
A CIG-Ensino non asina o IX Convenio Estatal de Universidades Privadas, “negociado” en catro mesas en menos de dous meses
O marco estatal de negociación colectiva xa é un clásico de imposición patronal e entreguismo sindical estatal: adaptación legal do VIII Convenio e táboas salariais moderadas, que non dan resposta ás reivindicacións do persoal traballador do sector
O pasado 30 de xuño, despois de catro mesas “negociadoras” e en menos de dous meses dende a súa constitución o 8 de abril de 2025, asinouse o IX Convenio estatal de universidades privadas e táboas salariais só para 2025 polos mesmos asinantes do convenio anterior: as patronais ACADE, CECE e UNI-ONLINE e os sindicatos estatais UGT, USO, CCOO e FSIE.
O que xa está a ser unha constante no marco estatal de negociación colectiva tivo neste sector a versión rápida, para pechar en falso un novo convenio cunha simple adaptación legal do VIII Convenio en vigor e unhas táboas salariais á baixa na liña de subas moderadas que se están a asinar no resto de convenios estatais, que nin recuperan poder adquisitivo perdido, nin garanten o IPC real anual e manteñen a precariedade salarial no sector. Se en anteriores convenios as razóns eran primeiro a crise económica, logo a crise sanitaria, desta vez foi o próximo Decreto de Universidades que pretende sacar o goberno estatal e “que traerá cambios significativos...”
A CIG-Ensino non asinou este IX Convenio por coherencia sindical co sempre defendido nestas mesas estatais e intentou forzar negociacións reais que dignificasen o sector coa sinatura dun novo convenio con melloras laborais, sociais e salarios dignos e xustos; carecendo de éxito ao volver atopar unhas patronais impositivas, inmobilistas e involucionistas, e unhas OO.SS estatais maioritarias, xa asinantes do VIII Convenio, que se presentaron reivindicativas ao comezo, pero que remataron cedendo ante as propostas e intereses das patronais, esquecéndose e vendendo ao persoal traballador que din representar. Na realidade dos feitos, “non houbo negociación”.
Propostas concretas da sinatura do IX Convenio acatadas polos sindicatos estatais asinantes ao ditado das patronais:
1 - Ámbito temporal de 1 ano, para isto xa non se denunciaba o VIII Convenio este ano, ou ben asinábanse táboas para 2025 xustas e seguíase coa negociación real do IX Convenio. Coa suba salarial do 3,5% para 2025, nin se chega ao mísero 4% recomendado no V “AENC” (asinado polo goberno, patronal e CCOO/UGT) e sen cláusula de revisión salarial anual.
2 - Adaptación legal de todo o texto a novas normas e leis que entraron en vigor dende a publicación do VIII Convenio: novos permisos e licenzas, medidas de conciliación laboral e familiar, medidas de igualdade para as persoas LGTBI, protocolo de acoso nas empresas... Modificacións todas elas xa de obrigado cumprimento, consten ou non no convenio, polo que hai cero avances en dereitos.
3 - Tratar as reivindicacións sociais que non se negociaron en “comisións ou grupos de traballo”, creados polos asinantes do convenio e a negociar durante a súa vixencia. A experiencia xa nos di que isto é fume e quedarán para o seguinte convenio.
Proposta salarial defendida pola CIG-Ensino nas catro mesas e a do resto de OO.SS:
Ante a negativa final acordada por todas as organizacións da mesa negociadora, agás a CIG, a negociar o articulado do VIII Convenio en vigor e as reivindicacións da parte social en dereitos laborais e sociais, só se “negociou” a proposta salarial para 2025, sendo a proposta da CIG-Ensino a seguinte:
“Suba lineal do 5% do salario medio estatal segundo a Axencia Tributaria (uns 2.200€/mes), sobre as táboas en vigor de 2024, é dicir, 110 euros/mes en 14 pagas. A salarios por enriba do salario medio aplicarase o 5%. Recollerase cláusula de revisión salarial do IPC interanual de decembro á alza. Os salarios máis baixos adaptaranse mínimo ao SMI correspondente, non quedando ningún por debaixo del, evitando a absorción doutros complementos salariais (meter cláusula garantista)”.
A proposta das demais OO.SS: suba do 5% sobre as táboas salariais de 2024, pero ante a pechazón da patronal no 3,5%, acabaron cedendo por segunda vez ante estas, cando xa o fixeran pechando en falso o IX Convenio só coa adaptación legal esixida polas patronais e crear os estériles “grupos de traballo”.
Este 5%, de forzar a situación, xa entregado o resto do convenio, debería ser o mínimo a acadar. Así o manifestamos dende a CIG, pero nin iso lograron, o que nos vén definir o que xa é un clásico no marco estatal de negociación colectiva: “imposición patronal e sumisión sindical estatal” .