A CIG-Ensino non asumirá un acordo “fraudulento e ruinoso” para o profesorado galego

A Consellaría de Educación desvelou hoxe na Mesa Sectorial que o incremento retributivo absorbería fondos xa incluídos e orzamentados no acordo estatal

Logo dun enésimo movemento á baixa de CC.OO., convertido no auténtico bastón da Consellaría, hoxe vivimos un novo episodio da farsa na que se ten convertido esta pseudonegociación. A administración educativa fixo unha nova oferta ridícula na liña das presentadas nas anteriores reunións. Subiu 5 euros con respecto á última Mesa Sectorial que se pagarían no último prazo. 

A distribución quedaría en 10 euros en outubro deste ano, 15 euros en xaneiro de 2019, 25 euros en xaneiro de 2020 e 30 en xaneiro de 2021.

Ademais, a administración desvelou un punto oculto deste acordo que consiste en aproveitar para parte do pagamento un fondo derivado do asinado previamente en Madrid. Nese pacto, rubricado por Montoro con CCCO, UGT e CSIF, incluíase o “permiso” do goberno central ás diferentes administracións autonómicas para dispoñer de até un 0,3% da masa salarial para todo o seu persoal. Isto significará que o profesorado quedará excluído de calquera incremento retributivo que se aprobe para o conxunto do persoal da Xunta de Galiza.

Por tanto, unha administración e unhas organizacións sindicais que porfiaron en ir en contra da proposta da CIG-Ensino de negociar melloras laborais e a recuperación do roubado alegando que isto dependía doutro ámbito de negociación, agora traen fondos dese ámbito para pagar parte da posíbel suba salarial do persoal docente.

En anteriores acordos, como o de 2006, coincidiran varias negociacións simultáneas con distintas administracións sen que isto fora un obstáculo para poder acceder a todos e cada un dos pactos de melloras retributivas. De feito, no seu texto, asinado pola CIG-Ensino e por todas as organización sindicais recóllese literalmente: “o presente preacordo non absorberá a percepción doutros complementos ou o incremento dos xa existentes, se se producise o seu financiamento por outras administracións ou por outras institucións”.Polo tanto, esta é a primeira vez que se limita calquera posibilidade de acumular diferentes acordos.

Hipotécase o futuro salarial do profesorado.

Máis alá de que a Consellaría impedira desde o comezo a negociación da mellora das condicións laborais e da recuperación do roubado é importante sinalar que, desde unha perspectiva exclusivamente económica, a proposta da administración hipoteca o futuro salarial do profesorado galego porque blinda os criterios de negociación até 2021. Ademais cos movementos que se van producir nos próximos meses no resto do territorio do Estado, en Galiza quedaría limitada calquera mellora retributiva en base ao acordo que propón a administración.

A pretensión das demais organizacións sindicais de reducir calquera análise da situación económica do profesorado galego a unha comisión de seguemento conformada exclusivamente por quen asine este pacto é unha clara intención de desvirtuar o papel da negociación e da representación que o profesorado outorga a cada sindicato. Deste xeito, deixaríase fóra de xogo a Mesa Sectorial da revisión de como evolucionan os nosos salarios.

A CIG-Ensino non asumirá un acordo “fraudulento e ruinoso” para o profesorado galego

Documento


Volver