A CIG-Ensino non asina o VII Convenio Estatal do Ensino Concertado ao non dar resposta ás nosas reivindicacións nin ás do persoal traballador galego ao que representamos na mesa de negociación en Madrid

O sindicalismo estatal dixo amén á patronal e tras 5 mesas negociadoras en 19 meses acabouse asinando unha prórroga de 3 anos máis do VI convenio, que mantén recortes e perda de dereitos, con cativas melloras sociais e en permisos e con graves regresións

Valoración da sinatura do VII convenio da CIG-Ensino.

O 21 de xuño, celebrouse en Madrid a 6ª e última Mesa Negociadora, a de sinatura do VII Convenio Colectivo Estatal de Centros Mantidos Total ou Parcialmente con Fondos Públicos por parte de todas as patronais do sector e as organizacións sindicais FSIE, FETE-UGT, USO e CCOO. O texto que nos puxo enriba da mesa a patronal como ultimátum, ameazando de novo coa ultraactividade, non foi asinado pola CIG-Ensino ao considerarmos que supón prorrogar o lesivo VI convenio tres anos máis até decembro do 2024 ( convenio que nós e incluso CCOO non asinaramos e foramos moi críticos coa súa sinatura, por regresivo, involutivo e pola perda de dereitos e recortes que supuña: a PEA a cobrala se a Administración quería, coa I.T. máis do mesmo, o persoal traballador da etapa infantil 0-3 discriminado laboral e salarialmente, a consolidación dos recortes salariais e da perda de poder adquisitivo,…). Este VII convenio non supón recuperación de dereitos perdidos, ningunha mellora significativa para o persoal dos centros, nin salarial, nin laboral, nin resolve os problemas e recortes que se viñeron aplicando nos últimos anos, nin garante nada de cara ao futuro, deixándoo case todo nunha absoluta inconcreción e condicionado as decisións que poidan tomar as Administracións Educativas nas respectivas CCAA que, coa situación de crise sanitaria e social que padecemos, non parece que dean motivos para ser optimistas de cara ao futuro. Ademais, só se negocia unha cuarta parte do convenio onde se recollen algúns aspectos regresivos como son a introdución de “contratos temporais” en precario e “flexibilidade” da xornada ao PAS. As patronais do sector quedan exentas de todo compromiso, exercendo como tales só para xestionar os seus intereses, non para cumprir as responsabilidades que teñen cos/coas seus/súas traballadores/as.

Evidente falta de negociación e presión social.

Partimos de que o convenio denunciouse en novembro de 2019 e a mesa negociadora constituíuse en outubro de 2020, un ano perdido! Logo de 3 mesas estériles sen avances polo inmobilismo da patronal e a alarmante pasividade dos sindicatos maioritarios, e vendo como a ultraactividade volvía ameazar coma no VI convenio (2013), a patronal adiántase e propón moi habilmente o negociar en 2 fases:

1ª Fase – Negociar aqueles temas esenciais, concretos e de rápido acordo. Estes publicaríanse xa no VII convenio e entrarían en vigor logo da súa publicación no BOE. Concretamente cerráronse en 11 temas a tratar, que en artigos a modificar supoñen unha 4ª parte do articulado do convenio (modifícanse uns 25 de algo máis de 100 artigos do VI convenio).

2ª Fase -  Negociar durante a vixencia do VII convenio o resto de temas ou artigos de máis calado e que precisan de máis tempo a través de “comisións de traballo ou negociación”. Crearíanse grupos de traballo para consensuar propostas sobre as materias importantes, dando así unha patada cara adiante á negociación que realmente reivindicaba xa o persoal (xornada, salarios, dereitos laborais, homologación,…). Concretamente tratarase a xornada laboral, clasificación profesional, o réxime sancionador e cursos formación e perfección. Os antecedentes dinnos que todo queda en boas intencións, esperemos errar!.

A resposta dos sindicatos estatais foi de nula presión social sendo o seu obxectivo acordar e asinar canto antes, pois apenas lle plantaron cara á patronal, presentando propostas moi acaídas e na liña das feitas polas patronais, sen apenas engadir outras que todos levábamos nas nosas plataformas reivindicativas. Dende a CIG-Ensino reivindicamos para cada unha destas 2 fases máis propostas, máis ambiciosas, pero non foron aceptadas nin polos demais sindicatos maioritarios. Foron rexeitadas literalmente cun : "pois senón non se vai asinar o convenio…”. 

Modificacións que recolle o VII convenio e nos levaron a esta valoración

1 - Ámbito temporal vixencia.

Duración ate o 31 de decembro de 2024. NEGATIVO para a parte social, polo excesivo e abusivo no tempo para tan poucos avances e melloras. As présas nunca foron boas e con tan pouco negociado e avanzado no convenio, chegaba ate 2022 a súa vixencia e esperar tempos mellores. Neste contexto de crise sanitaria e económica non era o máis acaído para a negociación e do mesmo valeuse a patronal.

Métese unha cláusula de ULTRAACTIVIDADE, de xeito que o convenio se prorroga automaticamente á finalización do prazo de vixencia e até a publicación dun novo convenio colectivo. Algo MOI POSITIVO. Tema sempre reivindicado pola CIG-Ensino, xa no VI convenio, pois condicionou ao final a involución e perda de dereitos coa sinatura do mesmo no límite dos 2 anos de negociación, ameazando e chantaxeando a patronal coa desaparición do convenio (antes, como agora, a presión social dos maioritarios non existiu). Ademais reivindicamos a  necesidade de introducir a SUBROGACIÓN do persoal traballador, como garante dos postos de traballo, caso de quebra empresarial, e quedamos sós, non entrando en ningunha das fases.

2 – Permisos retribuídos.

Para os permisos do artigo 38, 2 e 3, elimínase o dereito a 3 días polo nacemento dun fillo ( RECORTE polo novo permiso paternidade) e recoñécese que se o inicio é en día festivo, comezará a contar o primeiro día laborable.Se o feito causante que orixina o dereito ao permiso se produce cando a persoa traballadora completase o “70 % da xornada”, este contará desde o día seguinte. Se iniciado o permiso se inclúe algún día da fin de semana considerado non laborable para o/a traballador/a, non se terá en conta no cómputo. O permiso por hospitalización poderá iniciarse mentres dure o feito causante e, unha vez iniciado, os días de gozo serán continuados. AVANCE, este último goce da hospitalización, que desde CIG solicitamos discontinuos por conciliación. O resto ADAPTACIÓN LEGAL, xa de obrigado cumprimento por sentenza.

Novo permiso, ao crearse unha bolsa dun máximo de 20 horas anuais por persoa traballadora, para a asistencia a consultas médicas propias, de fillos/as menores de idade, de cónxuxe e de país/nais e de familiares ate o 1º grao de consanguinidade ou afinidade que non poidan valerse por si mesmos. Ate un máximo de 10 horas anuais, con cargo á bolsa de 20 horas, poden ser para titorías de fillos/as menores. POSITIVO, pero moi limitado, dende a CIG-Ensino solicitámola sen límite temporal, como se recolle noutros convenios e no funcionariado.

O permiso por matrimonio amplíase para as parellas de feito, reparándose unha inxustiza que xa case todos os convenios recollen fai tempo. AVANCE. Os 15 días naturais poderán empezar a gozarse desde 3 días antes,INTRASCENDENTE cando xa se soe gozar, tendo que o día da voda quedar dentro dos 15 días.

3- Suspensións e excedencias.

Na excedencia voluntaria poderase pactar entre as partes a reserva do posto de traballo e a súa duración. INTRASCENDENTE, xa que sempre que houbo interese entre as partes xa se facía así. Desde CIG reivincamos a reserva do posto por 1 ano, isto si sería algo significativo e positivo.

Nova excedencia por vítimas de violencia de xénero cunha duración de entre 3 meses e 1 ano e reserva do posto de traballo mentres dure. POSITIVO.

4 - Cesamentos voluntarios.

Redúcese a 15 días o prazo de preaviso do persoal docente que avise a dirección ou titularidade do colexio  que está nas listas de acceso a postos en centros públicos. AVANCE. Para a CIG deberíase reducir máis e non sancionar con 2 días cada día de falta de preaviso de que te vas, pois iso só ten fins recaudatorios.

5 - Xornada do PAS.

Redúcese progresivamente a xornada do PAS para quedar en 1570 horas ao ano. No 2022 a xornada será de 1590 horas; en 2023 será de 1580 horas; en 2024 será de 1570. POSITIVO.

A xornada quedará en 38 horas semanais, con “carácter referencial”, o que flexibiliza a mesma e desregularízaa. NEGATIVO, pois a xornada pode deixar de ser fixa e movela ao antollo da empresa. Para a CIG este punto é inaceptable, perdendo máis o persoal traballador en relación á miseria da redución anual. Logo que pasa coa xornada dos docentes? O mínimo sería recoñecer “períodos lectivos” con “horas lectivas”, evitando malas praxis e que os recreos foran lectivos. Dous temas moi reivindicados polo persoal. Reparar a discriminación e incremento da xornada aplicado no VI convenio ao persoal de infantil de 0-3.

6 – Contrato eventual.

Regúlase no convenio a ampliación da duración que permite o Estatuto dos traballadores, 18 meses, para casos de situación excepcional que sexa constatada e aprobada pola “comisión paritaria”. MOI NEGATIVO. Estes contratos non teñen sentido neste sector, xa hai o de Obra e Servizo, polo que a súa introdución só responde á inteción de precarizar ao persoal. Para a CIG este feito é totalmente regresivo e máis en mans da paritaria, estando esta constituída só polos “asinantes do convenio”, deixando fóra aos que non “pasamos polo aro”.

7 - Vacacións e períodos sen actividade. (NEGATIVO)

Modifícase o capítulo II do título III que pasa a titularse «Vacacións e períodos sen actividade», por un claro interese económico da patronal e sen acadar nada a cambio a parte social. 

Modifícase o artigo 32 que pasa a titularse «Rexime xeral de vacacións». O cálculo das vacacións para gozar ou compensar economicamente, nos casos en que proceda legalmente, farase sobre a base de cálculo das ditas vacacións.

Modifícase o artigo 33 que pasa a titularse «Períodos sen actividade do persoal docente» e o artigo 35 que pasa a titularse «Vacacións do persoal complementario titulado e de administración e servizos».

Engádese un artigo 35 bis coa denominación «Períodos sen actividade do persoal complementario titulado e de administración e servizos (PAS)».

8 - Outros complementos salariais (E a paga da PEA?).

Recóllese a posibilidade de negociar nas CCAA outros complementos, como os sexenios, sempre e cando se fagan cargo as Administracións Educativas e as empresas non teñan que pagar cantidade algunha. INTRASCENDENTE e un claro “brinde ao sol”.

Dende a CIG fomos moi críticos con este apartado, pois non se repara en asegurar o cobro da PEA que está afectando a moitos/as traballadores/as galegos/as, vendendo fume con outros posibles complementos nos mesmos termos que o pago da PEA, non pagan esta e van pagar outros…e máis á par! En fin...

9 - Acordo sobre o Control e rexistro de Xornada.

Ademais de recollelo integramente no convenio, modifícanse os seguintes puntos do acordo de rexistro de xornada, que quedan da seguinte maneira: 

(7) Se, por motivos de organización, a persoa traballadora dispuxese de tempo libre entre clases, estará a disposición do empresario. Non obstante, a empresa poderá acordar coa persoa a ausencia do centro de traballo, en cada ocasión ou coa temporalidade máxima dun curso, en cuxo caso non será considerado tempo de traballo. 

(17) Cando á persoa traballadora se lle encomende a realización de xestións fóra do centro educativo, levarase un control horario en documento separado, quedando reflectido o tempo empregado.

Este acordo xa fora asinado e publicado en BOE, sendo a CIG asinante do mesmo ao sernos aceptadas  propostas nosas que melloraban significativamente o texto do acordo,polo que resulta INTRASCENDENTE.

10 - Comisión de traballo. (INTRASCENDENTE)

Créase unha “comisión de traballo” que se reunirá periodicamente, estando constituída por cada unha das partes asinantes do convenio colectivo. Esa comisión constituirase dentro do primeiro mes desde a publicación do convenio colectivo no BOE. As conclusións trasladaranse á Comisión Negociadora. Desde a CIG-Ensino exiximos un compromiso real con datas e ir incorporando ao convenio temas, ademais de que non se excluíra aos non asinantes do convenio, pero non se aceptou por ningunha das partes ( só CCOO  compartía estar negociantes) o que indica as poucas garantías de negociación, excluíndonos. Outros antecedentes con estes grupos de traballo confirman o fin de demorar e adiar a negociación.

Os temas que tratará a comisión serán: xornada de traballo (teletraballo, desconexión dixital, actividade lectiva/non lectiva…), clasificación profesional, revisión do título VI (réxime sancionador) e réxime dos cursos de formación e perfeccionamento profesional. Ademais da adaptación legal de todo o texto á normativa actual e que non figura no texto do VI convenio ( isto xa se debería facer na 1ª fase). Desde a CIG-Ensino tratamos de introducir outras propostas de cara as comisións de traballo: SUBROGACIÓN LABORAL, persoal infantil 0-3, xubilación parcial, plans igualdade, acordos recolocación ou mantemento do emprego, regulación cargos,… pero a patronal opúxose rotundamente e as OO.SS estatais asumiron a proposta pechada da patronal.

11 – Outros temas. (INTRASCENDENTE)                                                                                      No marco da Disposición Adicional 8ª, cando se produzan acordos de incremento de ratio nas Comunidades Autónomas, ou estas xa tivesen ratios suficientes para ilo, poderanse subscribir acordos onde terá prioridade de redución dunha hora de carga lectiva o persoal docente maior de 58 anos sempre que sexa a cargo das Administracións Educativas e que as empresas non asumirán. Non se incluirán os incrementos de ratio que obedezan a partidas finalistas das Administracións.

Desde a CIG entendemos que non deixa de ser outro “brinde ao sol”, nos mesmos termos que a PEA, e para nós só valen feitos e non promesas que logo quedan en boas intencións e nada máis. Onde quedan outros moitos temas do articulado sen negociar ou tratar e que son demandados nos centros de traballo?.

12 - Actualización salarial. (NEGATIVO)

Aplicarase unha suba do 2 % en 2020 e 0,9 % en 2021 para o PAS e docentes non concertados, na mesma liña do que se aplicou nos PXE aos docentes en pago delegado. Unha vez publicadas no BOE, aboaranse atrasos nun prazo máximo de 3 meses. Desde a CIG entendemos que estas subas deben ser maiores ao ser estes salarios dos máis baixos e así evitar que a fenda salarial entre os salarios máis altos e os máis baixos siga medrando. Ademais é inadmisible que se retrasase tanto esta negociación.

Límite temporal de 3 meses para a sinatura das táboas de cada ano desde a publicación no BOE dos PXE. Este límite só se aplicará durante a vixencia do convenio, e non será aplicable despois da denuncia do convenio. AVANCE. Desde CIG-Ensino opinamos que este límite xa debería estar aplicándose e quedar establecido para sempre, así como garantir a negociación das táboas salariais anuais (segue recolléndose que se aplicará o acordado nos PXE aos de pago delegado, e logo que se negocia nesta mesa coa patronal?), coa porcentaxe de suba que garanta como mínimo o IPC de cada ano (agás que fose negativo, que non se terá en conta) con cláusula de revisión salarial. O futuro salarial non se asegura e limítase.

Incluirase unha táboa salarial para Primaria e 1º e 2º da ESO sen concerto. INTRASCENDENTE.

Por un Marco Galego de Negociación coa fin de poder avanzar en dereitos.

Desde a CIG-Ensino cualificamos de engano este novo convenio asinado, mantendo a nosa coherencia sindical no que defendemos sempre no sector, avalados polos traballadores/as galegos/as que representamos. Non acada os obxectivos marcados, nin por nós nin polas demais OO.SS., e só fai falla ver as súas propostas ou plataformas iniciais. É lamentable que as OO.SS maioritarias, de bolígrafo rápido e interesado, se pregasen unha vez máis ás patronais, pois de crearse e manterse a unidade sindical e buscar a presión social, poderíase ter avanzado moito máis, tal e como reivindica o sector en Galicia. De que serve o convenio que logo non se cumpre en temas derivados ás Comunidades Autónomas? De que valeron as 5.000 sinaturas e mobilizacións feitas na Galiza todas as OO.SS demandando a PEA, o AME, a recuperación dos recortes e do poder adquisitivo perdido nos últimos anos?

De novo as diferenzas de modelo sindical se evidenciaron e o pactismo, entreguismo, así como o ámbito de negociación estatal viciado e afastado dos traballadores/as, fixo que se asinase “nin medio convenio” á medida das patronais do sector, amarrando a longo prazo unhas condicións laborais e salariais que non están á altura da profesionalidade, esforzo e dos merecementos do persoal, que din representar.

Na CIG-Ensino seguiremos a demandar un Ámbito Galego de Relacións Laborais, co voso apoio na representación sindical, que garanta negociacións reais, que non hai no estatal, e nas que decidades os afectados/as e non as cúpulas sindicais como está a suceder na totalidade dos convenios estatais. Hai convenios galegos que nos dan a razón noutros sectores e incluso en empresas. Negociación na Galiza!!

Accede ao preacordo do que se modificou no VI convenio nesta ligazón.

Accede ao VII convenio asinado nesta ligazón.

CIG Informa sobre VII Convenio Estatal do Ensino Concertado

Documento


Volver