ADMINISTRATIVAS/OS percibirán, no seu caso, un Complemento de Antigüidade de 16,38 €.
- En todo caso o Salario Base do Grupo 1 manterase unha diferenza co salario mínimo interprofesional contemplada na Disposición Transitoria Segunda. 2.2º
Resumo das propostas básicas defendidas pola CIG-Ensino na mesa negociadora:
-Emprego dunha linguaxe non sexista en toda a redacción do texto, empregando termos neutros e ambos xéneros cando isto non sexa posible.
-Adaptación do texto ao recolleito na normativa laboral vixente que entrou en vigor logo da negociación e/ou publicación do XXII convenio en vigor.
-Introducir subrogación empresarial de todos os/as traballadores/as así como a ultraactividade mantendo o convenio sempre en vigor.
-Recuperación salarial coa subida lineal de 630 euros/ano (3%) para os salarios inferiores ao salario medio galego anual (21.000€) e dun 3% para o resto. Os docentes na duración do convenio deben camiñar ate ese salario medio de 1500€/mes. Aplicar o SMI a salarios máis baixos e manter diferencial salarial coas categorías máis baixas, para non ser absorbidos polo dito SMI.
-Redución da xornada laboral a 38,5h. aos PAS e camiño das 35 horas semanais. Mantemento da xornada ao persoal docente, regulando a posibilidade de pasar unha % de clases prácticas a teóricas.
-Eliminación dos descontos en caso de IT (incapacidade temporal) por enfermidade común ou accidente non laboral durante os 3 primeiros meses e de toda a baixa por accidente laboral ou enfermidade profesional.
-Plus de festividade, plus de especialización, plus de risco laboral para docentes e plus de transporte (mínimo á parcialidade) cada un sobre 35% máis de salario.
-Recoñecemento de enfermidades profesionais.
-Días de permiso por asuntos propios ( para temas administrativos, titorías escolares,…).
-Permiso retribuído polo tempo necesario para asistir a consultas médicas o traballador/a, fillos e fillas menores de idade ( acolleitos/as) e familiares dependentes (pola súa idade ou enfermidade)
-Reserva do posto de traballo durante o primeiro ano nas excedencias voluntarias, e durante toda a vixencia das mesmas, naquelas por coidado de fillo/a, ou por coidado de familiar ou persoa dependente a cargo que convivan co traballador/a. a duración máxima destas tres modalidades de excedencias será de cinco anos.
-Dereito a redución de xornada para maiores de 55 anos. Xubilación parcial. Premio xubilación para todos/as
-Melloras na conciliación familiar e laboral: maternidade, paternidade, lactancia, flexibilidade xornada, redución de xornada,…
-Eliminar porcentaxes no complemento de antigüidade por limitativos.
-Medidas reais de igualdade: plans de igualdade.
-O mes de vacacións cambialo por 23 días laborais.
-Eliminar a figura de aspirante na clasificación profesional e reducir os grupos profesionais a só tres: persoal docente, persoal administrativo e persoal de servizos.
-Na maternidade dende a 16ª semana de xestación a traballadora poderá cambiar as clases prácticas por teóricas, realizar outras funcións ou pasar a baixa por risco laboral cobrando o 100%.