A CIG-Ensino non asina o XIII Convenio Estatal de Centros de Educación Infantil 0-3

Nesta nova tedes o convenio asinado, as táboas salariais e o control horario

Unha vez máis todas as patronais do sector de Infantil 0-3 e os sindicatos estatais “cómplices e submisos”, que desoen as demandas das traballadoras virándolles as costas, asinan un convenio en precario, impositivo, fraudulento e sen negociación real, que pechará unha década sen avances en dereitos laborais e salariais.

Na 20ª mesa negociadora do 5 de marzo, todas as patronais do sector e o  trío sindical estatal “UGT, USO e FSIE”,asinan o XIII Convenio Estatal de Centros de Educación Infantil 0-3, nos termos impostos polas patronais, logo de forzar máis de 3 anos de bloqueo nas negociacións e perdas de avances en dereitos laborais, así como salariais, estando as traballadoras do sector dende 2021, cos salarios conxelados e a inflación disparada, pola carestía da vida polas nubes.

Os sindicatos estatais, que se enmascaran de salvadores da situación do sector, atribuíndose falsamente capacidade negociadora, volven repetir a venda sindical feita xa en 2019 coa sinatura do XII convenio, asinando agora o XII convenio (que é o anterior prorrogado con adaptacións legais obrigadas por Lei e táboas salariais precarias), desoíndo, unha vez máis, ao colectivo que din representar ( así o manifestaron as traballadoras en asembleas, folgas, manifestacións, máis de 6000 sinaturas recollidas pola CIG na Galiza,...) e pechando o que van ser 10 anos de precariedade laboral e salarial, ate o curso 2028-29, que pode ir o XIII convenio.

A CIG-Ensino como xa ven denunciando e advertindo rexeita a sinatura deste XII Iconvenio, porque mantén o  “bloqueo e imposición patronal” e porque é inxusto, inxustificable, moi insuficiente, fraudulento e carente de negociación real. Non da resposta, nin respecta o mandato das traballadoras do sector (manifestado nas mobilizacións, folgas, máis de 6000 sinaturas recollidas pola CIG), sendo traizoadas e vendidas polos sindicatos estatais, unha vez máis, que nas rúas berraban e reivindicaban coa CIG-Ensino “convenio digno e salarios xustos”!!.

Razóns máis concretas para ser rexeitado pola CIG-Ensino, as súas delegadas e afiliadas e a maioría das traballadoras galegas, dun sector altamente feminizado:

1º - Prorrogase o precario e rexeitado XII convenio asinado en 2019, pois só se fixeron adaptacións legais de melloras acadadas por Lei, sendo obriga recollelas no novo convenio, polo que o resto de reivindicacións laborais e sociais quedan aparcadas e esquecidas: xornada (lectivas e non lectivas), permisos e licenzas, vacacións, conciliación vida laboral e familiar,ITs...

2º - As táboas salariais con subas miserentas manteñen a precariedade salarial no sector, e ate 2028, sendo o único “negociado” en máis de tres anos de bloqueo patronal, pois van supoñer:

- Non cobrar retroactividade salarial: os atrasos de 2021, 2022, 2023 e 2024 perdidos, con IPCs cada un dos anos de 6,5% (cobrouse un 3,1% no 2021), 5,7%,3,1% e 2,8%,respectivamente. Isto supón deixar de cobrar miles de euros nestes anos que estiveron conxelados os salarios (só se subiu o SMI e non a todas). Unha traballadora deixou de cobrar sobre 4.000, 5.000€ e 6000€ de atrasos, segundo sexan PSXs, Educadoras, ou Mestras ( e Persoal Complem.)  respectivamente.

- Non recuperar o poder adquisitivo perdido, nin garantir o futuro ate 2028: estamos a falar de perdas de poder adquisitivo dun 15% dende 2021 ate 2024 e de cara ao futuro non hai cláusula de revisión salarial para garantir o IPC anual ate 2028-29, nin por suposto recuperar o xa perdido.

- Máis discriminación salarial nas mesmas categorías, tanto no mesmo como distinto tipo de xestión do centro: auméntase a diferencia salarial entre as táboas de Xestión Directa (X.D.) e Xestión Indirecta (X.I.), non respectando a máxima de “a igual traballo, igual salario”. Estas diferencias pasarán dos 200€/mes nas mesmas categorías e distinta xestión, o que na Galiza coa gratuidade da Xunta na etapa provocará unha “competencia desleal”entre a X.D. e a X.I., véndose esta última prexudicada en perda de matrícula e peche de unidades. Ademais nas táboas de X.I. entre a A) e as B) haberá dobre discriminación, por mesmo traballo e mesmo tipo de xestión, e que incluso cobrarán menos que as de X.D. mentres non teñen novos pregos de contratación. Estas táboas B) da X.I. poderán nin cobrar as subas miserentas propostas pola “ cláusulade descolgue salarial” abusiva imposta polas patronais(xa explicada arriba).

- Mantense a discriminación salarial na categoría das Educadoras, ao poder volver verse solapadas salarialmente coas categorías inferiores de PSX (persoal de servizos xerais), pois salarios das táboas veranse atrapados ou superados polos novos SMI (no 2025 fálase entre 1180 e 1200€). Non se recolle un diferencial salarial mínimo para as Educadoras sobre o SMI (+100€).

Nin se garante o cobro, como Salario Base, do SMI para as categorías máis baixas, ao non recollerse no XIII convenio as táboas salariais de 2022, 2023 e 2024, que foron reivindicadas pola CIG-Ensino en solitario. Así, PSXs ( cociña, limpeza, servizos,...) e algunhas educadoras, que non cobraron o SMI como salario base (SB), por absorbérselles o CPP nas súas empresas, non verán como estas llo deban recoñecer e repoñer agora. Isto non pasaria se estas táboas, saisen agora todas cos SB “segundo SMI” ou coas cantidades do SMI de cada ano.

NOTA: A CIG-Ensino gañou demandas de afiliados/as individuais e que foron  colectivas en algunha empresa, polo que ponte en contacto co teu local da CIG se queres demandar por fraude e incumprimento da túa empresa, ao non pagarche o SMI durante todos estes anos.

Saída: marco galego de negociación. Convenio galego xa!!

A CIG-Ensino fai un chamamento á reacción “pola dignidade” das traballadoras galegas do sector  ante esta deriva das OO.SS estatais, apostando por unha demanda histórica da CIG de termos cun Marco Galego de Negociación, para que se poida negociar aqui e non depender do ámbito estatal que non dá resposta ás reivindicacións e necesidades das traballadoras galegas.

Se algo vén de quedar moi claro nesta negociación é que as traballadoras do sector de Infantil 0-3 precisan un Convenio Galego, como única vía para conquistarmos un CONVENIO DIGNO E XUSTO. Para avanzar e ter un marco de relacións laborais galego, precisase reforzar o modelo sindical CIG, con maiorías claras e así intentar forzar a apertura da mesa de negociación galega, acercar a negociación ás traballadoras e que sexan elas as que  decidan sen ser suplantadas por cúpulas sindicais estatais como se ven facendo en Madrid, convenio tras convenio.       

Nas vosas mans está o forzar, coa representación sindical da CIG no teu centro, e apoiar, coa sinatura, a “Campaña polas melloras laborais, sociais e salariais: por un convenio galego digno”, (https://www.cig-ensino.gal/nova/por-un-convenio-galego.html), que terá remate coa entrega das sinaturas na Consellaría de Política Social o próximo mártes 18 de marzo . Nesa xornada as delegadas da CIG-Ensino tamén desenvolverán unha concentración, ás 11:30h, ás portas do edificio administrativo de San Caetano en Santiago, para dar máis visibilidade ás  reivindicacións do sector e solicitarán unha xuntanza coa conselleira, Fabiola García, como máxima responsábel da prestación destes servizos, unha vez declarados gratuítos pola Xunta. Tamén solicitarán xuntanzas cos Grupos Parlamentares.

Teránse reunións coas distintas empresas do sector e AGADEI ( asociación maioritaria), así como coa CEG ( Confederación Empresarios Galiza), co fin de que se constitúan en patronais, paso prioritario e tamén complicado, pero non imposible.

 

CIG-Informa XIII Convenio Educación Infantil

Non asinado pola CIG-Ensino

Documento


Volver