A CIG-ENSINO levou a defensa do noso idioma e a realidade do pobo kurdo ao Foro Mundial da Educación

O ensino a debate

Onte rematou o Foro Mundial da Educación, que desde o día 10 reuniu en Compostela a perto de 1000 persoas dos distintos continentes co obxectivo de reflexionar sobre a Educación e a Paz. A CIG-Ensino, que é unha das organizacións integrantes do Comité Organizador levou ás sesións do mesmo duas importantes actividades coorganizadas coa Fundación Galiza Sempre.

Na sesión de mañán do sábado o protagonismo correspondeu á situación do noso idioma, os ataques da Consellería de Educación ao mesmo e as actuacións que se desenvolven nos distintos ámbitos para a súa defensa e promoción.

Representantes de Queremos Galego, Prolingua, Galegolab e BNG, o editor Francisco Pillado, a escritora Teresa Moure, a profesora Pilar García Negro e o secretario nacional da CIG-Ensino Anxo Louzao expuxeron a realidade do noso idioma nos distintos ámbitos, a loita do último ano e as perspectivas da mesma.

No remate das intervención houbo un animado coloquio no que diversas persoas de fora de Galiza amosaron a súa solidariedade, manifestando ao mesmo tempo que calquer ataque a un idioma debe ser considerado un acto violento e que toda persoa que se considere pacifista debe defender o dereito do pobos a empregar a súa propia lingua en todos os ámbitos.

No último día do Foro nunha palestra sobre Paz e Dereitos Colectivos dos Pobos Eyyup Doru, representante do pobo kurdo, informou aos asistentes sobre a realidade do Kurdistán, unha nación que neste momento ten o seu territorio dividido e ocupado por Turquia, Irán, Iraq, Armenia e Siria. A realidade política, lingüística, económica, etc… foron obxecto da súa interesante exposición complementada con diversas perguntas desde o público que permitiron afondar no tema e na defensa do dereito de todos os pobos á autodeterminación.

A CIG-ENSINO levou a defensa do noso idioma e a realidade do pobo kurdo ao Foro Mundial da Educación

Volver