A CIG-Ensino mantivo unha reunión coa secretaria xeral de FP do Ministerio para abordar a situación do profesorado técnico de FP

O sindicato trasladoulle a Clara Sanz que as rectificacións do MEFP son insuficientes e demandou melloras no camiño de non deixar ninguén atrás na integración.

No día de onte, 31 de maio, a CIG-Ensino mantivo unha reunión con Clara Sanz, secretaria xeral de FP do Ministerio de Educación. O sindicato trasladoulle de novo, como xa fixera na reunión de finais de xaneiro, as críticas do sindicato ao proceso xa que consideramos que o que se fixo na LOMLOE ao respecto dos cambios nos corpos docentes que imparten na FP foi un despropósito e un exemplo de como non se debe actuar.

Desde a CIG-Ensino entendemos que é absolutamente xusto que todo o PTFP teña exactamente as mesmas condicións retributivas e o mesmo recoñecemento e dereito á carreira profesional que o PES xa que realizan o mesmo traballo e sempre defendemos que a igual traballo e responsabilidade corresponden o mesmo salario e dereitos. Se ademais temos en conta que os procesos de ingreso foron idénticos non é xusto que se antepoña o criterio da titulación.

A nosa proposta, como xa é sabido, pasa pola integración do todo o profesorado técnico no corpo de PES, evitando calquera discriminación e exclusión e regulando con carácter extraordinario a equivalencia a efectos de docencia das mesmas titulacións distintas ás exixidas con carácter xeral para a integración e futuro ingreso no corpo de PES nas especialidades propias da FP.

Por outro lado, non é de recibo que a lea montada polo propio goberno levase a que ningún docente puidese integrarse no corpo de PES malia a porta entornada desde o mesmo día de entrada en vigor da LOMLOE. O Ministerio provoca non só o malestar daquel profesorado a quen exclúe e discrimina senón tamén de quen ten os requisitos que a propia Lei lle fixa e que o Ministerio non desenvolve. Ese proceso áxil non apareceu por ningures e a CIG-Ensino demanda prazos para a desenvolvemento da integración.

Na reunión, a Secretaría Xeral deu traslado da decisión xa avanzada pola ministra Celáa de crear un “novo” corpo de FP para as 10 especialidades do anexo VI do actual RD 276/2007 e achegou outras novidades en resposta ás cuestións que desde a CIG-Ensino lle formulamos. En síntese, esta a información máis salientábel:

  • A integración no grupo A1 (corpo de PES) estenderase a todas as titulacións universitarias e non só á de Grao como prevían inicialmente. Poderán ingresar no corpo de PES quen teñan diplomatura, enxeñaría técnica e arquitectura técnica.
  • O profesorado funcionario de carreira que non teña titulación universitaria quedaría a extinguir.Diante da nosa insistencia e tendo en conta que está pendente que todo pase pola Mesa Docente, non se pechan a introducir un período máis amplo para poder acceder a PES, de acadaren a titulación de Grao ou equivalente, evitando o carácter restritivo da entrada en vigor da LOMLOE, máis non hai ningún compromiso en firme mentres non se abra a negociación.
  • O procedemento para ingresar no corpo de PES será mediante unha modificación do RD 276/2007 para así poder tramitalo con máis rapidez. Non deu prazos mais afirmouse que a proposta está moi avanzada e que non tardarán en convocar Mesa Docente. A decisión de convocar o proceso de integración e os prazos así como se será con carácter xeral (todo o PTPF afectado dunha soa vez ou en varias convocatorias) sería competencia exclusiva da CC.AA.
  • A creación do novo corpo de Profesorado Especialista (grupo A2) vai limitarse ás dez especialidades do actual Anexo VI e non aceptan a nosa demanda de que se abra esa mesma posibilidade a aquel profesorado interino das outras 19 especialidades que aínda poden presentarse ás oposicións. Sobre a continuidade en listas deste profesorado díxose que ese tema só lle compete ás CC.AA.
  • O profesorado das 10 especialidades do Anexo VI con titulación universitaria poderá integrarse como no resto de especialidade no corpo de PES. Esta integración sería “nominal”, é dicir, que a situación ordinaria nestas especialidades será exclusivamente formar parte do novo corpo de Profesorado Especialista e só se integrarían agora no corpo de PES “nominativa” ou “persoalmente” quen teña Grao ou equivalente. O profesorado funcionario de carreira que non ten Grao ou equivalente nestas 10 especialidades podería optar por permanecer a extinguir (PTFP) ou integrarse no novo corpo de Especialistas. A efectos prácticos as condicións serían as mesmas.
  • O profesorado interino destas 10 especialidades pasaría automaticamente ás listas do novo corpo de Profesorado Especialista e podería presentarse ás oposicións nas mesmas condicións que agora (incluída a titulación de FP).
  • Todo isto implica que nas 10 especialidades van convivir durante tempo tres corpos, aínda que na práctica se comportarán como dous:
    • quen teña Grao ou outra titulación universitaria será PES
    • quen non teña titulación universitaria quedará como PTFP a extinguir -aínda que poderá optar tamén por integrarse no novo corpo de Especialistas-.
    • todo o profesorado que ingrese no futuro (por oposición ou a listas de interinidade) será ao novo corpo.

Sobre a nova proposta do Ministerio coa creación dun novo corpo

Para a CIG-Ensino é obvio que os cambios que agora se nos trasladan son resultado da firmeza nas posicións e denuncia que, entre outros, mantivemos desde o sindicato. Unha firmeza que tan só vimos nalgunha outra organización mais non na maioría. Tamén é froito, evidentemente, da contestación social que tiveron as medidas contidas na LOMLOE e o descontento entre unha parte importante do profesorado técnico. Con todo, as medidas que se anuncian agora son insuficientes para solucionar o problema e debemos seguir a forzar os cambios necesarios.

Para alén da nosa proposta de integración xeral e sen exclusións, a CIG-Ensino trasladoulle á secretaria xeral as seguintes consideracións sobre a rectificación parcial que nos presentaron, consistente en crear un novo corpo  de “Profesorado especialista en sectores singulares da Formación Profesional” para as 10 especialidades do Anexo VI (Cociña e pastelaría, Estética, Fabricación e instalación de carpintería e moble, Mantemento de vehículos, Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección, Peiteado, Produción de artes gráficas, Servizos de restauración e Soldadura):

  • A medida é un apaño ao problema creado pola LOMLOE e non vai no sentido do recoñecemento do mesmo traballo e funcións do PTFP. É certo que soluciona parcialmente un problema enorme creado polo Ministerio ao permitir que poidan seguir presentándose ás oposición quen teñen titulación de FP.
  • A creación dun corpo novo limitado a esas 10 especialidades vai deixar fóra a aquel profesorado interino con titulación de FP que aínda pode presentarse ás oposicións nas outras 19 especialidades de FP.
  • A medida implicará a convivencia de tres corpos diferentes: o de PES, o de PTFP a extinguir e o novo corpo de profesorado especialista, o que pode supor problemas na mobilidade (concurso de traslados), carga lectiva dos diferentes módulos (destinos provisionais, horarios) ou xestión das listas de interinidade e substitucións, alén de dividir e xerar problemas de convivencia nos departamentos entre as tres novas categorías que se crean a partir do extinto corpo de PTFP.
  • Felicitámonos pola decisión que se nos anuncia de que a integración non se vai limitar a ter titulación de Grao e se aceptarán diplomaturas etc tal e como demandou a CIG-Ensino. Con todo, a integración no corpo de PES, se finalmente vai quedar vinculada polo MEFP a unha cuestión de titulación universitaria e non de recoñecemento do traballo realizado, non pode estar limitada por ningunha data e menos aínda a da entrada en vigor da LOMLOE. Debe quedar aberta indefinidamente para quen obteña a titulación exixida.
  • De aceptaren esta vía de integración indefinida como mal menor, a CIG-Ensino defenderá que se modifique o RD 276/2007 no que se refire á modalidade de cambio de corpo entre quen poida quedar como PTFP a extinguir e quen poida acceder ao novo corpo de Profesorado Especialista. É dicir, para a CIG-Ensino o acceso ao corpo de PES de calquera docente que imparta FP, agora ou no futuro, quedaría unicamente condicionado pola adquisición da titulación exixida, sen ningún tipo de proba e nas mesmas condicións de quen xa cumpre agora os requisitos.

A CIG-Ensino reitera a necesidade de que o Ministerio non se quede nos cambios anunciados e busque alternativas, na liña das indicadas polo sindicato, para evitar discriminacións entre profesorado que realiza as mesmas funcións. O sindicato volve tamén a poñer enriba da mesa a necesidade de que a Consellaría de Educación se implique nesta negociación no marco das relacións co Ministerio e desde xa anuncia que trasladará á Xunta a demanda de que no proceso de integración, unha vez que se poida desenvolver, se busquen solucións para a equiparación salarial e de dereitos de todo o actual profesorado técnico de FP e que a convocatoria de integración sexa única para todo o profesorado e non “en cómodos prazos anuais”, prolongando no tempo o acceso ao novo corpo.

CIG Informa sobre a reunión con Clara Sanz após a proposta do Ministerio de crear un novo corpo de Profesorado Especialista de FP

Documento


Volver