A CIG-Ensino non asinará ningún acordo de persoal interino que non inclúa a recuperación dos dereitos perdidos nin un acordo de estabilidade para o colectivo

Na mesma mesa, continuación da do martes pasado, tamén se falou da regulación das permutas provisionais

Na Mesa Sectorial de hoxe a Consellaría presentou unha proposta de modificación do actual texto que regula o acceso á función pública docente do persoal interino e substituto que non introduce nin a recuperación dos dereitos arrebatados ao colectivo durante estes últimos anos nin a posibilidade de negociar un acordo de estabilidade longamente demandado por este profesorado

A CIG-Ensino xa adiantou na Mesa Sectorial que non está disposta a respaldar ningún tipo de texto que non supoña unha mellora real nas condicións laborais e retributivas do profesorado interino e substituto, así como na propia xestión das listaxes de interinaxe e substitución. Así, desde a organización maioritaria do profesorado galego do ensino público  defendeuse que era necesario negociar un acordo de estabilidade para o profesorado interino que inclúa ao profesorado maior de 55 anos até a súa xubilación. Ao tempo, é impresentábel que a día de hoxe non se restitúa o dereito a percepción do pagamento dos meses de verán por riba do que proporcionalmente corresponde polo tempo traballado cando se superen os 5 meses e medio de traballo efectivo, algo que acadamos logo dunha intensa campaña de mobilizacións e folgas no ano 2006 e que foi eliminado unilateralmente pola Consellaría. Tamén se lle demandou á Consellaría o compromiso de defender diante da administración central a necesidade dun acceso diferenciado para quen teña méritos prestados no ensino público.

A CIG-Ensino demandou que calquera aspecto relacionado co presente texto de regulación das condicións de acceso do persoal interino debe ser froito de negociación exclusivamente na Mesa Sectorial, máximo órgano de participación e negociación e que representa o sentir, segundo os resultados das eleccións sindicais, do profesorado galego. Durante estes últimos anos, a Consellaría, coa conivencia das demais organizacións sindicais, deulle carta de natureza a un remedo de comisión de seguimento na que se deixa fóra á CIG, organización que a día de hoxe ten a maioría absoluta da representación na Mesa Sectorial, e permitiuse que sindicatos que foron asinando ou rexeitando por anacos diferentes modificacións puntuais dun acordo que parte do ano 1995, sigan formando parte dunha comisión que usurpa a lexítima representación do profesorado.

Neste sentido a CIG-Ensino puxo novamente en valor o papel esencial que xogou historicamente o colectivo do profesorado interino e substituto na loita polas melloras laborais e da súa estabilidade e que o levou a importantes mobilizacións, peches e folgas sen as que é imposíbel entender como chegamos ao momento actual. 

Nova orde que regula os intercambios provisionais de prazas do persoal docente. 

Na Mesa Sectorial tamén se tratou a recuperación dunha orde que desde hai varios anos foi retirada unilateralmente pola Consellaría, restrinxido o dereito do persoal interino a pedir o que comunmente denominamos permutas provisionais. Desde a CIG-Ensino amosamos a nosa satisfacción por esta rectificación da Consellaría, ao se restituír o dereito do persoal interino, demandado permanentemente polo sindicato, a poder solicitar estas permutas ao igual que o resto do profesorado. 

Como CIG-Ensino fixemos diversas achegas ao texto presentado, centradas na transparencia destas permutas, e non só como propón a Consellaría coa publicación das listaxe senón coa posta en marcha dunha aplicación informática actualizada para a consulta pública por parte das persoas interesadas dos posíbeis intercambios de destino. Incidimos igualmente na necesidade de control por parte da comisión con presenza sindical para casos nos que sexan máis de dúas as persoas permutantes ou non se pidan os destinos no concurso de traslados unha vez que se sobrepasan os 2 anos de concesión ou no límite no caso de concesións cando se poden pedir permutas definitivas. 

Falta de rigor nas prazas ofertadas para profesorado que atende a alumnado de atención preferente.

Facéndonos eco das queixas recibidas de diversos centros, a CIG-Ensino cualificou de falta de rigor por parte dalgunhas xefaturas territoriais a xestión das vacantes ofertadas para a atención deste alumnado e que foi presentada a semana pasada na Mesa Sectorial. 


CIG Informa coa información sobre as permutas: ligazón

CIG Informa coa información sobre a modificación do acordo de interinos: ligazón

Toda a información sobre a mesa sectorial do 9 e 16 de maio: ligazón

Volver