A CIG-Ensino non asina o XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade

Rexeitamos a súa sinatura por manter a precariedade das condicións laborais, sociais e salariais do persoal traballador do sector e demanda un Marco Galego de Negociación: o único camiño para acadar un convenio digno e xusto

Para esta viaxe non facían falla alforxas.

No SIMA,  celebrado o pasado 29 de novembro,  CCOO e UGT asinan o XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade ao “ditado impositivo” de AEDIS e FEACEM. Isto ten lugar despois de 32 mesas negociadoras e 7 SIMAs en máis de tres anos,  o que evidencia un novo fracaso dos sindicatos maioritarios estatais na negociación colectiva do sector, deixando, unha vez máis, en entredito o ámbito estatal de negociación, tal como ten denunciado xa a CIG-Ensino convenio tras convenio.

Ligazón ao XVI Convenio
Ligazón á acta da sétima reunión do SIMA

Este XVI convenio pechouse en falso e en precario, ao significar, na práctica, a prórroga do XV convenio durante seis anos (en vez dos tres que correspondían, pois agora xa debía estar denunciando este, para negociar o XVII de cara aos tres anos seguintes). Deste xeito hipotécase a máis anos o futuro das condicións laborais, sociais e salariais do persoal traballador deste sector, podendo ir até 2030, ao non denunciarse o mesmo, pois as táboas salariais actualizaríanse en automático anualmente a partires de 2028 e sen cláusula de revisión salarial.

RESUMO ACORDOS AO DITADO IMPOSITIVO DAS PATRONAIS E VALORACIÓNS CIG:

  • Vixencia do Convenio: até o 31 de decembro de 2027, prorrogable até 2030 e sen negociacións. Negativo, tanto tempo e sen avances e melloras significativas. Gaña a patronal!
  • Artículo 53: Eliminación do último parágrafo do art. 53.2. Estéril, non cambia nada.
  • Creación dunha comisión de traballo para a clasificación profesional, para análise do  esquema de previsión social e para análise do absentismo e IT. Estéril, só serve para atrasar negociacións.
  • Xubilación parcial acumulable nun ano: vinculado á lexislación vixente. Intranscendente ao non acadar o dereito por solicitude do persoal traballador (depende da vontade da empresa concedela).
  • Posibilidade de gozar 3 dos 25 días de vacacións no momento en que a persoa traballadora o considere, con preaviso previo e suxeito á viabilidade da prestación do servizo. Nada seguro, tamén a vontade da empresa!

Negociación de acordos autonómicos (art. 41). Simple declaración de intencións, xa posibles!

a) Complementos retributivos para todo o persoal afectado por este Convenio suxeitos ao efectivo abono por parte da Administración Pública correspondente.
b) Premio por xubilación e paga extraordinaria por contigüidade, en centros educativos (art. 113).
c) Acordos de Mantemento do Emprego para os centros educativos que extinguen unidades pola non renovación de concertos educativos.

d) Acordos sobre configuración e dotación económica das Equipas Directivas dos centros educativos acollidas a este convenio colectivo.
e) Medidas que favorezan a redución de xornada de traballo do persoal de centros asistenciais ben por idade ou por prestar servizo na empresa máis de 10 anos de forma ininterrompida.
f) Poderán alcanzarse Acordos sobre redución de xornada laboral lectiva para o persoal docente.

Excedencias e licenzas sen soldo:

- Permiso parental por fillo/a menor de 8 anos, duración máxima 8 semanas. Adaptación legal.

- Excedencia por violencia de xénero,  cunha duración de entre 3 meses e 1 ano con reserva do posto de traballo durante a mesma. Positivo.

- Excedencia voluntaria, pola mellora da súa formación ou perfeccionamento profesional, dun año de duración con reserva do posto de traballo sempre e cando acrediten 8 anos na mesma empresa. Cando este perfeccionamento sexa consecuencia da adecuación da empresa a innovacións, o período exixido de exercicio activo será de 4 anos. Positivo, pero debería ser dun ano de reserva do posto de traballo sen límites nos motivos, nin dos anos na empresa.

Permisos e licenzas retribuídos:

Os 15 días naturais de por matrimonio ou unión de feito poderanse comezar a gozar 3 días antes do feito causante. Intranscendente, o avance sería recoller que o período de goce o decida o/a traballador/a

Cinco días en caso de accidente, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito debidamente inscrita no rexistro correspondente ou parentes ate 2º grao consanguinidade ou afinidade ou convivintes. Engádese medida cautelar por se o suliñado “se retira” ou modifica do E.T., tamén se faga aquí. Adaptación legal, cunha involución na medida cautelar introducida.

Complemento de nocturnidade (art. 35),  as persoas traballadoras que o perciban habitualmente terán dereito á súa percepción proporcional (do cobrado nos 11 meses antes) durante as vacacións. Será habitual cando o perciban durante seis o más meses de entre os once anteriores ás vacacións. Adaptación legal, por sentenza do supremo. O avance sería sen o límite dos 6 meses, como se preacordara no SIMA tras denuncia da CIG, e a aplicar a todos os Plus e en todos os paróns laborais.

Importe quilometraxe, incremento do kilometraxe de 0,19 €/km a 0,26 €/km. Adaptación legal.

Festivos, actualización do importe de 3,85€/h. Mellora, pero suba insignificante de 0,35€ a hora.

Actualización salarial (art. 32), Negativo, non se aplica textual... ao facelo como quere a patronal “ repartindo a suba do IPC de 2022 a 2024 nos tres anos seguintes e non todo xunto no 2025”.

A 1 de xaneiro de 2025 actualizaranse os salarios base nun 10%, manténdose o N1 e o N2 ao 9,2%  e 7,2 % do salario base actualizado. As categorías, Técnico e inferiores, verán absorbida a suba, ou mesmo o N1 ou N2, pois seguirán cobrando o SMI ( 1134€ e salario actual 1027,13€).

1 de xaneiro  de 2026  incrementar o SB 2025 +1,50%

1 de xaneiro de 2027   incrementar o SB 2026 + 1,50%

1 de xaneiro de 2025: Creación dun complemento de salario garantido para operarios, auxiliares técnicos e técnicos que oscilarán entre os 15 e 40 euros. Estes complementos teñen a finalidade de evitar solapamentos e  aboaranse cando estes existan. Serán proporcionais á xornada. Positivo, pero miserento para evitar solapamento de salarios entre distintos grupos profesionais polo SMI.

SB Operario = 1.000€. Intranscendente, o SMI está en 1134€ agora mesmo (ate absorbe N1 e N2)

NOVA REDACCIÓN ARTIGO 32, a partir do 1 de xaneiro de 2028 para a actualización salarial correspondente aos seguintes 3 anos, salvo que as partes adopten outro acordo no prazo de 6 meses de negociación, aplicarase o seguinte: SB do ano anterior + IPC ano anterior, un chan do 1,50% e un teito do 4%.  Negativo, falta cláusula de revisión salarial, que o SMI sexa igual ao salario base máis baixo e a creación dun “Complemento Diferencial” mínimo entre os distintos grupos profesionais, para que non se solapen salarios e cobren todos o mesmo.

Dende o 1 de xaneiro de 2028  os traballadores/as que cumpran os requisitos establecidos devengarán un N3 co 2,75% sobre o SB de 2028. Os requisitos de devengo serán tres anos tras o devengo do N2 e a realización da formación prevista pola empresa. Positivo, pero a cambio da entrega dos trienios (estes eran ao 3,8% cada un e a antigüidade pérdese definitivamente).

Como resumo, só recolle meras adaptacións legais e incluso involucións na interpretación dalgunha norma legal e nos salarios, manténdoos na precariedade. Hai varias propostas intranscendentes e estériles, sendo moi poucas e de pouco calado as positivas ou de mellora en dereitos. Non recolle temas tratados nas 32 mesas negociadoras anteriores como xornada, clasificación profesional, contratacións, ITs, novas licenzas e permisos, conciliación laboral e familiar... Trátase pois de medidas cun mínimo custe económico para ás patronais e que serven para xustificarse aos dous sindicatos estatais na sinatura do XVI convenio.

REXEITAMENTO DA CIG-ENSINO. O CAMIÑO: MARCO GALEGO DE NEGOCIACIÓN

O posicionamento da CIG-Ensino foi de rexeitamento TOTAL, tal e como se recolle na Acta de acordo do 7º SIMA. As xustificacións e motivos expostos foron os seguintes:

- por prorrogar o XV convenio que  xa non asinara este sindicato, mantendo a coherencia sindical.
- por carecer este XVI convenio de avances e melloras significativas ao tratarse de facer unha simple adaptación ánormativa legal actual do texto.
- por non modificarse artigos tratados nas 32 mesas negociadoras e outros pospoñelos a comisións que logo non funcionane son inoperativas.
- por non dar resposta ás reivindicacións do persoal traballador e ás expostas nas 32 mesas pola parte social, non hai máis que comparar as plataformas reivindicativas presentadas e o asinado.
En definitiva, por manter a precariedade nas condicións laborais, sociais e salariais... Neste último caso, con salarios base por debaixo do SMI e salarios que non recuperan o poder adquisitivo perdido ate agora e non evitan a posible perda futura, ao carecer de cláusula de revisión salarial anual.

Onde está a coherencia sindical dos demais sindicatos maioritarios estatais asinantes?

Nin nas Plataformas reivindicativas presentadas, tanto por CCOO e UGT, na mesa negociadora e defendidas nas mesmas, que están a anos luz do que logo asinaron. Incluso nin na Plataforma sindical conxunta que acordamos nun momento as tres OO.SS e unha vez máis non respectaron.

Nin nas mobilizacións que levaron a cabo, Di “Si” a un Convenio Digno, ante tan nefastas negociacións durante máis de tres anos, que máis foron como lavado de cara e de xustificación diante do persoal traballador. En ningún momentocontaron coa CIG-Ensino, nin quixeron mobilizar de verdade o sector, como lles levaba proposto CIG-Ensino na mesa, con dous fins claros:  facer unha fronte social común a estas patronais autoritarias, que acadasen novas dinámicas de negociación reais, e ás administracións, para premelas por recursos. 

Convenio galego Xa!!

Dende a CIG-Ensino denunciase, unha vez máis, este marco de negociación estatal e reivindícase un marco galego de negociación como única saída a un convenio digno e xusto. Esperemos que haxa coherencia sindical na Galiza e respecto ao marco de negociación autonómico, o cal, na nova normativa laboral actual (do E.T.), recolle como prioritario e de prevalencia sobre o marco estatal. Agora para negociar un convenio galego é preciso apoiar unha maioría sindical da CIG, ante a postura contraria e de negación das demais OO.SS estatais.

Este errado rumbo das negociacións estatais, fai que vaia tendo máis sentido a demanda histórica da CIG de contarmos cun marco galego de relacións laborais,  que poidamos negociar directamente e non depender do ámbito estatal que non dá resposta ás reivindicacións e necesidades do persoal traballador galego. Nas vosas mans está o forzar e apoiar a representación sindical da CIG nos vosos centros de traballo, apostando polo modelo sindical  da CIG-Ensino: reivindicativo, combativo e asembleario, e renunciando ao pactista e entreguista que impoñen os sindicatos estatais, dende as súas cúpulas, en conivencia coas patronais (inmobilistas e involucionistas, cun bloqueo de máis de 3 anos), como levan facendo convenio tras convenio.

A CIG-Ensino, como sindicato maioritario no sector na Galiza, volverá a contactar coas patronais galegas, AEDIGAL e INRED, coas que temos coincidencias e puntos en común, nos que podemos confluír de cara a facer un fronte común á administración galega para que poña os coidados das persoas con discapacidade na prioridade de verdade das súas políticas públicas. Trataríase de abrir negociacións a tres bandas, por un “convenio galego” que dignificara o sector da discapacidade.

Ligazón ao XVI Convenio
Ligazón á acta da sétima reunión do SIMA
CIG Informa non sinatura convenio atención á discapacidade

Documento


CIG Informa táboas salariais discapacidade 2025 2026 2027

Documento


Volver