A CIG-Ensino mobilízase contra a decisión de Educación de non convocar oferta pública de Emprego

Posición da CIG Ensino na reforma do sistema educativo

A conxelación da oferta de emprego terá graves consecuencias para o ensino público. Entre outras, o secretario nacional de CIG-Ensino sinala a redución do profesorado nos centros e a supresión de unidades; a imposibilidade de reducir rateos e a consecuente masificación das aulas; o incremento da impartición de afíns e as itinerancias; o incremento de profesorado interino en condicións máis precarias e centros con cadros de persoal inestábeis e insuficientes para aplicar a redución horaria aos maiores de 55 anos.

A consellaría de Educación anunciaba, na mesa sectorial celebrada onte, que non vai a haber oferta de emprego público para o ensino, no ano 2012. Ante esta decisión, a CIG-Ensino convocaba, esta mañá, unha concentración en San Caetano. Segundo o seu secretario nacional, Anxo Louzao, esta medida responde á decisión do PP, a nivel de estado, de recortar o ensino público e, en consecuencia, diminuír o profesorado.  Louzao denunciou ademais a “desleixo absoluto da consellaría, das súas competencias plenas nesta materia” e alertou do que suporá canto á perda de calidade do ensino público. 

A conxelación da oferta de emprego terá graves consecuencias para o ensino público. Entre outras, o secretario nacional de CIG-Ensino sinala a redución do profesorado nos centros e a supresión de unidades; a imposibilidade de reducir rateos e a consecuente masificación das aulas; o incremento da impartición de afíns e as itinerancias; o incremento de profesorado interino en condicións máis precarias e centros con cadros de persoal inestábeis e insuficientes para aplicar a redución horaria aos maiores de 55 anos. 

Por iso, valora esta decisión como “moi grave” e lembra que no curso no que estamos, foron máis de 1.000 profesores/as os/as que se suprimiron, aos que lle hai que engadir os máis de 500 do curso anterior. “Estamos a falar de máis de 1.500 profesores menos que hai nos centros de ensino público”. Xunto a isto, salienta que o curso pasado houbo 1.400 xubilacións e que para este curso prevense entre 400 e 500. “É polo tanto unha medida que supón unha destrución de emprego importantísima”, afirma.

Alén diso, sinala que xa non houbo oferta pública de emprego en 2009 e que a de 2011 foi só para primaria e “raquítica”. Por iso, asegura que “se esta consellaría tivera un mínimo de estima ao sistema educativo público galego, para mellorar a calidade e para satisfacer as demandas do profesorado, estariamos ante outra actitude, convocando oferta de emprego público”. 

A CIG-Ensino discrepa tamén coa xustificación de Educación, segundo a que non se fará a convocatoria porque para tan poucas prazas é demasiado custosa.  “É unha argumentación economicista e non atende ás necesidades do sistema público”.

Louzao denuncia que estes mesmos criterios non se teñen en conta para o ensino privado e concertado. “Nun momento de crise como na que estamos, o que se debería estar facendo é reforzando o sistema público porque é a mellor maneira de atacar as desigualdades sociais e que a crise económica non a sufran as clases populares, as clases máis humildes, máis desfavorecidas, porque o sistema público é o único que garante igualdade de condicións”. 

Reforma do sistema educativo

Ás preguntas dos xornalistas respecto das reformas que o PP pretende introducir no sistema educativo, o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que se trata de medidas “reaccionarias, clasistas e segregacionistas”.

Respecto do anuncio de ampliar un ano máis o bacharelato sinalou que “se agocha que se vai acurtar a escolarización dunha parte importante do alumnado do estado español”. 

Segundo Louzao, aos 15 anos o alumnado vai ter que optar entre formación profesional e bacharelato. “Haberá algún que continúe na ESO porque non rematou, pero tamén é verdade que agora hai unha parte importante do alumnado que non segue o ritmo normal de aprendizaxe, que chega até os 16 anos e continúa até os 18 e iso vaise rematar con esta proposta. O debate é que se está retraendo do ensino obrigatorio realmente a unha parte importante”. 

Sobre a intención de facer unha avaliación externa centro a centro, explicou que o obxectivo é estabelecer “un ránking de centros segundo o rendemento escolar do alumnado”. E advertiu que non se terá en conta onde está situado o centro, as condicións socioeconómicas do alumnado escolarizado, se hai ou non alumnado de minorías étnicas, inmigrante ou máis ou menos alumnos con necesidades educativas especiais. “Iso non se vai considerar”, dixo, afirmando que “sería totalmente inxusto que se fixese unha clasificación dos centros en base a iso, porque habería centros de primeira e de segunda e como consecuencia diso terán ou non acceso a recursos especiais”. 

Respecto da materia de Educación para a Cidadanía sinalou que o debate debería ser se os contidos que recolle esa materia teñen que ser ou non transversais e, polo tanto, trasladar eses contidos a distintas materias do currículo escolar. “O que pretende o PP é cambiar esa materia por outra que nos lembra, aos que a tivemos, aquela de Formación do Espírito Nacional. Vai ser unha materia cun contido centralista, reaccionario e contrario aos valores que deben caracterizar a unha sociedade democrática”. 

Para Louzao, a pretensión do PP é trasladar á sociedade uns determinados valores e unha determinada ideoloxía. Neste sentido e respecto dos que cuestionan que se imparta educación sexual nun centro a rapaces de 12 anos afirmou que “as familias teñen os seus dereitos e as súas obrigas pero a educación non lle corresponde unicamente aos pais e as nais, correspóndenos a todos como cidadáns porque o futuro da sociedade vai depender de todos nós. O sistema educativo ten que ser igual para todos, baixo uns principios democráticos, de dereitos humanos e non ideolóxicos reaccionarios”. 

Volver