A CIG-Ensino non dá o seu apoio á OPE docente ao non se negociar conxuntamente coa de concurso de méritos e coas prazas de oposición extraordinaria

Procesos selectivos do 2022: unha situación extraordinaria require unha negociación seria e global

O sindicato maioritario no ensino público denunciou na reunión de negociación da OPE e do reparto de especialidades que se furte do debate neste momento unha imaxe xeral e conxunta de todos os procesos que se terán que convocar neste ano, ao non abrir simultaneamente a negociación dos criterios para as prazas que deberán saír co sistema excepcional de concurso de méritos así como as prazas que se debe ofertar para o concurso oposición extraordinario. Ambas OPE deben estar aprobadas en xuño de 2022 e convocadas antes de final de ano. Pretender negociar tanto cifras globais como reparto por especialidades sen coñecer como vai ser a oferta do concurso excepcional é facer trampas.  A CIG-Ensino demandou un compromiso formal da Consellaría para abrir con carácter inmediato esa negociación. A Consellaría respondeu á nosa demanda anunciando que se compromete a negociar os criterios que darán lugar a determinar as prazas do concurso excepcional e do concurso-oposición extraordinario a finais do mes de febreiro ou comezos de marzo e que, seguindo o calendario previsto (sempre e cando o Ministerio publique antes o Real Decreto -RD-) as OPE estarán publicadas en xuño e as convocatorias antes de final de ano.

Non compartimos esa demora en comezar as negociacións e consideramos que a Consellaría pode estar en disposición de negociar xa eses criterios para despois fixar as prazas. A Consellaría alega que, a pesar da cifra ofrecida polo conselleiro na rolda de prensa, aínda non teñen o traballo avanzado. 

Tendo en conta a imposibilidade de poder avaliar con rigor os efectos desta OPE sobre o actual profesorado interino sen contar con todos os datos, a CIG-Ensino non deu o seu apoio á OPE e propúxolle á Consellaría que non pechase no día de hoxe o reparto final de prazas por especialidades e que non puxese en perigo o lexítimo dereito a que as prazas que cumpran cos requisitos de longa interinidade que aparecen na Lei se oferten pola vía do concurso. A Consellaría dá por pechadas as cifras de prazas e especialidades.

Procesos selectivos do 2022: unha situación extraordinaria require unha negociación seria e global.

Non se pode afrontar a negociación das ofertas de emprego deste ano como se fose un ano ordinario. Estamos diante dunha situación excepcional tras a publicación da Lei 20/2021 que introduce por primeira e única vez un sistema de concurso de méritos para a redución da temporalidade e un concurso oposición extraordinario. Por iso, tanto as propostas da Consellaría como a resposta sindical deben estar condicionadas por esta realidade. Nós como CIG-Ensino así o facemos. Xa o fixemos na negociación co Ministerio da modificación do RD e facémolo agora novamente. 

A CIG-Ensino xa deixou claro que non estaba disposta a asumir ningunha negociación sobre a OPE para este ano, con independencia do modelo de exames, se non se negociaban conxuntamente todas e cada unha das prazas que deben ser obxecto de oferta no presente ano 2022, tamén as do concurso excepcional e do concurso oposición extraordinario.

Tendo en conta a situación actual, coa obriga das administracións públicas de aprobaren antes de xuño unha OPE para acceder aos corpos docentes pola vía excepcional, e por unha soa vez , do concurso de méritos e cun borrador de Real Decreto que complica innecesariamente a xestión dos procesos selectivos, as ofertas de emprego deste ano 2022 non se poden analizar como as dun ano corrente porque non o son. 

A maiores, as últimas informacións do propio Ministerio levan a data de publicación da reforma do RD ao mes de abril. É obvio que o goberno español non podía facer unha xestión peor da que está a facer con este tema: non só no fondo do tema senón tamén nas formas e prazos. Á inseguridade legal sobre a decisión de sumar prazas de reposición e de estabilización súmaselle un retraso que, de por si, podería imposibilitar a aplicación neste ano.

Só haberá prazas de taxa de reposición na oferta ordinaria

A oferta de emprego do 2022 que se presenta na Mesa de hoxe limítase estritamente ás prazas de reposición, sen engadir un 20% de aumento que lle permitía a lei estatal. O argumento que emprega a Xunta é que o fai precisamente condicionada pola necesidade de convocar concurso de méritos. É dicir, a Xunta admite expresamente que a OPE do 2022 se ve afectada pola OPE excepcional. Isto é un paso adiante, mais totalmente insuficiente: falta o máis importante, poñer todas as cartas enriba da mesa. Incrementar as prazas nese 20% sería reducir enormemente a OPE de concurso.

Na OPE do 2022 inclúense 125 prazas de especialidades de FP que non se poden convocar neste ano porque está sen publicar a Lei Orgánica de FP (LOFP) que creará o novo corpo que substituirá ao de PTFP. Estas 125 prazas serán 98 das especialidades que hoxe son de PTFP e pasarán a PES, e 27 daquelas que se integrarán no novo corpo de profesorado especialista de sectores singulares da FP. A maiores haberá 19 prazas de promoción interna.  Por tanto, esas prazas convocaranse nas oposicións de 2023. Lamentamos que non se tome a mesma cautela no caso dalgunhas outras especialidades, que á vista dos datos do actual persoal interino e sen saber outros datos como as xubilacións previstas por especialidades, ben puideran ter agardado ao 2023.  

De feito, a Consellaría podería ter negociado coas organizacións sindicais a conveniencia de facer a convocatoria das oposicións da OPE que hoxe pasa pola Mesa (2022) acumuladas coas do ano 2023. En vez diso, trae xa a convocatoria á Mesa, negando toda posibilidade de buscar un consenso sobre como organizar os procesos selectivos deste ano e os próximos. 

Denunciamos falta de información e transparencia da Consellaría sobre o persoal interino afectado en todas e cada unha das especialidades convocadas. Non chega con saber canto persoal interino está a traballar agora senón a previsión de xubilacións por especialidades para poder valorar os efectos das ofertas de emprego no colectivo.

QUE VAI PASAR COS PROCESOS SELECTIVOS EN GALIZA NOS ANOS 2022, 2023 E 2024?

Para entender o que está a pasar exactamente coa lea montada coas oposicións, tanto pola proposta do Ministerio como pola da Xunta así como a resposta que damos desde a CIG-Ensino consideramos que é necesario ter en conta 3 cuestións diferentes. 

1. O modelo da CIG-Ensino fronte a un Real Decreto imposto unilateralmente polo Ministerio

A CIG-Ensino considera que as limitacións e condicións da Lei 20/2021, que non está pensada para o ingreso na docencia, dificultan unha acaída e correcta aplicación dun sistema de dobre vía (que agora se demostra perfectamente legal como sempre defendeu a CIG-Ensino) e que a proposta de Real Decreto aínda empeora máis. 

CIG

A CIG-Ensino considera que os procesos selectivos que se deberían facer son dous:

  • Un sistema excepcional de ingreso no 2022 que computase o número total de persoal interino que traballou máis de tres anos (unindo por tanto o que na Lei se identifica con interinidades de longa duración (anterioridade ininterrompida desde antes de 2016) con aquel que leva desde antes de 2018. O total das prazas estruturais vacantes resultante iría cun único sistema de ingreso. A CIG-Ensino non era partidaria do concurso polos problemas derivados de sermos corpos estatais e pola posibilidade de que se poidan concorrer a cantas especialidades se queira, desvirtuando así o obxectivo de consolidar os postos de traballo de quen leva moitos anos de interino. A nosa proposta, dando total prioridade á fase de concurso e dentro desta á antigüidade no ensino público, sería a de ter que realizar algún tipo de proba (presentación dunha programación, por exemplo) que obrigase ás persoas aspirantes a optar por unha convocatoria e evitando o colapso que se pode crear co concurso.
  • Un sistema ordinario de ingreso. Neste caso, e como vén sendo habitual, tería un maior peso a oposición que o concurso, mais introducindo cambios importantes tanto s que melloren o sistema que e vai aplicar neste 2022, garantindo un verdadeiro concurso oposición e actualizando un modelo desfasado. O Ministerio negouse a cambiar este sistema ordinario e fomos o único sindicato que, na Mesa de Madrid, apuntou nesta dirección.

2. O sistema que presenta o proxecto de Real Decreto 

Fronte ás propostas da CIG-Ensino, o Ministerio impuxo o seguinte modelo (aínda en fase de proxecto e pendente de aprobar e publicar ): 

  • Concurso excepcional: seguindo as limitacións da Lei 20/2021 só se terán en conta as prazas de carácter estrutural ocupadas de forma temporal desde antes de xaneiro de 2016. A OPE debe aprobarse antes de xuño e a convocatoria antes de final de ano.
  • Concurso oposición con sistema extraordinario: tamén seguindo a Lei 20/2021 teranse en conta as prazas de carácter estrutural ocupadas de forma temporal desde antes de xaneiro de 2018. No caso de Galiza, e tras as convocatorias destes últimos anos nas que se incluíron prazas de “estabilización”, estas son un número moi reducido. Deste xeito, o Ministerio mestura nun único sistema de ingreso prazas de “estabilización” e de “reposición”, algo que en procesos anteriores non tiña problemas (2007, 2017) mais que nesta ocasión -polo carácter estrito da Lei 20/2021 á hora de definir as prazas que poden ir ao concurso oposición extraordinario- presenta serias dúbidas de carácter legal. A OPE destas prazas tamén debe aprobarse antes de finais de xuño e a convocatoria debe publicarse antes de finais de ano.

3. O que vai acontecer en Galiza.

  • Ano 2022. Concurso oposición ordinario. A Consellaría opta por convocar polo sistema ordinario con prazas de reposición, ao igual que xa fixeron case todas as CC.AA., entre elas todas as gobernadas polo PSOE (o que xa é sintomático da nula capacidade do Ministerio para negociar e chegar a acordos, non só cos sindicatos senón mesmo coas administracións que xestionan realmente o persoal docente). No momento no que toman a decisión, este sistema é o único legal, xa que non se modificou o RD. A CIG-Ensino nunca compartiu este modelo e propuxo alternativas de mellora que non foron atendidas polo Ministerio.
  • Ano 2022. Concurso de méritos excepcional. Debe estar aprobada a OPE antes de xuño e convocado antes de rematar o ano. A intención da Consellaría e publicar en setembro e resolver durante o curso escolar. Neste ano e nas mesmas datas debe publicarse a OPE e a convocatoria de concurso oposición extraordinario.
  • Anos 2023 e 2024. Concurso oposición con sistema extraordinario segundo o novo RD. As prazas xa publicadas no 2022 serán convocadas conxuntamente coas prazas de reposición xa que unha vez que se publique o RD no BOE será o único sistema que se permita para todas as convocatorias. 

Propostas da CIG-Ensino ao texto da convocatoria das oposicións

Tribunais

  • Reducir o número de aspirantes por tribunal.
  • Elección das presidencias por sorteo
  • Se hai que nomear membros dos tribunais doutras especialidades deben figurar expresamente na convocatoria cales son as que son susceptíbeis de entrar no sorteo.
  • Criterios de avaliación. Base 7.10. (funcións dos tribunais). Deben ser claros, públicos e idénticos para todos o tribunais da mesma especialidade. A obriga de dar publicidade e as condicións destes criterios deben vir fixadas na convocatoria para que non quede da man de cada tribunal. Deben coñecerse con moita antelación á realización das probas.
  • Reclamacións. Base 7.10. Puntuación provisional da fase de concurso e prazo de reclamacións. Base 11.3.2. No caso de reclamacións, debe existir sempre resposta. Hai que garantir a máxima transparencia e garantías nunhas oposicións. Todo pasa evidentemente por unha redución considerábel da ratio de opositoras e da redución da carga burocrática. 
  • Autorización de suplencia dos tribunais. Base 7.6.4. Conciliación. Ampliar as suplencias para un dos proxenitores que teñan un fillo ou filla menor de tres anos así como quen teña familiares dependentes de primeiro grao ao seu cargo ou familiar incapacitado xudicialmente para o que teña sido nomeado titor legal. Equipos directivos. Propomos que se poida autorizar a suplencia a algún membro dun equipo directivo se 2 ou máis membros deste teñen que formar parte de tribunais. Hai que garantir que cando menos  2 membros de cada equipo directivo estean no centro.

Cuestións xerais do proceso selectivo

  • Solicitamos que se publiquen unhas aclaracións similares ás que a Consellaría publicou en febreiro de 2021 para as pasadas oposicións no que se informe sobre como se deberán adaptar as programacións á normativa vixente (avaliación, promoción etc). A Consellaría aclara que os currículos de Primaria, ESO e Bacharelato serán os actualmente en vigor, con independencia de que se aproben nos próximos meses os novos currículos.
  • Anonimato na primeira parte da oposición en todas as especialidades e probas que sexa posíbel. O sistema de sobres con etiquetado, como xa foi usado en convocatorias anteriores, garante ese anonimato. Non o aceptan.
  • Baremación de méritos. Debe ser feita por unha comisión técnica, liberando desa carga burocrática ao tribunal. A documentación dos méritos debe facerse inicialmente e para todos as aspirantes. Non se debe facer pública até que remate a fase de oposición. Non o aceptan.
  • Eximir da obriga de presentar documentación que xa obre en poder da Consellaría a todas aquelas persoas que xa foron baremadas en procesos selectivos anteriores. A Consellaría quedou de facer unha adaptación da aplicación informática e non o fixo. Non haberá cambios.
  • Segunda proba (programación e UD). A utilización de material auxiliar ten que ser o máis concreta posíbel para evitar agravios comparativos. A redacción é ambigua: poderase utilizar material “sempre que o autorice o tribunal”. Esa autorización debe preceder o inicio das probas e publicarse na web con suficiente antelación. Non se pronuncian.
  • Mesmas probas na mesma especialidade. Aínda que é certo que non existe discriminación ao ter todos os aspirantes dun mesmo tribunal, consideramos que o ideal é un mesmo exame en todos os casos. É competencia dos tribunais.
  • Probas prácticas adaptadas á realidade docente. As probas prácticas deben ser o máis concretas posíbeis e axustadas á realidade do que se imparte nas aulas. As oposicións deben centrarse en valorar futuros docentes e, por tanto, facer fronte a casos prácticos cos que se van atopar no día a día. Hai que ter un especial coidado con non incluír na parte práctica contidos que figuran nos temarios mais están totalmente desfasados así como incorporar contidos que non están nos temarios. É competencia dos tribunais.
  • Notas de cada unha das partes das probas. Base 12 e 13. As notas de cada unha das partes das probas deben ser públicas no propio día da corrección ou defensa da proba. Non o aceptan.
  • Citación das aspirantes. Base 10.3.3. Ampliar a un mínimo de 48 horas. Non se pronuncian.
  • Competencia en lingua galega. Solicitamos a realización dunha proba en galego, co obxectivo de demostrar a aptitude e a competencia para impartir docencia na nosa lingua. Non o aceptan.

Baremo

  • Puntuación de máis dunha titulación. Mentres que para algunhas titulacións aparece claramente indicado que se puntuará “cada unha” (idiomas, diplomaturas, réxime especial) noutros casos ou non se especifica (doutoramento, premio extraordinario) ou se indica que só se puntuará unha (máster). Incluso no caso dos segundos ciclos non aparece nada claro (pode interpretarse que é así no cadro das observacións: “así como de cantos presente como mérito”). Solicitamos que se puntúen todas as titulacións. Sabemos que é normativa básica mais cremos que pode caber unha interpretación favorábel, sempre que non se supere o tope da puntuación do apartado 2.2. Solicitamos que se revise xuridicamente. 
  • Mestrado de secundaria. Entendemos que logo dunha sentenza do Tribunal Supremos, debe puntuarse naqueles casos nos que non é requisito para presentarse ás oposicións. A Consellaría acepta a proposta e será puntuábel cando non sexa requisito.
  • Puntuación EOI-PES. Seguimos  a propor que se puntúe como servizos prestados no corpo do que sexa a listaxe de pertenza. Así, o profesorado de inglés, francés ou galego (PES) que impartiu docencia en EOI debe ter puntuación como PES se se presenta a este corpo, xa que pertence a esa lista e mesmo nas substitucións tivo obriga de coller esas vacantes. Non o aceptan.
  • Anexo IV. Cambio de A2-A1. Non estamos de acordo coa puntuación do traballo como xefe de servizo ou cargo similar na administración  (1.2.d) nin coa puntuación na inspección (1.2.a). A puntuación da dirección non debe ser superior á valoración do resto das funcións docentes (titoría, departamento). Non o aceptan.

Situación derivada da pandemia

Elimínanse todas as medidas extraordinarias aprobadas para as pasadas oposicións pola situación da pandemia. A CIG-Ensino considera que a Consellaría non debe descartar ter que adoptar algunha desas medidas e solicita o compromiso de convocar Mesa cando nos acheguemos ao comezo do proceso por se houbese que introducir cambios como os do ano 2021. Así:

  • Volve ser obrigatoria a participación no procedemento selectivo para permanecer en listas de interinidade.
  • Volve haber acto de presentación, co cal as prazas se repartirán por tribunal tendo en conta o número de persoas que se presenten a este acto.
  • Non se prevé máis que unha única data para a realización da primeira parte da primeira proba en vez de 5 como no ano 2021 (en vez de varias como no 2021)
  • Non se fixa ningunha excepción para o persoal que non puidera realizar a primeira proba nas datas marcadas polo tribunal debido a maternidade ou por estaren cumprindo unha medida de illamento ou corentena por ser persoa infectada por COVID-19 ou contacto estreito. 

En relación a este tema, a CIG-Ensino considera que: 

  • Debe reducirse ao máximo posíbel a ratio de aspirantes por tribunal na liña das oposicións anteriores.
  • A corentena por contaxio é obrigatoria (mesmo en casos que sexan asintomáticos ou que non incapaciten á persoa aspirante para poder facer un exame). Por tanto, se se dese esta situación debe recollerse o dereito a facer a proba noutra data. Reclamamos que tamén se inclúa a maternidade.

A Consellaría aceptou a nosa proposta de convocar a Mesa Sectorial, se fose preciso, con suficiente antelación para valorar a necesidade ou non de medidas excepcionais.

Datos proporcionados pola Consellaría de Educación. 

Xustificación da taxa de reposición (todos os datos do ano 2021):

  • Xubilacións: 919
  • Falecementos: 16
  • Excedencias con perda de posto de traballo: 24
  • Profesorado que sae de Galiza por concurso de traslados: 44
  • Profesorado que entrou en Galiza por concurso de traslados: 68 (a restar)
  • Profesorado reingresado de excedencia: 8 (a restar)
  • TOTAL: 927 (taxa de reposición do ano 2021 para a OPE de 2022)

Datos de profesorado interino: 

3.847 docentes interinos a data de 30/09/2021. Desta cifra, a efectos de fixar o índice de interinidade sobre o total do profesorado galego hai que destacar: 

  • A Consellaría non computa aos efectos da taxa de interinidade os seguinte casos:
      • 94 prazas a media xornada
      • 225 prazas de reforzo “covid”
      • 20 prazas de docentes destinados en centros da Consellaría de Medio Rural
      • 27 prazas de docentes destinados en centros do Ministerio de Defensa 
      • 10 prazas de docentes destinados en CIFP da Consellaría de Emprego
      • 7 docentes especialistas (este dato é provisional e podería ser superior)
      • 42 docentes en “prácticas e actividades” nos Centros Residenciais Docentes (CREDO)
  • Isto dá un total de 3.412 docentes interinos en prazas estruturais (vacantes) e non estruturais (con funcionariado con destino definitivo que non ten presenza no centro). Isto é un 11,37% de taxa de interinidade en prazas estruturais e non estruturais.
  • Hai uns 900 funcionarios e funcionarias de carreira con reserva de posto de traballo.
  • Polo tanto, en prazas estruturais vacantes hai 2.512 docentes interinos. Isto é un 8,37% de interinidade. A Lei 20/2021 fixa que a interinidade en prazas estruturais vacantes debe estar por debaixo do 8%. A previsión da Consellaría, unha vez rematados todos os procesos deste ano é baixar do 7% no total das prazas e do 5% das prazas estruturais vacantes.
Sistema de oposicións 2022

Ligazón á toda a información da mesa sectorial

A CIG-Ensino no dá o seu apoio á OPE docente ao non se negociar conxuntamente coa de concurso de méritos e coas prazas de oposición extraordinaria.

Documento


Volver