A CIG-Ensino non asina o XII Convenio Colectivo estatal de Educación Infantil

Unha vez máis as patronais do sector de Infantil 0-3 e os sindicatos estatais “cómplices e submisos” desoen as demandas das traballadoras virándolles as costas e asinando un convenio en precario, impositivo, fraudulento e carente de negociación real.

Finalmente na 16ª mesa negociadora do 22 de maio, tal e como xa tiñan acordado, as patronais e os sindicatos UGT, FSIE e USO asinaron o XII convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil, facendo oídos xordos das mobilizacións levadas a cabo polas traballadoras da etapa 0-3 que trasladaron do seu puño e letra nunha recollida de sinaturas promovida pola CIG-Ensino a súa total oposición ao convenio.

A CIG-Ensino fixo entrega na propia reunión das 558 sinaturas de 111 escolas galegas que rexeitaban a sinatura do XII Convenio Estatal de Infantil, demandando que non se asinase un Convenio que vai seguir afondando na precariedade laboral e salarial e non dá solución aos  problemas e reivindicacións das traballadoras.

A CIG-Ensino non só mantivo a súa coherencia en todo o proceso negociador, amosando un total rexeitamento a este XII Convenio senón que tamén denunciou a fraude, a imposición, precariedade e falta de negociación real, pois estamos diante dun convenio que non avanzou o máis mínimo no aspecto laboral dende a sinatura do anterior no 2011, deixando tal cal estaba o seu articulado con só adaptacións legais recoñecidas por lei.

No aspecto salarial cómpre ter en conta que tras sete anos de conxelación salarial a única proposta de suba, fóra da aplicación da lexislación estatal do novo salario mínimo interprofesional, foi pasar o salario das educadoras a 930€ comezando a pagalos dende o mes seguinte á data de sinatura do convenio, que será o 1 de xuño, e unha cláusula para que se convoque a mesa negociadora se hai modificacións no SMI para adaptar as táboas salariais ao mesmo. Para o resto de categorías aplicaranse subas nos próximos 2 anos que incluso están por debaixo do AENC (acordo miserento entre a Patronal, UGT e CCOO, que a CIG-Ensino non comparte e criticou con contundencia). Por tanto, non se garante o IPC futuro e contribúese a seguir aumentando a perda de poder adquisitivo.

Se algo vén de quedar absolutamente claro nesta negociación é que as traballadoras do sector de Infantil 0-3 precisan un CONVENIO GALEGO, como única vía para conquistarmos un CONVENIO DIGNO E XUSTO. Para avanzarmos e termos un marco de relacións laborais galego, precisamos reforzar o noso modelo sindical con maiorías claras e así intentar forzar a apertura dunha mesa de negociación galega, acercar a negociación ás traballadoras e que sexan elas as que poidan decidir sen ser suplantadas por cúpulas sindicais estatais como sempre levan facendo en Madrid.       

Volver