A CIG-Ensino mantivo unha reunión co Ministerio de Educación e FP

O secretario nacional do sindicato deu traslado das cuestións máis urxentes para o profesorado no ámbito competencial do MEFP

Na mañá de hoxe, 6 de maio, tivo lugar unha reunión entre o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, o subsecretario de Educación e FP, Liborio López García, e o secretario xeral técnico, Santiago Roura. A reunión foi solicitada polos responsábeis ministeriais e nela o sindicato maioritario na Galiza tivo ocasión de expoñer as cuestións que consideramos de máxima urxencia, dentro do ámbito competencial do Goberno estatal, así como a comentar cuestións que entendemos que, con máis marxe de tempo, deberían ser contempladas e negociadas polo Ministerio dentro desta lexislatura.

A urxencia e a obriga de cumprir cos compromisos: integración do profesorado de FP e regulamentación das titulacións para ingresar nas especialidades de FP

Non tivemos novas do Ministerio desde a Mesa do 5 de abril. Un mes despois da Mesa na que expuxemos, novamente, as nosas demandas para o profesorado do corpo de PTFP. Na reunión insistimos na urxencia que se convoque Mesa canto antes e se negocien as seguintes propostas normativas:

  • Regulamento para a integración no corpo de PES. Indicación de prazos e axilidade do proceso, con garantía dos efectos retributivos e administrativos desde xaneiro de 2021.
  • Negociación de aspectos que permitan a futura integración do profesorado que, por titulación, non poida ingresar nin agora nin até xaneiro de 2026.
  • Modificación dos reais decretos de ingreso e acceso e de especialidades docentes para permitir que se poidan convocar os procesos derivados da Lei 20/2021 nos prazos previstos. En Galiza a CIG-Ensino solicitou que a convocatoria fose en setembro e a Consellaría mostrouse partidaria de facelo mais non se van poder convocar as especialidades de FP afectadas polo cambio de corpo até a publicación dos cambios pendentes do Ministerio.

Os responsábeis do Ministerio, sen poder dar aínda unha data exacta, contan con que  poderán remitir aos sindicatos os textos normativos que afectan ao profesorado de FP (integración e regulación de titulacións para os procesos excepcionais) neste mes de maio. Tendo en conta os demais trámites legais que deben pasar os reais decretos, consideran que poderían estar publicados no mes de setembro. En todo caso, non comprometeron ningunha data de publicación e só avanzaron o que consideraban como máis probábel.

Que hai da negociación da carreira profesional no marco dun Estatuto docente?

A CIG-Ensino deixoulle claro ao Ministerio que está nas súas mans non deixar pasar esta lexislatura como unha máis nas que un Goberno incumpre o seu compromiso de dar pasos adiante no recoñecemento profesional do profesorado e en axilizar a negociación para poder tela aprobada antes do remate da lexislatura, previsto para finais de 2023.

Neste momento,  o único que temos do Ministerio é un documento que se limita a unha serie de ideas sen compromiso nin concreción ningunha; as denominadas “24 propostas” trasladadas ao sindicato o pasado 27 de xaneiro, sen que desde aquela se dese ningún movemento. Xa nos días seguintes a aquela reunión, a CIG-Ensino deu traslado das súas consideracións e demandas sobre o documento ministerial mais non houbo ningunha resposta.

Na opinión do sindicato, se o Ministerio non responde de inmediato á apertura de negociacións sobre determinados temas demandados polo profesorado, estará mandando un sinal inequívoco: a lexislatura está rematada e nada se vai facer para mellorar as condicións de traballo e a carreira profesional docente.

Desde o Ministerio non se avanzou en ningún tipo de concreción ao respecto das nosas demandas, limitándose a comentar que unha das prioridades vai ser a modificación completa do real decreto 276/2007 de ingreso e acceso na función pública docente.

No camiño cara o corpo único: integración de todo o profesorado no grupo A1.

No marco desas negociacións a CIG-Ensino fixo fincapé na demanda histórica do corpo único docente para todo o profesorado, ou ben da negociación da integración de todos os corpos no grupo A1, e que está levando a unha intensa campaña sindical entre o profesorado galego que vén de pór en marcha o sindicato. No marco das melloras profesionais, a CIG-Ensino apuntou a ter en conta, igualmente, unha mellora nos niveis dentro dos actuais corpos, co recoñecemento do nivel 26 para todo o profesorado con nivel 24.

Desde o sindicato temos claro, e así se lle trasladou aos altos cargos do Ministerio, que o esforzo orzamentario das nosas propostas é perfectamente asumíbel polas cifras de profesorado nas que nos movemos no conxunto do estado. Estariamos, por tanto, nun escenario no que a decisión de integrar a todo o profesorado no grupo A1 e en promover melloras nos niveis sería máis política que económica.

 

Profesorado interino: non tocar o ámbito galego de negociación.

Outro dos temas apuntados como de máxima relevancia pola CIG-Ensino foi o da situación creada tras o acordo sindical de CCOO, UGT e CSIF co Goberno e que se incorporou na Lei 20/2021, en referencia ao tempo máximo de contratación do persoal interino:

Todo acto, pacto, acuerdo o disposición reglamentaria, así como las medidas que se adopten en su cumplimiento o desarrollo, cuyo contenido directa o indirectamente suponga el incumplimiento por parte de la Administración de los plazos máximos de permanencia como personal temporal será nulo de pleno derecho”.

A CIG-Ensino expuxo a súa posición contraria a poder interpretar que o profesorado interino poida verse afectado por esta limitación, defendeu a plena competencia para negociar a conformación das listas de interinidades no ámbito autonómico e a posibilidade de chegar a acordos que impliquen a estabilidade nesas listas do profesorado interino e substituto, tanto nas condicións actuais como na mellora para quen poida non superar os procesos extraordinarios e teña unha avanzada idade e longa experiencia profesional. A este respecto o sindicato demandou do Ministerio que aclare a súa posición ao respecto.

A CIG-Ensino mantivo unha reunión co Ministerio de Educación e FP

Documento


Volver