A CIG-Ensino mantén a convocatoria de folga do 3 maio

Folga contra o calendario escolar

A CIG-Ensino considera insuficiente a proposta presentada pola Consellaría e aceptada polos demais sindicatos e denuncia o comportamento antidemocrático da Consellaría coa intencionalidade de marxinar a CIG.

A CIG-ENSINO MANTÉN A CONVOCATORIA DE FOLGA DO 3 DE MAIO EN CONTRA DO CALENDARIO ESCOLAR

 

CONVOCADAS ASEMBLEAS INFORMATIVAS ABERTAS A TODO O PROFESORADO. 

Consulta as asembleas aquí 

 

Hoxe, sábado 28 de abril, o Secretario Xeral da Consellaría convocou á CIG-Ensino a unha reunión para dar a coñecer unha nova proposta sobre a xornada escolar dos meses de xuño e setembro co obxectivo de chegar a un acordo que permitira desconvocar a folga do 3 de maio.

A reunión foi consecuencia das múltiples mobilizacións convocadas pola CIG-Ensino, especialmente das concentracións celebradas o pasado mércores 18 de abril, dos numerosos pronunciamentos dos claustros e das miles de sinaturas do profesorado, así como da folga convocada para o próximo día xoves 3 de maio.

 

A CIG-Ensino valorou como insuficiente a  proposta da Consellaría que se concreta na posibilidade de que os centros soliciten a xornada continuada, non reducida, nos meses de xuño e setembro, sempre que se aprobe por maioría simple do Consello Escolar. A Consellaría non se compromete a xeneralizar esta xornada a todos os centros, senón a estudar caso por caso en función do transporte escolar, nos centros que dispoñan do mesmo. A Consellaría non asume manter a actual xornada reducida durante os meses de xuño e setembro. Por outro lado, a Consellaría confirma a súa intención, xa coñecida con anterioridade, de negociar na Mesa Sectorial a redución da xornada de traballo do profesorado do corpo de mestres e a mellora dos catálogos de postos de traballo.

 

A CIG-Ensino esixiulle á Consellaría que se traslade a negociación á Mesa Sectorial, presentando unha nova proposta que recolla o sentir do profesorado, única maneira de poder chegar a un acordo que permita desconvocar a folga.

As propostas que a CIG-Ensino fixo sobre o texto aportado pola Consellaría para desconvocar a folga foron as seguintes:

·         O texto que se nos presenta só pode ser un preacordo que se terá que negociar na Mesa Sectorial e someteremos á opinión do profesorado.

·         A Consellaría de Educación arbitrará as medidas necesarias para que todos os centros docentes (EEI, CEP, CEIP, CRA, CEE, CPI) teñan xornada lectiva continuada en horario de mañá durante os días lectivos de xuño e setembro.

·         Así mesmo, os centros poderán ter a redución de xornada lectiva dunha hora durante estes meses a proposta do centro, unha vez oídos o Claustro e o Consello Escolar.

·         Os centros que non puidesen ter redución de xornada, terán xornada continuada reducida de 4 horas en xornada de mañá durante todos os venres do curso.

·         A Consellaría incluirá dentro do texto o compromiso de negociar uns novos criterios para que os centros docentes se poidan acoller á xornada única.

 

A Consellaría, que non aceptou inicialmente as nosas propostas, adquiriu o compromiso coa CIG-Ensino de revisalas e darnos unha resposta antes do luns a primeira hora da mañá.

Con posterioridade, e sorprendentemente, temos noticia a través dos medios de comunicación e da páxina web da Xunta de que a Conselleira viña de asinar un preacordo coas demais organizacións sindicais a cambio de desconvocar a folga do día 3.

 

É a primeira vez na historia que asistimos a un comportamento tan sectario e partidista da Consellaría de Educación. Nin tan sequera o Partido Popular chegou a un comportamento semellante. A Consellaría pactou con posterioridade á nosa reunión un texto coas demais OO.SS., (ás que xa recibira previamente) introducindo algunhas propostas da CIG-Ensino, salientando especialmente o compromiso de negociar a modificación dos criterios para acadar a xornada única. Nin sequera se nos deu a coñecer o texto acordado nin se nos convocou de novo para coñecer a nosa opinión sobre o novo texto.

 

A CIG-Ensino representa ao 40% do profesorado. Que unha Conselleira queira dar exemplo de talante e consenso, e que intencionadamente marxine ao sindicato maioritario é, como mínimo, antidemocrático e, moito máis, facéndoo á marxe do Mesa Sectorial, que é o marco legalmente estabelecido para a negociación. Pero se o comportamento da Consellaría é inaceptábel, que podemos dicir das OO.SS. que estiveron desaparecidas en todo este conflito, que convocaron unha folga fantasma e que agora a desconvocan. Chama especialmente a atención o oportunismo e a dobre moral do STEG que, convocando folga connosco, asina un preacordo de costas a nós, rachando coa liña sindical dos STEs a nivel estatal.

Como CIG-Ensino continuaremos convocando á folga para o día 3 e temos que conseguir que sexa un éxito pois, de ser así, estaremos en condicións de mellorar o preacordo dos demais sindicatos coa Consellaría, xa que non debemos esquecer que o obxectivo de tal preacordo é desmobilizar, desconvocando a folga.

 

Ligazóns de interese:

 

 

Volver